O galego na USC: 20% na docencia, 25% nos traballos de fin de grao, 9% nas teses

Estudantes universitarios nunha facultade da USC © USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC publica todos os anos estatísticas actualizadas sobre o uso do idioma galego na docencia e na presentación dos traballos oficiais de cada unha das titulacións. Estes datos permiten analizar a evolución curso a curso destes indicadores, permitindo coñecer a realidade lingüística existente nas aulas da Universidade de Santiago. 

No curso 2018-19 que está a piques de rematar o galego foi empregado no 21% das clases, unha porcentaxe lixeiramente superior á de anos anteriores (era do 19,75% no curso 2017-18), pero inferior ao que se daba nos inicios desta década. Moi lonxe, por suposto, da porcentaxe de aulas impartidas en castelán, que malia descender un pouco se move por riba do 75%. 

O galego acadara un máximo nos cursos 2009-10 e 2010-11, cando chegou case ao 30%

O galego acadara un máximo nos cursos 2009-10 e 2010-11 (sumando datos de graos e de titulación de 1º e 2º ciclo), uns anos nos que a porcentaxe de uso chegou case ao 30%. Algo máis preto son os datos de galego e castelán na docencia dos máster. Aquí a porcentaxe de uso do galego supera o 36%, fronte ao 62% de castelán.

O Plan de Normalización Lingüística da USC, aprobado no ano 2002, tiña entre os seus obxectivos "consolidar a lingua galega como un dos idiomas instrumentais da docencia" e "incrementar o emprego da lingua galega nas tarefas de investigación e divulgación dos coñecementos científicos". De igual xeito, as liñas xerais da programación plurianual 2007-2010, propoñían aproximar o uso do galego nas aulas da USC ás ratios do bacharelato, que se sitúan por riba dos datos universitarios.

Hai oito titulacións nas que o galego non chega nin ao 10% das clases. Entre elas, algunha tan destacada como Medicina, Enfermería, Farmacia ou Bioloxía

Hai, por suposto, grandes diferenzas entre as distintas titulacións e departamentos. Así, atopamos catro graos que superan o 80% de clases en galego: Lingua e Literatura galegas, Xornalismo, Comunicación Audiovisual e Educación Social. E outros nove graos que superan o 50%: Paisaxe, Filosofía, Xeografía, Pedagoxía e cinco graos de Mestre de Educación Infantil e Primaria. Ademais, Historia e Económicas roldan o 45%.

Pola contra, hai oito titulacións nas que o galego non chega nin ao 10% das clases. Entre elas, algunha tan destacada como Medicina, Enfermería, Farmacia ou Bioloxía. Química, Óptica, Dereito ou Enxeñaría Química fican tamén lonxe do 20%.

O galego tamén presenta datos moi cativos noutros ámbitos da actividade universitaria, por exemplo nas teses de doutoramento presentadas na USC, ou na defensa de traballos de fin de grao (TFG) e de fin de máster (TFM). 

Nas teses a porcentaxe de galego supera por pouco o 8%, moi lonxe do castelán (58%) e mesmo do inglés (30%), superando por pouco ao portugués (4,3%)

Así, nas teses a porcentaxe de galego supera por pouco o 8%, moi lonxe do castelán (58%) e mesmo do inglés (30%), superando por pouco ao portugués (4,3%). A porcentaxe de galego descendeu nos últimos dous anos, pero nunca chegou a superar o 15%. As áreas de Humanidades, Artes e Ciencias Sociais e Xurídica son as que rexistraron un maior uso da lingua galega.

Algo superiores son os datos nos traballos de fin de grao e de máster. Aquí as porcentaxes de galego roldan o 25%, tanto nas presentacións orais como nas escritas. A porcentaxe de uso do galego nos TFG foi descendendo nos últimos tempos, pois hai seis ou sete anos roldaba o 30%.

"Os usos lingüísticos nos TFG son un espello das linguas utilizadas polo PDI na súa docencia", destaca o SNL

En oito graos houbo un maior número de traballos en galego ca en castelán: Ciencias da Cultura, Xeografía e Historia, Mestre en Educación Primaria e Educación Infantil de Santiago, Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Lingua e Literatura Galegas. Estas últimas seis titulacións tamén son as que máis usan o galego na docencia. O SNL destaca que "en xeral os usos lingüísticos nos TFG son un espello das linguas utilizadas polo PDI na súa docencia", aínda que "en poucos casos os traballos estudantís melloran os datos do seu profesorado". Así, en Xornalismo, o 52% dos traballos realízanse en galego, pero o 83% das aulas impártense nesta lingua.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.