Un de cada dez nenos e nenas recoñece que sufriu ciberacoso e un de cada tres adolescentes violencia dixital na parella, segundo o novo e detallado estudo sobre o impacto da tecnoloxía da infancia, que advirte do aumento da ansiedade e da violencia neste ámbito nunha xeración "hiperconectada".
O estudo, no que participa a USC, consultou case 100.000 persoas novas na maior investigación nun Estado sobre o impacto da tecnoloxía nestas idades
O informe, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Consello Xeral de Colexios de Enxeñería Informática, Unicef España e Red.es, xorde dunha consulta a case 100.000 nenos, nenas e adolescentes de toda España, na que é a maior investigación sobre impacto da tecnoloxía nestas idades que se dá a nivel dun Estado. Nela, o uso que os proxenitores fan dos dispositivos é tamén abordado polo influxo que ten no comportamento posterior dos fillos e fillas: a falta de límites e o mal emprego do móbil por parte dos pais duplica as condutas de risco entre a rapazada.
O informe Infancia, adolescencia y bienestar digital. Una aproximación desde la salud, la convivencia y la responsabilidad social advirte dunha mocidade e infancia "máis consciente dos perigos de Internet" pero que segue "enfrontándose a graves desafíos emocionais e de convivencia". Unha xeración na que, segundo o estudo, o 92,5% de adolescentes están conectados a algunha rede social e máis do 75% participan en tres ou máis. Xa nos últimos cursos de Primaria, case o 80% da rapazada está conectada a unha destas redes.
Máis do 40% da rapazada de dez anos ten móbil, unha porcentaxe que é de case o 93% entre o estudantado da ESO
E acceden a elas desde o seu propio dispositivo na gran maioría. Porque con dez anos, o 41% dos nenos e nenas dispón de teléfono móbil, unha porcentaxe que ascende ao 76% con 12 anos e a practicamente todos na ESO (case o 93%), sendo a idade media de acceso os 10,8 anos.
Ademais, o 44,3% leva o móbil ao centro educativo a diario e destes, un de cada tres adoita miralo durante as clases. Tamén máis do 40% asegura que dorme todos ou case todos os días co teléfono no cuarto e practicamente a metade destes (47,5%) di usalo durante a madrugada.
En canto á actividade, case un 9% dos mozos e mozas de entre 10 e 20 anos dedica máis de cinco horas diarias ás redes sociais entre semana, unha cifra que se eleva até case o 20% durante a fin de semana. Ademais, o 5,7% podería desenvolver un uso problemático das redes sociais, porcentaxe que alcanza o 7,7% entre quen cursan Bacharelato —a etapa máis vulnerable—e que é significativamente maior entre as mozas, o que evidencia importantes diferenzas de xénero nesta problemática."
Case o 10% dos adolescentes din sufrir ciberacoso e un de cada tres, violencia dixital na parella, como o control das amizades en redes ou de onde está en cada momento
Este uso intensivo asóciase a maior ansiedade, peor calidade de vida e maior exposición a situacións de acoso, ciberacoso ou control na parella a través de medios dixitais. "O 25% dos adolescentes declara sufrir acoso escolar, preto do 10% ciberacoso, e un de cada tres mozos e mozas con parella [ou que a tiveron] recoñece vivir control ou chantaxe a través do móbil ou as redes", destacou Antonio Rial Boubeta, psicólogo social, profesor de Ciencias da Educación na USC e director científico da investigación.
Segundo o estudo, as condutas máis habituais nesta violencia dixital na parella teñen que ver co control das súas amizades nas redes sociais (case o 22% recoñecen telo sufrido), o uso dos dispositivos dixitais para controlar onde e/ou quen está en cada momento (14,2%) ou a revisión non consentida do móbil (case o 9%). .
O estudo destaca que a falta de normas e límites no uso da tecnoloxía, xunto a un mal exemplo por parte das persoas adultas, duplica as condutas de risco online. E pon cifras e datos enriba da mesa: a porcentaxe de rapazada que pasa máis de cinco horas ao día en redes as fins de semana é do 18% entres aqueles cuxos pais non usan o móbil durante as comidas, pero ascende ao 24,6% se os pais si o empregan na mesa. Do mesmo xeito dáse co consumo de pornografía (27,5% entre contra 34,3%), aceptar descoñecidos en redes (31,6% fronte ao 40,3%), quedar en persoa con xente coñecida en internet (17,9% fronte ao 12,6%) o uso problemático das redes sociais (8,7% fronte ao 4,4%).
A falta de normas e límites no uso da tecnoloxía e o mal exemplo dos pais duplica as condutas de risco 'online' dos máis novos
É case unha cuarta parte do alumnado consultado o que asegura que seus pais ou nais adoitan utilizar o móbil para enviar whatsapp, consultar o correo ou outra actividade durante as comidas ou ceas familiares. As persoas expertas que participan na investigación aseguran que os pais "deben dar exemplo no bo uso dos dispositivos" porque "favorece a instauración progresiva dunha boa hixiene dixital no fogar".
O estudo tamén afirma que máis da metade dos proxenitores fala habitualmente cos fillos dos riscos de internet e que o 46% adoita poñer normas ou límites respecto das horas de uso do móbil, internet ou redes sociais. Ademais, só tres de cada dez limita os contidos que soben.
Malia que os riscos continúa, aclaran os autores do estudo, si se observan avances no uso responsable de internet. Case o 60% da rapazada consultada falou con persoas descoñecidas na rede e un 25,1% recibiu mensaxes de carácter sexual, e case o 9%, presións para enviar fotos ou vídeos de carácter erótico ou sexual. Con todo, son datos mellores dos rexistrados en 2021 nun informe semellante.
Unha cuarta parte da rapazada di ter recibido mensaxes de carácter sexual na rede; un 9%, presións para enviar fotos de carácter erótico ou sexual
Os impulsores da investigación consideran que a exposición á pornografía "segue a ser un reto". Porque case o 30% dos e das consultadas di tela consumido nalgunha ocasión, e nun de cada tres casos de maneira fortuíta. O inicio do consumo sitúase, de media, nos 11,5 anos, e o 70% asume que non fala de sexo na casa.
Segundo o estudo, case a metade dos consultados di consumir pornografía "para masturbarse", con diferenzas significativas entre mozos (57,5%) e mozas (23%). No caso das mulleres, a principal motivación é a "curiosidade" (47,8%).
Máis da metade necesita desconexión dixital
Por outra banda, máis da metade dos e das mozas consultadas aseguran certa necesidade de desconexión dixital e demandan máis educación dixital, afectiva e emocional, así como acompañamento adulto e falar sobre saúde mental e relacións. "Os hábitos de xogo e de descanso dependen de cadaquén, pero as redes están deseñadas para enganchar", explicaron Ailin, de 17 anos, e Pablo, de 12, membros de grupo asesor de Unicef España.
O informe foi presentado este martes nun acto clausurado polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e o presidente de Unicef España, Gustavo Suárez Pertierra, xunto a expertos e representantes do ámbito tecnolóxico, educativo e familiar.
O detallado estudo ten unha importante pegada, coa participación da USC, a dirección científica de Antonio Rial, ademais dunha recollida de datos entre novembro de 2024 e xuño de 2025 mediante un cuestionario online aloxado nun servidor do Centro de Supercomputación de Galicia.
Respecto da investigación levada a cabo en 2021, a mostra practicamente se duplicou, incorporando respostas de nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria.