A Noite Galega das Persoas Investigadoras: 70 actividades nas sete cidades para "conectar a cultura científica coa sociedade"

Actividade da primeira edición da G-Night en Pontevedra © Uvigo

O pasado ano máis de 6.000 persoas participaron nas distintas accións organizadas no marco da primeira edición

Este venres 30 de setembro celébrase nas sete cidades galegas a segunda edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), con máis de 70 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico desenvolvidas por preto de medio millar de investigadoras e investigadores coordinada pola Universidade de Vigo co impulso das tres universidades galegas, a Xunta, o Muncyt e os Museos científicos coruñeses. O pasado ano máis de 6.000 persoas participaron nas distintas accións organizadas no marco da primeira edición desta iniciativa da UE, financiada por Marie Sklodowska Curie Actions.

Rúas, museos, bares e praias, cun total de 30 localizacións espalladas polas sete cidades, converteranse en punto de encontro do traballo que desenvolven as e os científicos coa sociedade, que terá a oportunidade de, un xeito lúdico, accesible e gratuíto, de participar en obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos.

6000 persoas participaron o pasado ano das actividades da G-Night © Uvigo

José A. Costoya (USC): “Queremos conectar a cultura científica co resto da sociedade, ser unha especie de ponte”

Na presentación na Universidade de Vigo dos actos previstos na cidade olívica, Pontevedra e Ourense a vicerreitora de Comunicación e relacións institucionais, Mónica Valderrama, incidiu na importancia de que as actividades da G-Night permiten “achegar á cidadanía en xeral e aos cativos en particular conceptos que son máis abstractos, cunha aplicación máis directa e máis doada de comprender”. “Queremos conectar a cultura científica co resto da sociedade, ser unha especie de ponte”, destacou pola súa banda en Santiago o coordinador da iniciativa en Compostela e profesor da USC, José A. Costoya.

Mónica Valderrama (UVigo): "as actividades da G-Night permiten “achegar á cidadanía en xeral e aos cativos en particular conceptos que son máis abstractos, cunha aplicación máis directa e máis doada de comprender”

A praza do Berbés será o epicentro das actividades da G-Night en Vigo, onde o edificio Redeiras, o café Vitruvia e o Porto, completan as localizacións. En Ourense serán o Edificio de Ferro do campus e o Torgal os escenarios e en Pontevedra La Gramola acollerá tres charlas. No caso da Universidade de Santiago, decenas de obradoiros de divulgación científica e relatorios diversos ateigarán o claustro do Colexio de Fonseca en Compostela, así como o Vello Cárcere de Lugo. 

Finalmente, na Coruña as actividades espallaranse pola cidade, dende a Praza de María Pita, o Muncyt e a Domus e varios centros de secundaria e facultades, ademais de bares. De igual xeito, os obradoiros levaranse a cabo en facultades do campus e tamén ao aire libre, en distintas localizacións.

Paseo científico organizado na primeira edición da G-Night, que se repetirá este ano © Uvigo

O Berbés en Vigo, Fonseca en Compostela ou Vello Cárcere de Lugo, entre unha trintena de localizacións, acollerán preto dun cento de actividades

Cómpre destacar, ademais, que entre os meses de xuño e setembro organizáronse 36 charlas de divulgación científica en 18 centros educativos de Vigo, Cambados, Ourense, Lugo, Tomiño, Nigrán, Redondela e Moaña. Trátase da iniciativa Researchers at schools coa que se pretende achegar o traballo do persoal investigador da Universidade de Vigo ás escolas e institutos e dar a coñecer ademais as actividades da G-Night.

Case un cento de actividades

Rúas, museos, bares e praias acollerán obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos

Algúns dos obradoiros que se levarán a cabo, neste caso en Compostela, serán ‘Biotecnoloxía na cociña’ no que se extraerá ADN utilizando utensilios que se poden atopar facilmente nunha cociña; e o taller ‘Fabrica o teu propio anticorpo’ no que as persoas participantes poderán construír o seu propio anticorpo e levalo consigo. Ademais, no obradoiro ‘Gastronomía molecular’ do CiQUS aplicarase a ciencia á cociña tradicional, investigando as transformacións químicas e físicas que acontecen nos ingredientes durante a preparación dos alimentos. 

A segunda edición da 'Noite Galega das Persoas Investigadoras' terá lugar este venres 30 de setembro © G-Night

Entre os meses de xuño e setembro organizáronse 36 charlas de divulgación científica en 18 centros educativos de Vigo, Cambados, Ourense, Lugo, Tomiño, Nigrán, Redondela e Moaña

Así mesmo, o CiTIUS é o responsable de ‘Scalextric-IA’ que consistirá nunha carreira entre dous coches, un equipado con intelixencia artificial e o outro controlado polas persoas participantes no obradoiro coa axuda dun condutor. ‘NL4XAI’ mostrará como as máquinas intelixentes apoiadas pola Intelixencia Artificial poden axudar a tomar decisións informadas en situacións cotiás.

En Vigo as actividades da G-Night en Vigo inclúen tres paseos científicos (coas prazas xa cubertas) que o persoal do grupo de investigación Geoma realizará a bordo da embarcación de prospección Inndaga e nos que unha ducia de persoas poderá coñecer as técnicas de prospección e investigación oceanográfica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.