"Conciencias creativas": noite de ciencia nas sete cidades

Participantes na G-Night de 2024, na Praza de Abastos de Lugo © Xuvenciencia

Máis de duascentas actividades de divulgación científica espállanse este 26 de setembro polas sete principais cidades nunha nova edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras.

Conciencias creativas. Baixo este lema común, máis de duascentas actividades de divulgación científica espállanse este 26 de setembro polas sete principais cidades galegas nunha nova edición da G-Night, a Noite das Persoas Investigadoras.

"Achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade" é o obxectivo principal dun evento que na súa anterior edición, a de 2024, sumou arredor de 7.000 participantes. O amplo programa ten desta volta a coordinación da Universidade de Vigo nun consorcio no que tamén participan as universidades de Santiago e da Coruña e varios centros de investigación científica con sede en Galicia.

Participantes na G-Night de 2024 © G Night Galicia

Así, por exemplo, en Vigo son en torno a unha trintena de postos no Edificio Redeiras para "gozar en directo de experimentos e das explicacións do persoal docente e investigador da UVigo nos ámbitos científico, da enxeñaría ou das ciencias sociais". Ao tempo, chega unha nova edición de Ciencia no bar no Café de Catro a Catro, Ciencia na Biblio na Biblioteca Xosé Neira Vilas e seis obradoiros científicos no local de Emaús.

"Achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, especialmente entre a mocidade" é o obxectivo principal dun evento que na súa anterior edición sumou arredor de 7.000 participantes

Na Coruña, a Domus acolle visitas escolares con tres obradoiros sobre a vida celular das enfermidades, a importancia do sono e as relacións entre enxeñaría e medicina. Ademais, a dársena da Mariña convértese nun gran espazo de ciencia ao aire libre co Instituto Español de Oceanografía, a Asociación Española contra o Cancro e varios centros de investigación da UDC, ademais de charlas exprés de 15 minutso sobre diversas temáticas. Tamén destaca na programación coruñesa a feira científica no MUNCYT.

En Santiago a G-Night concéntrase no claustro do Colexio de Fonseca, con vinte postos de centros de investigación da USC. Ademais, O Pazo de San Xerome acolle catro faladoiros científicos e o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) ou o Centro de Supercomputación de Galicia ofrecen portas abertas e visitas guiadas.

Imaxe coa que a G-Night divulga a súa programación nas sete cidades para este 26 de setembro © G-Night

En Lugo a Noite das Persoas Investigadoras ten como epicentro as instalacións da Praza de Abastos e do lindeiro Mercado Municipal. Coa bagaxe do programa Xuvenciencia e da man de Agromar, o campus lucense da USC traslada aos mercados postos de biomedicina ou "experiencias inmersivas para explorar o futuro da enerxía e da saúde"

En Ourense, pola súa banda, a organización da G-Night destaca actividades como un obradoiro de escrita antiga na Facultade de Historia ou os debates sobre ciencia e dereitos no Café Torgal. En Pontevedra salientan a Camiñada Castelao, para descubrir a pegada do político e artista na cidade, e unha scape room sobre o cambio climático organizada pola Misión Biolóxica do CSIC. En Ferrol as experiencias xirarán arredor da enxeñaría, a economía ou o márketing político no Centro Cívico de Canido, xunto con visitas ás infraestruturas de investigación do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.