Ourense superou os 40 graos de temperatura este martes (41,2 en Leiro ás sete da tarde, 40,7 na propia cidade), no que foi o día máis caloroso nunha primavera dende que existen rexistros
Ourense superou os 40 graos de temperatura este martes (41,2 en Leiro ás sete da tarde, 40,7 na propia cidade), no que foi o día máis caloroso nunha primavera dende que existen rexistros. A poboación ourensá está afeita á calor, pero nos últimos anos é habitual que se superen unha e outra vez os valores máximos e tamén que aumente o número de días por riba de 35 ou 40 graos. Como dicía nesta entrevista o profesor de Xeografía Física da USC Alberto Martí, "de manterse as tendencias, nuns anos o clima de Santiago será coma o de Ourense, e o de Ourense coma o de Sevilla".
Cómpre, polo tanto, incrementar as medidas de prevención para combater esta calor extrema e dotar as cidades de refuxios climáticos, pensando sobre todo na infancia e nas persoas de maior idade, que son quen máis sofren os efectos das temperaturas. Precisamente este martes A Universidade de Vigo, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia e o Concello de Ourense asinaron un convenio de colaboración para a elaboración dun proxecto piloto de refuxios climáticos na cidade das Burgas.

Xunta, Concello e Universidade de Vigo asinaron este martes un convenio para realizar un plan piloto de identificación de illas de calor e refuxios climáticos na cidade de Ourense
O proxecto, en primeiro lugar, buscará identificar as illas de calor, entendidas como as localizacións onde as temperaturas sexan extremadamente altas, ou inusualmente altas no concello ourensán. En segundo lugar, preténdese poñer as bases para o desenvolvemento de refuxios climáticos na cidade -parques, fontes, piscinas naturais, espazos de ribeira nos ríos...-, identificando os lugares máis idóneos e as medidas que sería necesario adoptar para optimizalos, por exemplo a creaciómn de zonas verdes ou a plantación de árbores nas rúas.
Pedro Orgeira, persoal docente e investigador da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e do Aerospace Technology Research Group (ATRG)-atlanTTic da UVigo, será o responsable do proxecto, para o que a Xunta achega máis de cen mil euros e que se desenvolverá nos vindeiros meses, ata o remate deste ano 2025.
Nunha segunda fase, destaca a Consellaría de Medio Ambiente, prevese a creación de áreas verdes na cidade que sirvan para que a poboación se protexa das altas temperaturas
O convenio inclúe o deseño, montaxe e proba dun dispositivo portable de captura de variables atmosféricas (temperatura e humidade relativa), con capacidade de xeolocalización, que poida facer un mapa detallado dun concello en termos de confort ante fenómenos climatolóxicos de altas temperaturas. Con eses datos, identificaranse as illas de calor existentes e os potenciais refuxios climáticos, que conformarán o proxecto piloto, cuxos resultados permitirán validar unha metodoloxía e un modelo exportable ao resto de concellos galegos de máis de 20.000 habitantes, facilitando que poidan replicalo ou adoptar medidas semellantes na súa área de influencia.
Nunha segunda fase, destaca a Consellaría de Medio Ambiente, prevese a creación de áreas verdes na cidade que sirvan para que a poboación se protexa das altas temperaturas. Iso será en todo caso, a partir do ano que vén. Estes espazos verdes de nova creación, ademais de contribuír a facer fronte ás vagas de calor converteranse nun elemento clave para velar pola biodiversidade da contorna ao asegurar a conservación das especies autóctonas e a continuidade dos procesos ecolóxicos.
O Concello de Ourense leva anos reclamando a plantación de milleiros de árbores para loitar contra os efectos da suba das temperaturas
Na rolda de prensa de presentación do convenio, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, subliñou que “o cambio climático é unha realidade que está aquí e temos que prepararnos” polo que destacou que “para nós é unha enorme satisfacción a sinatura deste convenio”.
Pola súa banda, Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta, salientou que o proxecto “vai supor ter un mapa real daqueles puntos máis quentes dentro da cidade” e vai “procurar dar solucións para ter eses refuxios climáticos, que non é outra cousa máis que ter sombra e ter máis fresco para facerlle a vida máis doada aos ourensáns, sobre todo no verán pero tamén temos que pensar en refuxios climáticos para o inverno”.
Os resultados permitirán validar unha metodoloxía e un modelo exportable ao resto de concellos galegos de máis de 20.000 habitantes
Nos últimos anos o combate contra a calor crecente e cada vez máis extrema que sofre a cidade das Burgas estase a converter nun asunto de primeiro nivel. O Goberno local propuxo en 2022 a plantación de dez mil árbores para paliar os efectos das elevadas temperaturas e mesmo encargou un estudo á consultora PWACS que elevou a 15.400 o número de árbores que serían necesarias. Na rolda de prensa deste martes o alcalde Gonzalo Jácome reclamou á Xunta que "acometa nos próximos anos todos os requirimentos que sexan posibles para amainar un pouco este problema”.
O ano pasado Ourense acolleu xa unhas xornadas que estudaron a posta en marcha de refuxios climáticos para resistir a suba das temperaturas na cidade. A cita facía un chamamento a "imaxinar políticas de recomposición urbana a partir da intrusión da calor como un factor de vulnerabilidade na vida da cidade".