De Vigo a Santiago: Galicia estrea a liña de comunicación cuántica máis longa do Estado

Posta en funcionamento da liña cuántica terrestre entre Vigo e Santiago CC-BY-SA Xunta

Galicia puxo en funcionamento este xoves a liña de comunicación cuántica terrestre máis longa de España e tamén unha das maiores de toda Europa. Son 120 quilómetros que unen Santiago de Compostela e Vigo, en concreto o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Vigo Quantum Communication Center (VQCC). 

"A I+D+i galega viviu hoxe un novo fito", destaca a Xunta sobre a posta en funcionamento desta liña, nun acto ao que acudiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, ademais da subdirectora de RedIRIS da Red.es, Esther Robles, entre outros. 

Posta en funcionamento da liña cuántica terrestre entre Vigo e Santiago CC-BY-SA Xunta

Foi no mesmo acto onde se lanzou a primeira mensaxe a través deste enlace terrestre de Distribución Cuántica de Claves (QKD) baseado en fibra, “un fito histórico para a ciberseguridade nacional”, sinalou o representante da Xunta. O sistema permitirá establecer comunicacións ultra seguras, inicialmente entre Santiago e Vigo, aínda que está prevista a súa extensión a outros puntos da rede galega de investigación e a conexión á EuroQCI, a infraestrutura de comunicación cuántica segura que abarcará toda a UE, a través do proxecto europeo IberianQCI, do que o CESGA e o VQCC forman parte.

A liña de comunicación cuántica terrestre ten 120 quilómetros e une o CESGA de Santiago co VQCC de Vigo

Segundo explica a Xunta, as aplicacións prácticas desta tecnoloxía son amplas e de gran importancia, “desde a protección de infraestruturas críticas, como redes eléctricas e sistemas de control de tráfico aéreo, ata a seguridade de transaccións bancarias e datos de saúde da cidadanía”. Así o detallou Román Rodríguez, entre outros usos como o control de plantas de produción e monitorización de infraestruturas no ámbito enerxético ou para asegurar o intercambio de datos sensibles relacionados co desenvolvemento tecnolóxico na industria farmacéutica. Tamén pode garantir a confidencialidade nas comunicacións gobernamentais e militares, así como nas redes empresariais de alto valor, xa que a medida que os computadores cuánticos se volvan máis potentes, a criptografía clásica estará en risco. “Este avance prepáranos para esa era, ofrecendo unha capa de seguridade que será inmune aos métodos de ataque futuros”, engadiu.

Esta liña foi desenvolvida por investigadores do propio CESGA co asesoramento do VQCC e conta cun investimento de máis de 850.000€, financiados no marco dun convenio de colaboración entre o CESGA e Red.es e do Plan complementario de comunicacións cuánticas a través de fondos europeos do Plan de Recuperación e Resiliencia e de fondos propios da Xunta.

A Xunta ve na posta en marcha desta liña "un fito para a I+D+i galega e para a ciberseguridade"

"Este feito marca un antes e un despois na protección das comunicacións, garantindo unha seguridade a proba de futuros ataques”, engadiu Román Rodríguez, quen felicitou aos técnicos implicados a agradeceu a colaboración das distintas administracións para “construír esta autoestrada cuántica do futuro”.

Na súa opinión, este proxecto “amosa o compromiso de Galicia coa I+D+i no ámbito das tecnoloxías disruptivas, como a cuántica, unha aposta que non fixo máis que empezar e que xa nos sitúa como unha auténtica referencia no conxunto de Europa”. Explicou, ademais, que esta liña de traballo está aliñada coas estratexias estatais e europeas, tal e como se establece no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 aprobado este ano pola Xunta e no que as tecnoloxías profundas son unha liña prioritaria.

Posta en funcionamento da liña cuántica terrestre entre Vigo e Santiago CC-BY-SA Xunta

Pola súa banda, a subdirectora de RedIRIS da Red.es, Esther Robles, amosouse “convencida de que, co tempo, moitos destes avances poderán trasladarse ás nosas redes de comunicacións, achegando beneficios aos servizos que prestamos.”

Como funciona?

O QKD é unha tecnoloxía revolucionaria que utiliza as leis da física cuántica para crear e distribuír claves de cifrado de xeito totalmente seguro. Así, se alguén intenta interceptar a clave, o simple acto de intentalo altéraa, alertando de inmediato aos usuarios e facendo imposible a espionaxe. Este método ofrece seguridade fronte a calquera avance futuro da nosa capacidade computacional, algo que os sistemas de encriptación actuais non poden garantir a longo prazo.

Este logro fai posible a xeración de claves cuánticas a través dunha única fibra óptica sen cortes nin amplificadores de sinal en dous emprazamentos situados a máis de 120 km de distancia. "O resultado demostra a viabilidade da tecnoloxía QKD en contornas reais, e coloca España á vangarda da investigación e o despregadura de infraestruturas de comunicacións cuánticas", di a Xunta. .

A primeira mensaxe enviada hoxe a través desta liña de comunicación cuántica pasará a ser gardada no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, como proba do desenvolvemento e o avance da nosa Comunidade nesta materia. É esta:

"Por Galicia, pola ciencia e polos galegos de todos os tempos", finaliza a primeira mensaxe enviada e que será gardada no Arquivo de Galicia

“Desde este lugar e neste intre queda escrita unha nova páxina da historia. Esta é a primeira mensaxe transmitida a través dunha ligazón cuántica terrestre en Galicia, a máis longa de España: un símbolo do paso decidido dun pobo que mira ao futuro con talento e con esperanza. A sociedade galega de hoxe está a aprender e a construír unha vez máis este novo camiño que será o da sociedade do mañá. Mais toda historia precisa quen a continúe: serán os galegos e galegas do futuro quen manteñan vivo este legado e o fagan medrar co seu enxeño, afouteza e paixón polo coñecemento. Por Galicia, pola ciencia e polos galegos de todos os tempos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.