O profesorado axudante doutor da USC reclama a súa estabilización

Colexio de San Xerome, sede do Reitorado da USC © USC

A Plataforma de Profesorado Axudante Doutor da Universidade de Santiago convoca unha concentración ante a Reitoría para denunciar a "precarización do colectivo" e reivindicar a necesidade de acelerar os procesos de estabilización

A Plataforma de Profesorado Axudante Doutor da Universidade de Santiago (USC) levará a cabo este venres 24 ás 12 unha concentración diante da Reitoría para denunciar a "precarización do colectivo" e reivindicar a necesidade de acelerar os procesos de estabilización.

A figura de profesorado axudante doutor representa o xeito máis habitual de inicio da carreira do PDI dentro da Universidade. Debería ser un período de transición que permitise ao persoal investigador que viña de rematar a fase de doutoramento completar a súa formación. Os Estatutos da propia USC indican no seu artigo 26.1 que os axudantes "serán contratados coa finalidade principal de completaren a súa formación docente e investigadora”.

Porén, dende o ano 2008 a falta de investimento económico nas universidades vén bloqueando os procesos de contratación e estabilización, deixando a boa parte deste profesorado axudante doutor varado durante moito anos nesta figura, con retribucións, responsabilidades e recoñecemento por debaixo dos seus méritos e cualificación. A plataforma sinala que o 71,8% dos seus integrantes xa contan con acreditación para unha categoría profesional superior, polo que están sobrecualificados para o seu actual contrato. 

Imaxe da convocatoria da concentración do profesorado axudante doutor da USC ©

Dende o ano 2008 a falta de investimento nas universidades vén bloqueando os procesos de contratación e estabilización, deixando a boa parte deste profesorado axudante doutor varado durante moito anos nesta figura, con retribucións, responsabilidades e recoñecemento por debaixo dos seus méritos e cualificación

A media de idade do profesorado axudante doutor da USC é, ademais, anormalmente alta, de xeito que están asinando os seus primeiros contratos nesta figura con 38 anos, cando se trata dunha categoría pensada para persoal investigador e docente moito máis novo.

A plataforma di que "por unha cuestión de dignidade profesional" deben "darse pasos decididos para a estabilización do conxunto do colectivo acreditado a categoría superior". Lembran, neste senso, que o convenio colectivo do PDI laboral para o Sistema Universitario Galego recoñece o seu dereito á estabilización no seu artigo 35, que afirma que “cando un profesor axudante doutor reúna os requisitos exixidos [...], a Universidade creará unha praza que se corresponda coa acreditación por el obtida”. 

E subliñan que este proceso de estabilización "debe ser unha posición estratéxica da Universidade" e que pode ser "fundamental nun momento de transición xeracional dentro da Universidade, e mesmo con problemas de captación nalgunhas áreas".

A media de idade do profesorado axudante doutor da USC é anormalmente alta. A plataforma di que "por unha cuestión de dignidade profesional" deben "darse pasos decididos para a estabilización do conxunto do colectivo acreditado a categoría superior"

A plataforma recoñece que nos últimos anos as condicións do colectivo "foron progresando", de xeito que non houbo que agardar ao fin do contrato para poder estabilizar. Porén, sinalan que observan "con preocupación que esta dinámica non continúe, cando o obxectivo debe ser acelerala" e critican que "no curso pasado fomos a única categoría laboral na que se mantivo unha bolsa de solicitantes", mentres que "as promocións a profesorado titular e catedrático non tiveron que agardar". 

Finalmente, engaden que "as restricións orzamentarias non poden ser o argumento para perpetuar esta situación, trátase dunha cuestión de prioridades na xestión" e din que "a prioridade teñen que ser as figuras máis precarizadas, como así foi aprobado polo Claustro da USC nas Liñas Xerais do Orzamento para o 2025". Neste senso, apuntan que o momento actual se presenta como "unha oportunidade" coa chegada dos fondos europeos que aumenta os orzamentos da Universidade pública e a sinatura do Programa María Goyri no desenvolvemento da LOSU.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.