O puntogal, o dominio galego na rede, celebrou en maio o seu primeiro aniversario dende o acto oficial de lanzamento. En xullo, ademais, os primeiros dominios farán un ano. É tempo de facer as primeiras valoracións sobre o camiño percorrido nestes primeiros meses, sobre todo dende o comezo da fase aberta (decembro), o momento no que calquera persoa, entidade ou empresa puido rexistrar os seus dominios.
Somos xa ao redor de 2.300 dominios puntogal, unha cifra que pasiño a pasiño vai crecendo. Isto en canto aos rexistros; os dominios activos son menos, unha cifra concreta que no futuro haberá que analizar, a través dun estudo concreto de activación. O pasado mes de maio a Asociación Puntogal lanzou unha campaña promocional, coincidindo co 17 de maio, Día das Letras e Día de Internet, e co propio aniversario. Unha campaña que podería ter continuidade en xullo, cunha nova promoción nas semanas previas ao día 25. En maio a Xunta aprobou o decreto que regula que a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet será .gal tanto para webs como para os correos electrónicos. Unha decisión, que tardará dous anos en completarse, que de seguro axudará á extensión do dominio nas distintas administracións públicas.
O número de rexistros supera os 2.300
Hai moitas razóns para contratar un dominio puntogal. De feito, na propia web da asociación que o xestiona unha enquisa online permite facerse unha idea de cales son as máis habituais. "Axudar a difundir o galego na Rede", e "Destacar que os contidos, produtos ou servizos da miña web están relacionados con Galicia" son as máis votadas, por diante de "Para que a versión en galego da miña web teña un dominio propio" ou "Para ter o control da miña marca ou nome na Rede".
Os dominios pódense contratar a través de distintos axentes rexistradores, a partir de 50,45 euros ao ano. Os prezos, notablemente máis elevados que os .com ou .es (ao redor de 14 euros ao ano), están ligados ao tamaño de cada dominio, cuns gastos fixos equiparables que deben ser soportados polo conxunto da comunidade. Por exemplo, o dominio vasco (.eus), que tamén botou a andar o pasado ano, ten un prezo (na oferta máis económica) de 50,95 euros. Falamos con Edita de Lorenzo, directora xeral da Asociación Puntogal.
En maio a Xunta aprobou o decreto que regula que a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet será .gal tanto para webs como para os correos electrónicos
O puntogal celebra o seu primeiro ano, con máis de dous mil rexistros. Que valoración se pode facer? Cumpríronse as expectativas?
As expectativas sempre son altas porque para iso estamos metidos en algo que non é tan simple. Imos ben. Poderíamos ser máis, por suposto, pero temos en conta que a situación económica é a que é e, ademais, en realidade levamos pouco máis de seis meses de fase aberta e hai aínda moita xente que non está informada ou que non está segura de como adquirir o dominio. Pouco a pouco vaise coñecendo, e a xente ve que calquera pode ter un dominio puntogal. En conxunto, a valoración é moi positiva.
Hai dominios institucionais, de empresas, de particulares, de asociacións... Nalgún destes sectores detectades un comportamento especialmente bo, ou todo o contrario?
Hai un pouco de todo. É distinta a primeira fase, de lanzamento, cando fixemos o rexistro de marcas e reservas, nas que traballamos moito coas administracións públicas. E unha segunda fase na que o papel das empresas e particulares foi máis importante. Moitos están facendo os rexistros, outra cousa é cando comezarán a operar estas webs co novo dominio; aquí depende de cada caso, algúns fano de forma inmediata e outros tardan máis. Cando o fagan o dominio será máis visible. Tamén será importante o momento no que estas mesmas empresas ou administracións comecen a empregar os enderezos de correo electrónico co novo dominio. Miramos moito o tema das webs, pero ao final a difusión do puntogal creo que vai chegar cando vexamos enderezos electrónicos con el.
"Miramos moito o tema das webs, pero ao final a difusión do puntogal creo que vai chegar cando vexamos enderezos electrónicos con el"
Hai moitas razóns para empregar o dominio: algunhas de tipo simbólico, ligadas á identidade ou á lingua galega; e outras de tipo económico, unha serie de vantaxes ligadas á creación dunha imaxe de marca, nas que sempre incidistes moito. Credes que polo de agora conseguistes vender ben esta última idea?
Máis que vendela mellor ou peor, creo que a clave é afondar nela, e conseguir que todos sexamos conscientes, hai moito que traballar aí. É certo que o nivel simbólico, a vinculación emocional e persoal coa Terra, funciona moito, porque a todos nos fai ilusión que a páxina da nosa asociación ou club leve o puntogal. Pero o nivel económico é algo que aínda temos que traballar moito. Decatámonos de que moitas veces a xente que non vive en Galicia o ve máis claro que os que estamos aquí. O puntogal permite que todo o mundo identifique a túa páxina con Galicia, e iso é moi importante, porque en Internet hai millóns de cousas e é fácil perderse. Se ti tes un selo distintivo e ese selo está ademais asociado a algo que se recoñece como calidade, iso convértese nun valor engadido moi importante. E mesmo en cuestións de procuras en Internet: o puntogal permite que o teu produto ou marca se atope antes que se tivese un .com, para os que aparecen millóns de resultados.
"O puntogal permite que todo o mundo identifique a túa páxina con Galicia. Se ti tes un selo distintivo e ese selo está ademais asociado a algo que se recoñece como calidade, iso convértese nun valor engadido moi importante"
Falas, por exemplo, dunha adega galega que queira vender no estranxeiro, aproveitando a boa imaxe dos viños galegos no mundo, por exemplo?
É un pouco esa idea. Moitas veces nós, aquí dentro, non somos conscientes do valor que ten o noso e fóra o feito de que sexa galego si se ve como un extra. O puntogal engádelle directamente esa identificación.
Como está chegando o puntogal ás comunidades galegas no exterior, na diáspora? Hai moitos rexistros? Comunicástesvos con elas?
Temos socios na asociación que están no estranxeiro, moitas entidades sociais sobre todo. Non é que fixéramos un estudo de cantos rexistros foron feitos en Galicia e cantos fóra, pero si que moitas veces vemos novos rexistros realizados moi lonxe.
De igual xeito, unha marca de fóra pode empregar o puntogal para operar con máis eficacia en Galicia ou vender mellor os seus produtos. Detectastes moitos casos?
Non hai moitas activas. Pero si que é certo que na fase de lanzamento, cando as marcas poden reservar o seu dominio, foron moitas as de fóra, algunhas moi coñecidas, que colleron o puntogal. Moitas cólleno simplemente para reservar o nome, e agora haberá que ver se fan uso del. Estou convencida de que cando o uso do puntogal sexa máis frecuente, cando unha marca queira operar en Galicia non lle vai quedar outra que empregar o dominio galego.
"Temos que facer nós un traballo máis activo para chegar aos Concellos. Seguimos mantendo a reserva dos seus dominios, para evitar que ninguén o poida coller máis que a propia institución"
En canto ás institucións, en maio a Xunta decidiu que os dominios da administración autonómica serán .gal. Como están respondendo os Concellos?
Na fase de lanzamento reservamos os nomes de marcas comerciais e os doutras entidades, coma os concellos. Superada esa fase, en principio, os nomes que non foran rexistrados xa non estarían reservados, pero cos Concellos seguimos mantendo a reserva, para evitar que ninguén o poida coller máis que a propia institución, porque vimos que non entrou nin sequera a metade. É certo que temos que facer nós un traballo máis activo para chegar a eles. Hai concellos pequenos que non contan con técnicos informáticos, e penso que o período electoral e agora a constitución das novas corporacións tamén influíu. Agora co decreto da Xunta será máis doado.
"Manter o dominio non é doado, e implica moitísimos gastos, que na súa maioría son alleos a nós. E eses gastos son practicamente os mesmos, tanto se tes dous mil dominios, se tes dez mil ou tes un millón"
Algunha xente sorprendeuse ao ver o prezo dos dominios puntogal, en comparación cos que teñen os .com ou os .es, mesmo houbo algunhas críticas. O prezo irá reducíndose a medida que máis xente se rexistre?
Na asociación sempre quixemos baixar o prezo o máximo posible, e iremos baixándoo. Porque cantos máis sexamos, o prezo poderá ser máis reducido. O que interesa é manter o dominio puntogal, e que os posibles beneficios que poida haber revertan de novo en Galicia. Moita xente pensa que o traballo duro era conseguir o dominio, e xa está, que agora vai todo rodado. Pero realmente manter o dominio non é doado, e implica moitísimos gastos, que na súa maioría son alleos a nós. E eses gastos son practicamente os mesmos, tanto se tes dous mil dominios, se tes dez mil ou tes un millón. E, daquela, os gastos hai que repartilos entre todos. Se comparamos o prezo dos .gal cos dalgúns dominios que naceron canda a nós, aínda somos máis baratos.