A porcentaxe de aulas impartidas en galego pasa do 25,4% ao 29,2% no último curso, pode que como consecencia dos incentivos directos que desde este ano se estableceron para a docencia na lingua propia
Aumenta o uso da lingua galega na docencia na Universidade de Santiago. Os datos correspondentes ao actual curso 2025-26 amosan un incremento notable, pois o dato global de uso pasa do 25,4% ao 29,2% en só un ano, unha suba que se engade á lenta tendencia de ascenso que xa se viña adventindo dende o curso 2019-20 (21%).
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC, que publicou os datos hai uns días, destaca o "incremento significativo", do 19% en relación ao curso anterior, e subliña que o dato se sitúa no máximo da serie histórica, que comeza no curso 2015-16. Durante a pasada década a porcentaxe de uso do galego mantivérase estable ao redor do 20%.
O SNL explica que "unha das razóns que poden explicar este feito son os incentivos directos que desde este curso se estableceron para a docencia en galego". A USC recoñece oficialmente con 0,2 horas docentes equivalentes (HDE) cada hora lectiva que imparta nesta lingua o profesorado a tempo completo e o substituto a tempo parcial. O servizo destaca que "esta medida supuxo un estímulo relevante, especialmente en determinados centros e departamentos".
O galego é moito máis usado nas aulas impartidas no Campus de Lugo (39,3%) que nas do Campus de Santiago (27,4%). Tamén é máis habitual o seu uso nas clases de Máster (40,6%) que nas de Grao (28,1%)
O aumento do uso do galego nos últimos cursos supuxo unha redución semellante do castelán (desde o 74,9% do curso 19-20 ata o 66,6% actual), xa que a presenza do inglés e das restantes linguas estranxeiras mantívose practicamente invariable en todo o período, cunha media total do 4%.
Segue a haber, iso si, importantes diferenzas por campos, por tipo de estudo e por área de coñecemento, facultades e departamentos. Así, o galego é moito máis usado nas aulas impartidas no Campus de Lugo (39,3%) que nas do Campus de Santiago (27,4%). Tamén é máis habitual o seu uso nas clases de Máster (40,6%) que nas de Grao (28,1%).
O galego é maioritario nas áreas de Ciencias Sociais e Xurídicas e Artes e humanidades. En cambio, na área de Ciencias da Saúde o uso continúa a ser case que excepcional (6,3%)
De igual xeito, existe unha gran diversidade entre os datos que se rexistran nalgunhas áreas, como Ciencias Sociais e Xurídicas, na que o galego é amplamente maioritario (59,5% fronte ao 40,2% do castelán), ou Artes e humanidades, na que o galego tamén é o idioma máis empregado (42,1% fronte ao 30,9% do castelán e ao 27% doutras linguas).
No extremo contrario, na área de Ciencias da Saúde o uso do galego continúa a ser case que excepcional (6,3%). Outras áreas, como a de Ciencias ou Enxeñaría e Arquitectura, presentan porcentaxes semellantes á media global do 30%.
O galego é maioritario en 11 facultades e o castelán en 18, de xeito que ao redor do 40% do alumnado da USC está estudando nun centro en que o galego é a lingua maioritaria da docencia
O SNL destaca que "a área de Ciencias da Saúde e as súas titulacións seguen a ser a principal pexa que lastra os datos xerais da USC, pois concentra máis do 40% das horas docentes". Isto é tamén o que explica a diferenza en favor do galego nos estudos de Máster, pois neles a área de Ciencias da Saúde ten menos peso (8,5% das horas docentes) en comparación cos graos; e a maior parte da docencia (40,7%) recae sobre titulacións de Ciencias Sociais e Xurídicas, nas que o galego ten máis peso.
As diferenzas entre os distintos estudos son abismais. Máis de 90% en Pedagoxía ou Xeografía, máis do 80% en Economía ou Xornalismo. E 3% en Medicina, 6%, 16% en Farmacia ou 20% en Óptica
A evolución do galego nos últimos anos é favorable en todos os tipos de estudos, campus e áreas de coñecemento, pero destaca a suba nas áreas de Ciencias Sociais e Xurídicas e Ciencias, no campus compostelán e nos estudos de máster. Nos últimos tres cursos (dende o 22-23) vemos o incremento do seu uso en graos (+4,5 puntos) e másteres (+7,1); no campus de Santiago (+5,2) e no de Lugo (+3,6); en Ciencias Sociais e Xurídicas (+11,3), Ciencias (+9,4), Enxeñaría (+6,1), Ciencias da Saúde (+1,9) e Artes e Humanidades (+1,8).
O SNL destaca que "a área de Ciencias da Saúde e as súas titulacións seguen a ser a principal pexa que lastra os datos xerais da USC, pois concentra máis do 40% das horas docentes"
Malia o incremento xeral, as diferenzas entre os distintos centros e estudos son abismais. Do máis de 90% en Pedagoxía ou Xeografía ou do máis do 80% en Economía ou Xornalismo, pásase ao 3% de Medicina, 6% de Odontoloxía, 13% de Enfermaría (en Santiago), 16% de Farmacia ou 20% de Óptica.
O galego é maioritario en 11 facultades e o castelán en 18, de xeito que ao redor do 40% do alumnado da USC está estudando nun centro en que o galego é a lingua maioritaria da docencia. No último curso producíronse, ademais, cambios significativos, como que, por primeira vez, o galego é o idioma máis empregado nas facultades de Económicas, Xeografía e Historia, Traballo Social e Enfermaría.
Non houbo apenas cambios na Facultade de Medicina, na que o uso do galego se mantén no 3,2% que supón, iso si, o seu máximo da última década. De excluír os seus datos da media, o uso total do galego na Universidade de Santiago acadaría o 40%
Os aumentos foron importantes tamén en Bioloxía, Dereito, Matemáticas, Química e mesmo en Farmacia, aínda que nalgúns casos aínda con porcentaxes cativas. Non houbo apenas cambios, no entanto, na Facultade de Medicina, na que o uso do galego se mantén no 3,2% que supón, iso si, o seu máximo da última década.
O uso do galego nesta facultade ten unha importancia maior, pois nela impártense preto do 30% das horas de clase totais da USC, unas 127.000 horas (ningunha outra facultade supera as 30.000). De excluír os seus datos da media, o uso total do galego na Universidade de Santiago acadaría o 40%.