PuntoGal celebra o décimo aniversario do dominio galego cunha nova imaxe de marca, unha oferta de rexistros a dez euros e condicións especiais para entidades sen ánimo de lucro. Ademais, organizará no Culturgal concertos, un debate e outras actividades para conmemorar a efeméride
O 25 de xullo de 2014 entraron en funcionamento os primeiros 93 dominios .gal, entre eles Praza.gal. Pouco despois, o 2 de decembro, abriuse o rexistro libre para que calquera puidese contar co dominio para a súa web. Foi o final dun proceso iniciado en 2006, cando se puxo en marcha a candidatura, e o comezo doutro: a xestión diaria do dominio galego levada a cabo pola Asociación PuntoGal, que contabiliza neste momento 7.200 rexistros activos.
O .gal está a celebrar, polo tanto, o seu décimo aniversario, un momento para festexar pero tamén para facer balance, un momento ademais que a entidade aproveita para renovar a súa imaxe de marca. O tradicional logotipo, o nome sobre un círculo azul, dá paso a un novo deseño encargado á axencia coruñesa Lapera, cunha nova tipografía, unha nova carta de cores e un lema: O teu punto forte, destacando a solidez do dominio galego.
Neste momento existen 7.200 rexistros activos, o que reflite un ascenso paseniño pero continuado (en 2015 había 2.500, en 2018 eran 5.000). As cifras están lonxe dos niveis acadados polos dominios catalán ou vasco pero presentan unha taxa de renovación moi elevada, do 90%. É dicir, que merca un dominio galego, consérvao
O dominio visibilizará este aniversario coa campaña Menudo domin10! para compartir coa cidadanía "a consolidación dun proxecto vertebrador e comprometido co país". Asi, aproveitando a celebración do décimo aniversario, PuntoGal venderá durante un mes os .gal a 10 euros por dous anos, entre o 27 de novembro de 2024 e o 3 de xaneiro de 2025. Así mesmo, estreará unha páxina con condicións especiais para entidades sen ánimo de lucro, que a partir de agora terán a opción de optar a un dominio a prezos moi reducidos.
É o momento de facer balance do camiño percorrido. Neste momento existen 7.200 rexistros activos, é dicir, 7.200 paxinas con dominio .gal, cifra que reflite un ascenso paseniño pero continuado (en 2015 había 2.500, en 2018 eran 5.000). O dominio galego está moi lonxe dos niveis acadados polo dominio catalán .cat (112.000 na actualidade, a mesma cifra que en 2017) e tamén dos 15.000 rexistros do dominio vasco .eus. Con todo, cómpre destacar que o dominio .gal presenta unha taxa de renovación superior ao 90%, é dicir, que quen o merca manteno no tempo.
O director xeral, Darío Janeiro, celebra a consolidación do dominio, pero incide na necesidade de incrementar o número de rexistros, aínda cativo, especialmente no mundo empresarial
O director xeral da entidade xestora do dominio, Darío Janeiro, destaca en conversa con Praza.gal a "consolidación" do dominio galego e o seu crecemento constante. Ademais, subliña o traballo silandeiro de representación de Galicia nos organismos internacionais que deciden o presente e o futuro de Internet, coma a ICAAN. E tamén os numerosos proxectos de apoio á cultura, á lingua e á tecnoloxía en Galicia postos en marcha por PuntoGal nestes anos, revertendo no país os beneficios económicos que o dominio vai xerando.
Con todo, Janeiro fai fincapé na necesidade de facer crecer o dominio, incrementando o número de rexistros, aínda cativo, especialmente no mundo empresarial. "O crecemento é continuo e sostido, pero gustaríanos ter un número maior de dominios, sobre todo en determinados sectores. Hai sectores ou ámbitos nos que a penetración do dominio .gal é moi alto, pero noutros non o é tanto, como o ámbito empresarial. Aí temos un traballo pendente por facer, tentando espallar o dominio e convencer das súas vantaxes", destaca.
Janeiro incide nunha das mensaxes que a entidade veu lanzando dende o comezo: o dominio galego non era só unha cuestión decorativa, senón unha ferramenta útil para calquera entidade ou empresa que desexe singularizarse e queira identificar a súa marca con Galicia e chegar á poboación
O director xeral de PuntoGal incide nunha das mensaxes que a entidade veu lanzando dende o comezo: o dominio galego non era só unha cuestión decorativa, senón unha ferramenta útil para calquera entidade ou empresa que desexe singularizarse e queira identificar a súa marca con Galicia e chegar á poboación.
"O dominio é bonito, cando menos a nós parécenos bonito polo que representa: cando compras un .gal estás dicindo que formas parte dunha comunidade, dun sentimento, dun adn galego na rede. Pero, ademais, é un dominio útil; en primeiro lugar, tes unha maior dispoñibilidade de nomes entre os que elixir que se axusten mellor á túa marca que se mercas por exemplo un .com; é, ademais, identifica a túa actividade con Galicia", di Janeiro.
"Dende hai dez anos, unha vez que o dominio estivo en marcha, o que facemos é un traballo de mantemento e de tratar de que o dominio para que baixo o paraugas de puntogal haxa unha comunidade cada vez máis numerosa"
Janeiro bota finalmente a vista cara atrás, non só aos dez anos de funcionamento do dominio e da asociación, senón ao traballo previo, iniciado en 2006, que deu lugar á consecución do .gal. "Houbo esa primeira fase, que foi moi longa, para conseguir o dominio, na que tivemos o apoio de varias entidades ás que sempre estaremos moi agradecidos porque daquela PuntoGal non tiña recursos e o traballo era puramente voluntario", lembra.
Dende o 2014 a entidade traballa no día a día, buscando fortalecer o .gal, destaca: "dende hai dez anos, unha vez que o dominio estivo en marcha, o que facemos é un traballo de mantemento e de tratar de que o dominio para que baixo o paraugas de puntogal haxa unha comunidade cada vez máis numerosa".
Para Manuel González, presidente de PuntoGal, “cómpre facer revisión do camiño percorrido, examinar os acertos e os erros e coller novos azos para darlle un novo pulo á implantación do dominio ata convertelo no carné de identidade de todos os galegos na Rede"
En termos semellantes, Manuel González, presidente de PuntoGal, salienta que neste momento, no décimo aniversario do dominio, “cómpre facer revisión do camiño percorrido, examinar os acertos e os erros producidos nesta etapa, e sobre todo coller novos folgos e novos azos para darlle un novo pulo á implantación do dominio ata convertelo no carné de identidade de todos os galegos na Rede". "Non teño ningunha dúbida de que PuntoGal seguirá dando pasos camiño do soño que deu lugar á súa creación”, engade.
González destaca que nestes 10 anos o dominio galego contribuíu "a construír unha Galicia máis cohesionada e identificada, a darlle visibilidade aos nosos recursos, a desenvolver as TIC en galego, a enriquecer a nosa cultura e, sobre todo, a darlle visibilidade a Galicia e á súa lingua na rede”.
Festa no Culturgal e visita ao Parlamento
No Culturgal a asociación PuntoGal organiza os concertos de Caamaño& Ameixeiras e do proxecto Pava de Lucía Aldao. Ademais, haberá un combate de debuxantes, talleres de Lego e unha xornada sobre os retos da rede en Galicia
Os festexos terán como escenario principal o Culturgal, que este ano se celebra en Pontevedra entre o 29 de novembro e o 1 de decembro. Alí, PuntoGal organiza os concertos de Caamaño& Ameixeiras e do proxecto Pava de Lucía Aldao. Ademais, haberá un combate de debuxantes (en colaboración con Autobán), talleres de Lego (en colaboración coa FIRSTLego League) e unha xornada sobre os retos da rede en Galicia, especialmente no que se refire á supervivencia do idioma fronte ao dominio das grandes multinacionais tecnolóxicas.
A conmemoración inclúe tamén unha visita ao Parlamento este 15 de outubro. Aslí, a directiva do dominio manterá unha xuntanza co presidente da institución e con representantes dos grupos parlamentarios. Lembrarase o décimo aniversario da declaración institucional que se aprobou por unanimidade o 26 de xuño de 2014, que destacaba que .gal é unha “ferramenta chave para potenciar o uso do galego na internet, dotar a nosa cultura dun novo instrumento para aumentar a súa visibilidade e facilitar que as empresas gañen en proximidade co público galego” e comprometía o “todo o apoio (…) no labor de difundir este proxecto e contribuír a facer visible a nosa lingua e cultura e situar Galicia no mapa mundial das comunicacións por internet”.