Ourense terá o primeiro refuxio climático urbano de Galicia

Avenida Otero Pedrayo, na cidade de Ourense CC-BY-SA Concello de Ourense

O primeiro refuxio climático urbano de Galicia estará na cidade de Ourense. A Xunta prevé investir 340.000 euros na execución dunha serie de actuacións que permitirá crear no centro da urbe un "espazo verde resiliente que permita á cidadanía atopar un lugar no que protexerse de futuras vagas de calor".

O primeiro refuxio climático de Galicia será un corredor verde entre os extremos norte e sur da avenida Otero Pedrayo da cidade de Ourense

Así o anunciaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e mais o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que asinaron este mércores un convenio de colaboración que permitirá levar a cabo esta actuación, a terceira e última fase do proxecto impulsado na capital ourensá hai máis dun ano.

O proxecto prevé artellar un corredor verde lineal entre os extremos norte e sur da avenida Otero Pedrayo, que é un dos principais eixes de comunicación da cidade e actualmente carece de zonas de arborado consolidado. Para logralo, instalaranse xardineiras e reacondicionaranse varios illotes, entre outras actuacións que achgegarán sombreado natural e reducirán a impermeabilidade do solo na zona.

Ángeles Vázquez e Gonzalo Pérez Jácome asinan o convenio de colaboración para a creación do refuxio climático CC-BY-SA Xunta

Os traballos, que se executarán ao longo de 2026, lograrán reducir en torno a tres graos a temperatura superficial nesta zona, mitigando polo tanto o chamado efecto illa de calor e convertendo a avenida ourensá nun refuxio urbano para a poboación máis vulnerable ante episodios extremos.

O refuxio climático prevé reducir sobre 3ºC a temperatura superficial na zona e servir de acubillo para as persoas vulnerables

Foi grazas á colaboración entre a Consellería e a Universidade de Vigo cando desde o ano pasado se desenvolve unha nova metodoloxía de apoio aos concellos para detectar posibles refuxios climáticos e illas de calor nos seus respectivos territorios.

Froito deste traballo conxunto obtívose un dispositivo portátil capaz de elaborar un mapa detallado coa localización das illas de calor existentes nos concellos —é dicir, zonas cunha elevada acumulación de radiación no asfalto e no formigón— co fin de definir e executar, nunha segunda fase posterior, unha experiencia piloto a nivel local, segundo explica a xunta. 

Ourense, onde a media das temperaturas máximas supera os 30 graos tanto en xullo como en agosto, foi a cidade galega escollida pola Xunta para impulsar a creación do primeiro refuxio climático urbano de Galicia, entendidos como espazos cunha "relativa estabilidade climática e condicións ambientais favorables que os converten en lugares idóneos para combater as altas temperaturas e ofrecer protección á poboación".

O punto proposto para executar a actuación foi a avenida Otero Pedrayo, eixo principal de comunicación viaria no sector oriental da urbe e unha vía sometida á exposición directa á radiación solar ao longo do día. O compromiso é ter finalizados os traballos (de cuxa execución se encargará o Concello de Ourense) antes de que remate o ano 2026.

A Chavasqueira, en Ourense CC-BY-SA BeaTxemaAlan

Calor de récord en 2025

Cun investimento total de 450.000 euros —110.000 euros para o deseño do dispositivo portátil e o algoritmo para detectar illas de calor e 340.000 euros para a intervención na avenida—, a conselleira lembrou que a experiencia de Ourense permitirá consolidar unha metodoloxía autonómica para a planificación climática urbana e poñer os seus resultados á disposición doutras cidades e vilas de máis de 20.000 habitantes para que poidan replicar o modelo ou adaptalo ao seu territorio.

Segundo datos de Meteogalicia, o pasado ano 2025 deixou temperaturas de récord en Ourense. O mes de agosto foi o máis caloroso rexistrado nunca na cidade, cunha temperatura media de 35,4 graos, con sete días por riba dos 40º na primeira quincena de agosto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.