0 Gardados para despois

Dende o 25 de xullo, Praza.gal

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A partir do 25 de xullo poderedes entrar en praza.gal. E en avogacia.galdeputacionlugo.gal, celta.gal25dexullo.gal ou ascatedrais.gal, até un total de 93 webs de entidades sociais, empresas e administracións públicas, seleccionadas pola Asociación Puntogal no seu Programa de Pioneiros. A Asociación revelou este martes, nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego, as candidaturas escollidas entre as 134 presentadas. Os nomes pioneiros poderán activarse dende o vindeiro venres.

Para Manuel González, estas entidades, ademais de contribuír "ao desenvolvemento das industrias TIC en Galicia", axudan a "elevar a nosa autoestima"

No acto, o presidente da Asociación puntoGAL, Manuel González, destacou que “os participantes neste programa son pioneiros de algo tan importante como que neste medio revolucionario que condiciona as nosas vidas Galicia teña un carné de identidade, que a lingua galega teña visibilidade”, de xeito que estas entidades, ademais de contribuír "ao desenvolvemento das industrias TIC en Galicia", axudan a "elevar a nosa autoestima, como en calquera pais normal, facendo exhibición da nosa identidade como galegos". González agradeceu o "compromiso" e o apoio económico amosado, pois os responsables das candidaturas escollidas tiveron que desembolsar entre 400 euros (entidades sen ánimo de lucro), 1.000 euros (administracións públicas) e 3.000 euros (empresas privadas).

Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETSE) na Universidade de Vigo, é a primeira directora xeral da Asociación Puntogal

O acto no Museo do Pobo serviu tamén para que puntoGAL anunciase o nomeamento da súa primeira directora xeral, Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (ETSE) na Universidade de Vigo, e profesora titular do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións dende 1998. Ourensá, forma parte da directiva de Coditel (Conferencia de Directores de Enxeñería de Telecomunicación), do Coetg/Aetg (Colexio Oficial/Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacion de Galicia) e foi cofundadora da sección española do WIE (Women in Engineering). De Lorenzo deu as grazas a todos os que contribuíron ao lanzamento do novo identificador, especialmente aos que farán visible o dominio activándoo a partir do 25 de xullo. Ademais, explicou con detalle as novas fases que se abren a partir de agora

 

Os 93 dominios seleccionados

Hai tamén un grupo de empresas que dende o primeiro momento apostaron polo .gal, como Dinahosting, R, Galaxia, Xerais, Gadis ou Rei Zentolo. Tamén o Celta e o Deportivo

Entre os primeiros dominios .gal atopamos un bo número de administracións públicas; ademais dos varios dominios concedidos á Xunta (25dexullo.gal, cultura.gal ou goberno.gal), destacan o da Deputación de Lugo (deputacionlugo.gal) e varios concellos, como Carballo, Teo, Ribadeo, Ponteceso, Ordes, Pontevedra, Castrelo de Miño, Vilar de Santos ou Cambre. Hai tamén varias entidades sociais, como Adega, CIG, CC.OO., CTNL, A Mesa, AGAL, Prolingua ou a Real Academia Galega; asociacións profesionais (aetg.gal ou xornalistas.gal); as tres universidades e tamén varios entes relacionados coas novas tecnoloxías (Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Cluster TIC de Galicia, Agasol ou a Fundación Centro Supercomputación de Galicia).

Hai tamén un grupo de empresas que dende o primeiro momento apostaron polo .gal, como Dinahosting, R, Galaxia, Xerais, Gadis ou Rei Zentolo. Tamén o Celta e o Deportivo. E varios medios de comunicación: ademais de Praza, Galicia Confidencial, Radiofusión, Sermos Galiza, A Voz de Vilalba, Código Cero, La Voz de Galicia ou El Correo Gallego. Debullando a lista, descubrimos tamén algunha curiosidade, como que o Partido Popular rexistrase a web Feijoo.gal. Ou que Ribadeo escollese o dominio ascatedrais.gal. Ou que unha cooperativa coma a do Val, en Narón, decidise apostar de inicio polo dominio galego (oval.gal)

Dos 93 pioneiros seleccionados, seis están incluídos nunha lista da ICANN (o organismo que goberna as direccións da Internet) de millóns de enderezos de todos os novos dominios que non se poderán activar agora. Polo tanto, r.gal, cultur.gal, xunta.gal, crtvg.gal, ccoo.gal e socialistas.gal están xa rexistrados a nome desas organizacións, pero tecnicamente non poderán entrar en funcionamento o 25 de xullo. O motivo é que ICANN estableceu que 9,8 millóns de enderezos de novos dominios necesitan salvagardas especiais para evitar confusións entre a Internet e as intranets. Esta lista -chamada por ICANN confusión de nomes ou name collision- afecta a todos os novos identificadores, non só ao .gal. Estes nomes entrarán en funcionamento en canto a ICANN determine o procedemento para activalos.

 

Novas fases, novos dominios

Completada a fase de Pioneiros, a seguinte, bautizada como Abrente, comezará o 15 de setembro, durará até novembro e busca "protexer" dominios de interese público

Completada a fase de Pioneiros, a seguinte, bautizada como Abrente, comezará o 15 de setembro, durará até novembro e busca "protexer" dominios de interese público. No Abrente as entidades públicas e privadas poderán exercer o seu dereito preferente de solicitar o seu dominio actual. Búscase así protexer os intereses de colectivos como propietarios de marcas, administracións públicas ou marcas internacionais protexidas de acordo as normas da ICANN. A asociación destaca neste senso que "unha das finalidades do puntoGAL é que as empresas e institucións poidan presentar as súas marcas, produtos e servizos dunha maneira máis próxima aos galegos". Paralelamente ao Abrente, haberá unha fase de Carreira para o público en xeral para os enderezos que non teñan dereitos preferentes. Durante a Carreira poderase poxar por enderezos especialmente atractivos.

A partir de decembro comezará a quenda para a fase aberta, "na que todo o público poderá acceder ao dominio sen restricións", como sucede con calquera dos dominios que levan tempo na rede. As características concretas de cada fase serán publicadas no portal www.dominio.gal "con suficiente antelación". Ademais, a través desta páxina indicarase a fórmula para consultar e resolver dúbidas.

Os sitios web co .gal deben ter un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas

Dominio.gal tamén explica que páxinas webs poderán empregar o dominio .gal. Os sitios web co .gal deben ter un contido mínimo significativo en lingua galega, aínda que se mostre tamén noutros idiomas. En caso de que non mostre contido en galego, deberán ser contidos relacionados coa cultura galega ou servizos en liña especificamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento. Así o obriga a candidatura do .gal aprobada por ICANN.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

As primeiras .gal

  • 25dexullo.gal Xunta de Galicia
  • academia.gal Real Academia Galega
  • adega.gal Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
  • aetg.gal Asociación Enxeñeiros Telecomunicación de Galicia
  • agasol.gal Asociación de Emresas Galegas de Software Libre (AGASOL)
  • age.gal Alternativa Galega de Esquerda
  • amesa.gal A Mesa pola Normalización Lingüística
  • amigosdopatrimoniodecastroverde.gal Asociación Cultural Amigos do Patrimonio de Castroverde
  • anova.gal Anova - Irmandade Nacionalista
  • ascatedrais.gal Concello de Ribadeo
  • atriga.gal Axencia Tributaria de Galicia
  • avelinodiaz.gal Hadrián Fernández Eiros "Ardao Eiros"
  • avogacia.gal Consello da Avogacía de Galicia
  • avozdevilalba.gal Asociación Cultural A Voz de Vilalba
  • axendadixital.gal Xunta de Galicia
  • bng.gal Bloque Nacionalista Galego
  • cabana.gal Cabana Bergantiños
  • cambre.gal Cambre
  • carballo.gal Carballo
  • castrelo.gal Castrelo de Miño
  • catedraldesantiago.gal Catedral de Santiago
  • ccoo.gal CCOO de Galicia
  • celta.gal Real Club Celta de Vigo S.A.D.
  • cesga.gal Fundación Centro Supercomputación de Galicia
  • cidadedacultura.gal Cidade da Cultura de Galicia
  • clustertic.gal Cluster TIC de Galicia
  • codigo.gal Grupo Código Cero Comunicación
  • compromiso.gal Compromiso por Galicia
  • concellodemanzaneda.gal Manzaneda
  • consellodacultura.gal Consello da Cultura Galega
  • cpeig.gal Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia
  • crea.gal Asociación CREA directores y realizadores de Galicia
  • crtvg.gal Compañía de Radio-Televisión de Galicia
  • csif.gal Central Sindical Independiente e de Funcionarios de Galicia
  • ctnl.gal Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua
  • cultur.gal Jose Manuel Aldea Moscoso
  • cultura.gal Xunta de Galicia
  • deputacionlugo.gal Deputación provincial de Lugo
  • dinahosting.gal Dinahosting
  • editorialgalaxia.gal Editorial Galaxia, S.A.
  • elcorreogallego.gal Editorial Compostela, S.A.
  • fegamp.gal Federación Galega de Municipos e Provincias
  • feijoo.gal Partido Popular
  • fundacioncastelao.gal Fundación Castelao
  • fundacionislacouto.gal Fundación Isla Couto
  • fundacionoteropedrayo.gal Fundación Otero Pedrayo
  • gadis.gal Gadisa Retail S.L.U.
  • galicia.gal Xunta de Galicia
  • galiciacalidade.gal Galicia Calidade
  • galiciaconfidencial.gal Xurimaru Servizos de Comunicación
  • galizacig.gal Confederación Intersindical Galega - CIG
  • goberno.gal Xunta de Galicia
  • isoc.gal Internet Society
  • lavozdegalicia.gal La Voz de Galicia S.L.U.
  • liceodenoia.gal Sociedade Cultural e Recreativa Liceo de Noia
  • lingua.gal Xunta de Galicia
  • mundo-r.gal R Cable y telecomunicaciones Galicia, S.A
  • museodopobo.gal Asociación Padroado do Museo do Pobo Galego
  • ordes.gal Ordes
  • oval.gal Cooperativa Santa María do Val S.C.G.
  • parlamento.gal Parlamento de Galicia
  • pgl.gal Associaçom Galega da Lingua (AGAL)
  • ponteceso.gal Ponteceso
  • pontevedra.gal Concello de Pontevedra
  • portaldaspalabras.gal Real Academia Galega e Fundación Barrié
  • ppdegalicia.gal Partido Popular
  • praza.gal Fundación Praza Pública
  • presidente.gal Xunta de Galicia
  • prolingua.gal Asociación Cultural Prolingua
  • psdeg-psoe.gal PSdeG
  • R.gal R Cable y telecomunicaciones Galicia, S.A
  • radiofusion.gal Emisoras Municipais Galegas
  • radiogalega.gal Compañía de Radio-Televisión de Galicia
  • rcdeportivo.gal Real Club Deportivo de La Coruña
  • redondela.gal Concello de Redondela
  • reizentolo.gal Rei Zentolo, S.L.
  • ribadeo.gal Ribadeo
  • sermosgaliza.gal Sermos Galiza, S.A.
  • snccoo.gal CCOO de Galicia
  • socialistas.gal PSdeG
  • teleco.gal Escola de Enxeñaría de Telecomunicación
  • televisiondegalicia.gal Compañía de Radio-Televisión de Galicia
  • teo.gal Teo
  • turismo.gal Xunta de Galicia
  • udc.gal Universidade da Coruña
  • usc.gal Universidade de Santiago de Compostela
  • uvigo.gal Universidade de Vigo
  • valedordopobo.gal Valedor do Pobo
  • veciñosporlugo.gal Veciños por Lugo
  • vilardesantos.gal Vilar de Santos
  • xerais.gal Edicións Xerais de Galicia
  • xornalistas.gal Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
  • xunta.gal Xunta de Galicia