O obxectivo da xuntanza era poñer en común os seus plans de futuro, accións comerciais para este ano e previsións de evolución do mercado e da rede
Representantes dos dominios lingüísticos e culturais .gal (a Asociación Puntogal), .cat, .eus e .barcelona reuníronse este xoves na Coruña para poñer en común os seus plans de futuro, accións comerciais para este ano e previsións de evolución do mercado e da rede. Na xornada de traballo participaron tamén unha vintena dos máis importantes rexistradores de dominios do Estado -as empresas autorizadas para a venda de dominios ao público-.
A xornada abriuse cunha presentación por parte do director da Cidade dás TIC, Alfonso Martínez, que falou da importancia das novas infraestructuras e a deslocalización das mesmas para a posta en valor das industrias TIC, así como da importancia das descentralización das axencias reguladoras, tomando como exemplo a inminente apertura da AESIA na Coruña.
Así mesmo, debateuse a posibilidade de poñer en marcha algunha acción conxunta, comercial ou de marca durante o ano 2024
Na segunda parte da sesión cada un dos dominios expuxo a situación actual na que se atopa así como os plans para o resto deste ano 2024. Neste debate xurdiron asuntos como a irrupción da intelixencia artificial, os cambios na lexislación europea ou a protección dos datos de usuarios. Tamén se trataron cuestións como a ciberseguridade, o traballo dos dominios para conseguir unha rede máis segura ou as perspectivas de cooperación tendo en conta os cambios xeopolíticos máis recentes. Así mesmo, debateuse a posibilidade de poñer en marcha algunha acción conxunta, comercial ou de marca durante o ano 2024.
Os catro dominios participantes son á súa vez membros do grupo dos GeoTLDs, que reúne os dominios de raíz xeográfica, lingüística e cultural
Os catro dominios participantes son á súa vez membros do grupo dos GeoTLDs, que reúne os dominios de raíz xeográfica, lingüística e cultural, e entre os que tamén se atopan .scot (Escocia), .london (Londres) ou .bzh (Bretaña), entre outros, unha plataforma na que levan a cabo accións comúns de comunicación co público ou cos órganos de gobernanza da rede, como ICANN.
Dez anos de dominio galego
O dominio .gal supera as 7.000 webs rexistradas. Mentres, o .cat rolda as 112.000 páxinas e o .eus achégase ás 15.000
O dominio .gal é unha realidade dende o verán de 2014, momento en que se completou un proceso que se iniciara oito anos antes coa creación da asociación Puntogal que impulsou a consecución do dominio galego, acadado finalmente no verán de 2013. Un ano despois da súa posta en marcha o .gal sumaba xa 2.500 webs e no 2018 eran 5.000 rexistros. Na actualidade a cifra supera as 7.000 páxinas.
Fundació.cat, a entidade que xestiona o dominio catalán puntcat, abriu o camiño polo que despois transitaron os dominios vasco e galego. O dominio .cat naceu en 2006 e foi o primeiro dominio asociado a unha comunidade lingüística e cultural e na actualidade suma máis de 112.000 webs, unha cifra semellante á de 2017.
Á xuntanza asistiron tamén representantes do dominio .barcelona, creado en 2016
Mentres, o dominio .eus, xestionado por Punteus, naceu case ao mesmo tempo que o dominio galego e na actualidade rolda as 15.000 webs rexistradas.
Á xuntanza asistiron tamén representantes do dominio .barcelona, creado en 2016 polo Concello da capital catalá para dotar dun identificador na rede a todos os que queiran ter unha presenza en liña asociada ao nome da cidade.