Galicia online: repensar a identidade cultural fronte á omnipresenza dixital

Repensar a identidade cultural fronte á omnipresenza dixital © Grial

 

Texto publicado no número 248 de Grial

Galicia enfróntase ao reto de existir e proxectarse nun espazo dominado por corporacións globais e algoritmos que priorizan o universal fronte ao particular. Mais, lonxe de ser unha ameaza inevitable, o dixital pode ser tamén un espazo de soberanía cultural se somos quen de galeguizalo

No século XXI, a tecnoloxía deixou de ser un instrumento externo para converterse no propio armazón da vida social. A comunicación dixital configura hoxe as formas de pensar, relacionarnos e crear, condicionando tamén a expresión das identidades culturais. Galicia, con lingua e cultura propias, enfróntase ao reto de existir e proxectarse nun espazo dominado por corporacións globais e algoritmos que priorizan o universal fronte ao particular. Mais, lonxe de ser unha ameaza inevitable, o dixital pode ser tamén un espazo de soberanía cultural se somos quen de galeguizalo: de traducir a nosa identidade ao código tecnolóxico do tempo presente e de facer do galego unha lingua viva tamén nos circuítos da comunicación global.

A tecnoloxía global da comunicación transformou o noso marco operativo converténdose hoxe na nosa nova atmosfera, nun fenómeno integral na nosa vida. Neste contexto, a cultura galega enfróntase a un desafío decisivo: o seu futuro non se xoga á marxe do dixital, senón dentro del. Se a revista GRIAL nos anos sesenta serviu para artellar un discurso de país a través da palabra impresa e a reflexión pausada, hoxe a conversa cultural prodúcese noutros espazos: en redes, plataformas, smartphones, canles dixitais. Cando chegou a rede pensamos onde quedarían e que papel poderían xogar as culturas periféricas nese novo escenario, pero a cuestión central non é xa se o galego sobrevive a Internet, senón como a nosa identidade se redefine neste universo omnipresente. A rede é o espazo onde a nosa comunidade se pensa a si mesma en tempo real, o reto agora é que ese pensamento non se disolva na superficie do ruído.

Iconas de redes sociais CC-BY-SA Ibrahim.ID

Do relato á rede. A tensión da identidade

A rede multiplica as voces e democratiza a expresión, pero tamén fragmenta a atención e modifica os espazos de diálogo. Non borra a identidade: multiplícaa, sométea a tensión e redefínea. O desafío consiste en manter a densidade cultural e simbólica nun medio que privilexia a velocidade e o impacto

Cantas veces ao día lemos algo en galego en Internet? Un chío en X, un meme, unha publicación en Instagram... Quizais máis do que pensamos. O paradoxo é evidente: o idioma e a cultura que durante séculos se transmitiron a través da tradición oral, na lareira, na literatura… hoxe tamén viven nas pantallas. A cultura galega, ao entrar no espazo dixital, entra tamén nun novo tipo de realidade social: a Galicia conectada, expandida e en constante tradución. Pasamos de “Galicia como relato” a “Galicia como rede”.

Esta é unha comunidade online, espallada polo mundo, unida por un fío invisible. E ese fío pode afastarnos ou achegarnos á nosa identidade. Está en perigo a nosa cultura ou está, por fin, atopando un novo camiño para expandirse? Un exemplo: vén de estrearse en Netflix a serie Animal, onde se mostra a idiosincrasia galega dun xeito único: con expresións moi nosas, retranca, acento, música e paisaxes galegas cun alto nivel de protagonismo. E non só foi número un na plataforma durante semanas, senón que durante o primeiro mes tamén se converteu na sétima serie más vista a nivel global en lingua non inglesa da plataforma.

O dixital non é só un medio, é un ecosistema, un novo territorio onde se redefine quen somos e como nos perciben. A rede multiplica as voces e democratiza a expresión, pero tamén fragmenta a atención e modifica os espazos de diálogo. Non borra a identidade: multiplícaa, sométea a tensión e redefínea. O desafío consiste en manter a densidade cultural e simbólica nun medio que privilexia a velocidade e o impacto. Ante a hexemonía cultural de corporacións como Disney e Marvel, por exemplo, ou a dominancia de Meta e Google, a nosa oportunidade reside en ter unha voz e unha cultura singular e única. Proxectos como o de Tanxugueiras —tres mulleres que mesturan pandeiretas e autotune, tradición e modernidade, convertendo o son galego nun fenómeno viral— demostran que a nosa cultura e identidade pode transcender fronteiras.

O espello da desigualdade e o algoritmo

A tecnoloxía non é un elemento neutro. É un espello que reflicte e amplifica as desigualdades estruturais da nosa sociedade, e no caso da nosa cultura isto significa analizar a fenda dixital e o desafío do algoritmo

Internet deixou de ser un simple medio de difusión para converterse nunha infraestrutura vital. O dixital atravesa a economía, a política e a vida cotiá, e por tanto tamén a cultura. O incremento das vendas online, os bots e as redes influíndo nas eleccións políticas, os likes nas redes sociais abrindo portas a novos traballos, a capacidade de difusión dos influencers… (na startup RUTA N-VI, por exemplo, vimos como medrou o interese por este road trip destino Galicia grazas ás publicacións de dous influencers este verán, que descubriron unha viaxe única polo territorio coa axuda do Google Maps da ruta e abriron o proxecto ao público masivo a través de Instagram). A tecnoloxía é xa a atmosfera onde respiramos: o contexto en que traballamos, aprendemos e nos representamos, o terreo onde temos que xogar a partida.

Pero a tecnoloxía non é un elemento neutro. É un espello que reflicte e amplifica as desigualdades estruturais da nosa sociedade, e no caso da nosa cultura isto significa analizar a fenda dixital e o desafío do algoritmo.

Hai unha Galicia urbana e tecnolóxica, e outra que segue a vivir nunha conectividade precaria. A fenda dixital non é só de acceso (aínda que a conexión 5G parece estar operativa en case todo o país, aínda hai zonas en que non hai boa cobertura), senón tamén de coñecemento e de uso cultural. As xeracións maiores, moitas veces afastadas das prácticas dixitais, quedan parcialmente excluídas dun espazo onde se produce e se distribúe cultura. O risco é que a súa experiencia, fundamental para a continuidade simbólica do país, desapareza das representacións colectivas.

Imaxe promocional de 'Animal' © Netflix

O algoritmo, esa forza invisible que organiza a información e decide o que vemos, opera con lóxicas de mercado global que favorecen as linguas dominantes. O galego, minorizado en termos demográficos, é unha lingua pouco atractiva para as grandes corporacións tecnolóxicas. Isto tradúcese nunha menor visibilidade para os contidos culturais galegos

Ao mesmo tempo, o algoritmo, esa forza invisible que organiza a información e decide o que vemos, opera con lóxicas de mercado global que favorecen as linguas dominantes. O galego, minorizado en termos demográficos, é unha lingua pouco atractiva para as grandes corporacións tecnolóxicas. Isto tradúcese nunha menor visibilidade para os contidos culturais galegos, o que reforza un círculo vicioso de invisibilidade e desinterese. Cando un creador de contidos publica na nosa lingua, o algoritmo ten máis dificultades para recomendalo, esixindo un esforzo dobre. Isto tradúcese nunha realidade: o que non se ve no feed, non existe no universo dixital. Ademais, a tecnoloxía fomenta o consumo rápido, ameazando as formas culturais máis complexas ou profundas (ensaio, literatura extensa), que son substituídas pola cultura da inmediatez.

A normalización lingüística do noso tempo non é só unha cuestión escolar ou institucional: é tamén tecnolóxica. O galego debe estar presente nas infraestruturas da comunicación do futuro —nos sistemas de intelixencia artificial, nos tradutores automáticos, nos recoñecementos de voz e nas plataformas de contido— se quere seguir sendo unha lingua viva. A lingua que non está nos algoritmos, non existe no futuro da comunicación. Se os datos de adestramento da IA non conteñen suficiente corpus de calidade en galego, o noso idioma será residual ou mal interpretado nos sistemas de interacción do futuro. Isto non é só un problema lingüístico, é un problema social e político que afecta á liberdade de expresión e á creación de contidos dixitais. O reto da IA é garantir que o galego non sexa unha opción secundaria, senón unha presenza natural nos sistemas de coñecemento e comunicación do futuro.

Estratexias para o equilibrio e a sostibilidade

A normalización lingüística do noso tempo non é só unha cuestión escolar ou institucional: é tamén tecnolóxica. O galego debe estar presente nas infraestruturas da comunicación do futuro —nos sistemas de intelixencia artificial, nos tradutores automáticos, nos recoñecementos de voz e nas plataformas de contido— se quere seguir sendo unha lingua viva

A presenza da cultura galega nas redes é un acto de soberanía cultural: significa ocupar o lugar que nos corresponde nun mundo que tende a uniformar as diferenzas.

Non abonda con dixitalizar o existente. Cómpre galeguizar o dixital. Isto implica fomentar a creación de contidos en galego con calidade profesional e ambición contemporánea: videoxogos, podcasts, curtametraxes, proxectos transmedia, canles de streaming e iniciativas que conecten coas xeracións máis novas. A innovación cultural non debe entenderse como ruptura coa tradición, senón como continuidade expresiva a través de novos medios. E a dixitalización non pode ser só un arquivo, debe ser un espazo de creación activa e atractiva.

Para xogar a partida do futuro con éxito, a nosa estratexia debe buscar o equilibrio entre a tradición e a modernidade, un glocalismo aplicado á creación: o galego nas novas ferramentas globais (podcast, streaming, IA…). Porque a nosa visibilidade online é a mellor ferramenta que a cultura galega tivo xamais para saltar fronteiras, conectando coa diáspora e con novos públicos sen pasar polos filtros tradicionais. Perfís como o tiktoker Dani Morán, que reivindica Galicia dende o Bierzo tocando versións de temas musicais mainstream coa súa gaita, son un bo exemplo.

'Pasaporte' da Ruta N-VI © Ruta N-VI

A presenza da cultura galega nas redes é un acto de soberanía cultural: significa ocupar o lugar que nos corresponde nun mundo que tende a uniformar as diferenzas

As institucións culturais e educativas teñen aquí un papel decisivo: actuar como mediadoras, acompañar a creación e ofrecer recursos para que o ecosistema dixital galego sexa sostible e plural. Deben actuar como curadoras e facilitadoras, creando espazos de difusión e redes de colaboración coa iniciativa privada. Proxectos innovadores como RUTA N-VI, que usan o dixital para revalorizar o patrimonio, son esenciais para a sustentabilidade cultural e económica.

Hai moitos creadores en galego que non conseguen chegar a bo porto porque non teñen as axudas que necesitan. Mais tamén é necesaria unha alfabetización crítica que nos permita comprender como funcionan as tecnoloxías que utilizamos. Non se trata só de saber usalas, senón de entender as súas lóxicas e de ser quen de subvertelas cando sexa necesario.

Traducir Galicia ao código do presente

O desafío é traducir Galicia ao código do tempo presente, facendo que a nosa lingua e cultura sexan lexibles e atractivas no espazo global sen perder raíz nin singularidade. Non se trata de elixir entre tradición e modernidade, senón de mesturalas con orgullo. A presenza dixital da cultura galega é un acto de soberanía cultural

A dixitalización non debe entenderse como unha renuncia, senón como unha tradución. O desafío é traducir Galicia ao código do tempo presente, facendo que a nosa lingua e cultura sexan lexibles e atractivas no espazo global sen perder raíz nin singularidade. Non se trata de elixir entre tradición e modernidade, senón de mesturalas con orgullo. A presenza dixital da cultura galega é un acto de soberanía cultural.

Unha cultura que sobreviviu a séculos de adversidade: á emigración, á censura, ós séculos escuros, á globalización… e tamén sobrevivirá ao dixital, se sabemos entender que este novo territorio é o lugar onde se libra a batalla pola relevancia cultural.

O futuro de Galicia non se xoga só nos libros nin nas prazas, senón tamén nas pantallas. Trátase de facer que o galego soe en podcasts, que os nosos contos se lean en pantallas e que as nosas paisaxes se vexan nas redes. E nese espazo, Galicia pode ser non só resistente, senón relevante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.