O colectivo denuncia que a falta dun informe da Consellería de Facenda mantén bloqueada unha convocatoria que, din, xa acumulaba meses de atraso pola falta de planificación do anterior equipo reitoral
A Plataforma de Profesorado Axudante Doutor da Universidade de Santiago de Compostela denuncia o "bloqueo" da estabilización deste colectivo. Advirte que esta parálise é o resultado dunha "dobre demora", sinalando que a falta dun informe da Consellería de Facenda "mantén bloqueada unha convocatoria" que, din, xa acumulaba meses de atraso pola falta de planificación do anterior equipo reitoral da universidade.
Explican que nos últimos anos as prazas de promoción eran convocadas antes do verán e os concursos resolvíanse durante o outono, chegando algún ano a resolverse en xullo. Porén, sinalan, este ano a convocatoria xa acumulaba un atraso de varios meses na súa tramitación interna "debido á negativa do anterior equipo reitoral a realizar a planificación en tempo e forma, facendo caso omiso ás demandas do colectivo e ás advertencias das propias candidatas á reitoría durante o proceso electoral".
Finalmente, o Consello de Goberno da USC aprobou a convocatoria en xuño. Con todo, a día de hoxe segue sen poder publicarse á espera dun informe preceptivo relativo á Oferta de Emprego Público (OPE) de 2026 que debe emitir a Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento, dependente da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.
Denuncian, ademais, que a Consellería de Educación "pretende manter a discriminación do persoal temporal" no novo decreto dos complementos retributivos autonómicos. "A universidade pública galega precisa estabilidade e condicións dignas. A carreira profesional de quen dedicou anos de esforzo á formación e á investigación non pode quedar paralizada por neglixencias na xestión e demoras administrativas inxustificadas", conclúen
As consecuencias deste bloqueo son "graves", subliña o colectivo, xa que "cada mes de demora supón manter artificialmente a unha parte relevante do profesorado nunha categoría inferior mentres que supón un aforro orzamentario para as administracións". Ademais, este atraso "redundará tamén en impedirlles reunir a tempo os requisitos para solicitar os complementos retributivos autonómicos", denuncian.
Respecto a estes complementos autonómicos, denuncian, ademais, que a Consellería de Educación "pretende manter a discriminación do persoal temporal" no novo decreto dos complementos retributivos autonómicos. Alertan de que, malia as promesas en sentido contrario, a Consellería "pretende manter esta exclusión de xeito encuberto", isto é, esixindo ter recoñecidos previamente complementos estatais (quinquenios docentes e sexenios de investigación). "Isto supón volver discriminar por antigüidade a través doutro complemento, unha manobra contraria á Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), que obriga a valorar os méritos individuais do persoal", din.
"A universidade pública galega precisa estabilidade e condicións dignas. A carreira profesional de quen dedicou anos de esforzo á formación e á investigación non pode quedar paralizada por neglixencias na xestión e demoras administrativas inxustificadas", conclúe o colectivo, que esixe a solución ao actual bloqueo coa emisión por parte da Consellaría o informe favorable da OPE de 2026
Lembran que a figura de Profesorado Axudante Doutor "é a principal vía de entrada á carreira docente e investigadora na universidade", é a figura máis común entre o profesorado menor de 40 ano e que se trata dunha categoría con contrato temporal na que o persoal percibe retribucións por debaixo doutros corpos docentes públicos (como o ensino secundario), a pesar de que para acceder a estas prazas universitarias se esixen grao, mestrado, doutoramento e anos de traxectoria investigadora competitiva.
Cabe salientar, engaden, que "gran parte deste colectivo xa tiña os méritos necesarios para acceder a unha praza fixa cando asinou o seu contrato actual hai máis de tres anos".