"Debemos deixar de falar das pantallas como se todas tivesen o mesmo efecto sobre o cerebro"

Sonia Villapol © www.soniavillapol.com

Como funciona o noso cerebro? Como se transforma? Como podemos coidalo? Como podemos adestralo? Como se relaciona co intestino? Como se comporta o cerebro dun ou dunha adolescente?

Sonia Villapol publica Cerebro en modo ON (Galaxia), unha obra de divulgación que busca explicar de maneira sinxela e didáctica algo tan complexo como o funcionamento do noso cerebro. O libro, que inclúe as ilustracións de Diego Estebo, fala sobre todo do cerebro adolescente (a etapa da vida na que este órgano máis cambia e se constrúe) e está pensado para que os propios mozos e mozas afonden no seu coñecemento e comprensión.

Villapol (Bretoña. A Pastoriza, 1977) é neurocientífica no Texas Medical Center, en Houston, e profesora na Universidade de Weill Corner, en Nova York. No libro salienta, sobre todo, que o cerebro é un órgano en continua transformación, ao longo de toda a vida, unha transformación que podemos acompañar (coidándoo) e guiar (adestrándoo). A receita? Horas suficientes de sono, alimentación saudable e equilibrada e aprendizaxe e novas experiencias.

"A idea do contido deste libro naceu das charlas que levo anos dando en colexios e institutos. Sempre me sorprendeu a curiosidade dos nenos e adolescentes polo cerebro. Os máis pequenos fan preguntas marabillosas, sen ningún tipo de filtro, mentres que os adolescentes adoitan interesarse por cuestións que lles afectan directamente"

Interésame, antes de comezar, saber como nace o libro. Por que te decidiches a escribir sobre o cerebro pensando sobre todo nos adolescentes e dirixido tamén en parte a eles e elas?

Desde Galaxia fixéronme a proposta de escribir un libro sobre neurociencia para a rapazada e pareceume moi boa idea, en primeiro lugar porque sería o primeiro deste estilo en galego. Penso que cadaquén debería escribir sobre aquilo que coñece ben. Para min, os libros deberían servir para compartir coñecemento, espertar a curiosidade e axudar a comprender mellor o mundo que nos rodea. E, sendo neurocientífica, que mellor que escribir sobre o que coñezo e ao que levo tantos anos dedicándome.

Ademáis diso, a idea do contido deste libro naceu das charlas que levo anos dando en colexios e institutos. Sempre me sorprendeu a curiosidade dos nenos e adolescentes polo cerebro. Os máis pequenos fan preguntas marabillosas, sen ningún tipo de filtro, mentres que os adolescentes adoitan interesarse por cuestións que lles afectan directamente: por que lles custa tanto levantarse pola mañá, por que senten as emocións con tanta intensidade, sobre o autismo, como afecta o alcohol ou o consumo da marihuana ó cerebro a longo prazo, como funciona a memoria ou o efecto no cerebro de pasar horas ó día mirando o móbil. Decateime de que moitas destas preguntas teñen explicacións neurocientíficas que podemos contar dunha maneira sinxela, sen perder o rigor científico. 

Tamén quería escribir o libro que a min me gustaría ter lido cando era adolescente. Quizais me tería axudado a entender mellor algunhas das miñas reaccións, pensamentos, emocións e inseguridades daquela época. E, por suposto, tamén pensei nas miñas fillas. Como nai de dúas adolescentes, vivo de preto esa etapa na que comezan a construír a súa identidade, cuestionan moitas cousas e necesitan cada vez máis independencia e ser elas mesmas. 

Con Cerebro en modo ON quería achegar a neurociencia aos adolescentes, pero tamén aos pais, nais e profesores. Porque comprender como funciona o cerebro nesta etapa pode axudarnos a entender mellor por que pensamos, sentimos e actuamos como o facemos, e sobre todo entender que é una etapa de maduración moi necesaria e que é unha fase moi importante para coidar o cerebro.

Corte lonxitudinal a través do centro do cerebro Dominio Público

O cerebro, pola súa complexidade, segue a ser un descoñecido? No último século aprendemos moito sobre el, pero entendo que aínda é moito o que nos queda por descubrir?

"Durante moito tempo estudamos o cerebro case como un órgano illado. Agora sabemos que está en comunicación constante co sistema inmunitario, co figado, co intestino e co resto do organismo"

Sabemos moitísimo máis do cerebro que hai cen anos cando Santiago Ramón y Cajal comezou a descrifrar os sistemas neuronais, pero aínda estamos moi lonxe de comprender completamente como funciona. Coñecemos moitas das súas estruturas, os diferentes tipos de células, os neurotransmisores e boa parte dos mecanismos que permiten que as neuronas se comuniquen. As novas tecnoloxías permítennos observar a actividade cerebral, estudar células individuais e mesmo identificar cambios moleculares asociados ás enfermidades neurolóxicas.

Pero unha cousa é coñecer os seus compoñentes e outra moi diferente entender como todos eles traballan xuntos para producir pensamentos, emocións, recordos ou conciencia. O cerebro humano ten arredor de 86.000 millóns de neuronas, e cada unha pode establecer miles de conexións con outras células. Imaxinade a cantidade de información que circula por esas redes constantemente.

Unha das grandes preguntas que seguimos sen resolver é como toda esa actividade eléctrica e química dá lugar á experiencia subxectiva de ser conscientes de nós mesmos. Tampouco comprendemos completamente por que determinadas persoas desenvolven alzhéimer e outras non, ou por que dous pacientes cunha lesión cerebral aparentemente semellante poden ter evolucións tan diferentes.

E hai algo que me parece especialmente interesante: durante moito tempo estudamos o cerebro case como un órgano illado. Agora sabemos que está en comunicación constante co sistema inmunitario, co figado, co intestino e co resto do organismo. No meu laboratorio investigamos precisamente algunhas destas conexións. Canto máis aprendemos sobre o cerebro, máis preguntas novas aparecen. Iso é parte do que fai tan apaixonante a neurociencia.

"A plasticidade é especialmente intensa durante a infancia e a adolescencia, pero non desaparece cando nos facemos adultos. Podemos seguir aprendendo e modificando as nosas conexións neuronais durante toda a vida"

Unha das ideas que repites no libro é a "plasticidade" do cerebro, a súa capacidade para transformarse ao longo da vida (sobre todo cando somos novos, pero non só). E, ademais, a nosa oportunidade de 'adestralo' e a necesidade de 'coidalo'... Podes explicar isto?

A plasticidade é especialmente intensa durante a infancia e a adolescencia, pero non desaparece cando nos facemos adultos. Podemos seguir aprendendo e modificando as nosas conexións neuronais durante toda a vida. Durante moito tempo pensouse que o cerebro adulto era unha estrutura practicamente fixa, que naciamos cun determinado número de neuronas e que, a partir de certa idade, pouco podiamos facer para cambiar o seu funcionamento. Hoxe sabemos que iso non é certo.

O cerebro ten unha capacidade extraordinaria para adaptarse ás experiencias, que coñecemos como neuroplasticidade. Cando aprendemos algo novo, practicamos unha habilidade ou vivimos determinadas experiencias, as conexións entre as neuronas poden fortalecerse, debilitarse ou reorganizarse. Incluso poden producirse cambios na estrutura e no funcionamento das redes cerebrais.

Un exemplo moi sinxelo é aprender a tocar un instrumento. Ao principio necesitamos concentrarnos en cada movemento, pero coa práctica os circuítos cerebrais implicados van cambiando e podemos executar tarefas que antes nos parecían imposibles. O mesmo sucede cando aprendemos un idioma ou adquirimos unha nova habilidade.

Agora ben, por iso é tan importante coidalo. Cada día, coas nosas experiencias e hábitos, cun bo descanso, exercicio e boa alimentación estamos influíndo dalgunha maneira no funcionamento do noso cerebro.

Capa de 'Cerebro en modo ON' © Galaxia

"O cerebro adéstrase utilizándoo, fundamentalmente, pero non se trata simplemente de facer sudokus ou exercicios de memoria. Un cerebro activo necesita experiencias variadas, desafíos, movemento, descanso e, sobre todo, motivación"

Como se adestra o cerebro? Como aprende e funciona mellor?

O cerebro adéstrase utilizándoo, fundamentalmente, pero non se trata simplemente de facer sudokus ou exercicios de memoria. Un cerebro activo necesita experiencias variadas, desafíos, movemento, descanso e, sobre todo, motivación.

Cando aprendemos algo que nos interesa, actívanse circuítos relacionados coa atención, a memoria e a recompensa. A dopamina participa nestes procesos e axúdanos a anticipar os resultados das nosas accións e a aprender das experiencias. Pero aprender non consiste unicamente en recibir estímulos agradables. Tamén necesitamos repetir, equivocarnos, esforzarnos e volver intentalo.

Un dos aspectos que máis me interesa é a curiosidade. Cando sentimos curiosidade por algo, prestamos máis atención e temos máis disposición a explorar e aprender. Por iso creo que deberiamos ensinar aos nenos a facer preguntas, e non simplemente a memorizar respostas, e isto realmente é o que os motiva máis para aprender.

Tamén sabemos que estudar durante horas sen descanso non é necesariamente a maneira máis eficaz de aprender, aínda que mantén a motivación activa. Distribuír o estudo en varias sesións e durmir adecuadamente favorecen a consolidación dos recordos.

E non debemos esquecer o exercicio físico. Cando nos movemos, non só estamos adestrando os músculos. Tamén se producen cambios metabólicos e moleculares que poden favorecer a plasticidade cerebral, sobre todo por unha proteína chamada BDNF que axuda á plasticidade neuronal, e moitas outras. 

"Ás veces esixímoslles [aos adolescentes] comportarse coma adultos cando aínda están aprendendo a regular as súas emocións e a tomar decisións, e iso non é darlle confianza ós adolescentes, todo o contrario, dálles inseguridade"

Este coidado e adestramento é especialmente importante na adolescencia?

Si, porque a adolescencia é unha das etapas de maior reorganización cerebral. Durante estes anos prodúcense cambios nas conexións neuronais, na mielinización e na maneira en que se comunican diferentes rexións cerebrais.

Un dos procesos máis interesantes é a chamada poda sináptica. O cerebro vai modificando e eliminando determinadas conexións mentres fortalece outras que se utilizan con frecuencia. Isto contribúe a que as redes neuronais funcionen de maneira máis eficiente. Por iso, as experiencias, a aprendizaxe e os hábitos desta etapa poden influír no desenvolvemento cerebral na vida adulta, e para min iso é o que lle chamo, adestrar o cerebro cos bos hábitos.

Tamén é un período no que os circuítos relacionados coas emocións, as recompensas e as relacións sociais adquiren unha importancia especial. Os adolescentes buscan novas experiencias, necesitan sentirse aceptados polo grupo e comezan a tomar decisións cada vez máis independentes.

Pero non debemos interpretar estes cambios como unha debilidade do cerebro adolescente. Precisamente esa plasticidade permítelles aprender con enorme rapidez, adaptarse a novas situacións, desenvolver habilidades e descubrir quen queren ser de adultos.

O problema é que ás veces lles esiximos comportarse coma adultos cando aínda están aprendendo a regular as súas emocións e a tomar decisións, e iso non é darlle confianza ós adolescentes, todo o contrario, dálles inseguridades. Creo que debemos aproveitar esa capacidade de aprendizaxe ofrecéndolles oportunidades, experiencias e autonomía, pero tamén acompañándoos e establecendo límites razoables.

Dúas rapazas cos seus teléfonos móbiles no campus da Universidade de Santiago © Santi Alvite/USC

"Podemos reducir determinados riscos e aumentar as posibilidades de chegar á vellez cunha mellor saúde física e cognitiva. A prevención non debería comezar aos setenta anos, senón moito antes. Os hábitos que adquirimos durante a infancia e a idade adulta tamén forman parte da saúde cerebral coa que chegaremos á vellez"

Pero non só. Podemos facelo ao longo de toda a nosa vida, verdade? Algo que na vellez pode ser moi importante para reducir a incidencia do alzhéimer e outras enfermidades e ter unha vellez con mellor saúde, non si?

Por suposto. Unha das mensaxes que me gustaría transmitir é que nunca é demasiado tarde para comezar a coidar o cerebro modificando os hábitos de vida saudables. A plasticidade diminúe ou cambia con determinados aspectos do envellecemento, pero non desaparece. Podemos continuar aprendendo, facendo exercicio, desenvolvendo novas habilidades e mantendo unha vida intelectual e social activa.

Ademais, cada vez temos máis evidencia de que determinados hábitos e factores de saúde inflúen no risco de desenvolver demencia. A Comisión Lancet publicou en 2024 un informe no que identificaba catorce factores de risco modificables e estimaba que abordar estes factores podería previr ou atrasar unha proporción considerable dos casos de demencia na poboación.

Entre eles están a inactividade física, a hipertensión, a diabetes, o tabaquismo, a perda auditiva non tratada, o illamento social ou o colesterol LDL elevado na mediana idade. Isto significa que coidar o cerebro tamén implica coidar o corazón, os vasos sanguíneos e a saúde metabólica.

Pero debemos ser prudentes. Non podemos asegurar que unha persoa que faga exercicio, lea todos os días e coma saudablemente nunca desenvolverá alzhéimer. A enfermidade ten mecanismos biolóxicos complexos e existen factores xenéticos e relacionados coa idade que non podemos modificar.

O que si podemos facer é reducir determinados riscos e aumentar as posibilidades de chegar á vellez cunha mellor saúde física e cognitiva. E hai algo que me parece fundamental: a prevención non debería comezar aos setenta anos, senón moito antes. Os hábitos que adquirimos durante a infancia e a idade adulta tamén forman parte da saúde cerebral coa que chegaremos á vellez.

"Os adolescentes necesitan habitualmente entre oito e dez horas de sono, pero a maioría dormen bastante menos. Ademais, durante a puberdade prodúcese un desprazamento dos ritmos circadianos que fai que teñan sono máis tarde e lles custe máis espertar cedo. Non é simplemente que sexan preguiceiros"

Por que é tan importante o sono e o descanso?

Porque mentres durmimos, o cerebro continúa traballando e realizando funcións fundamentais para a memoria, a regulación emocional e o seu propio mantemento.

Durante o sono prodúcense procesos que axudan a consolidar os recordos e a reorganizar a información que aprendemos durante o día. Tamén se regulan diferentes mecanismos metabólicos e inmunitarios. Existen sistemas que participan na eliminación de substancias de refugallo do tecido cerebral, as que chamamos amiloides, e sabemos que o sono está relacionado con estes procesos, aínda que seguimos investigando como funcionan exactamente para atopar sistemas de limpeza máis efectivos en enfermidades coma a demencia.

Cando durmimos pouco, temos máis dificultades para concentrarnos, aprender e regular as emocións, despois dunha noite sen durmir estamos máis irritables e reaccionamos peor ante pequenos problemas.

Na adolescencia isto é especialmente importante. Os adolescentes necesitan habitualmente entre oito e dez horas de sono, pero a maioría dormen bastante menos. Ademais, durante a puberdade prodúcese un desprazamento dos ritmos circadianos que fai que teñan sono máis tarde e lles custe máis espertar cedo. Non é simplemente que sexan preguiceiros.

Eu sempre lles digo aos estudantes que durmir axuda a estudar. Todo o contrario do que eu facía, que estudaba de noite e chegaba ós exames con poucas horas de sono. Pasar a noite enteira diante dos apuntamentos pode parecer unha maneira de aproveitar o tempo, pero se sacrificamos o sono estamos prexudicando precisamente algúns dos procesos cerebrais que necesitamos para aprender e memorizar, seino agora.

Sonia Villapol © Asomega

"Debemos deixar de falar das pantallas como se todas tivesen o mesmo efecto sobre o cerebro. Non é o mesmo utilizar un ordenador para aprender a programar, investigar ou falar cos amigos que pasar tres horas deslizando o dedo por unha rede social sen prestar apenas atención ao que estamos vendo"

Destacas o efecto negativo dun uso excesivo das pantallas na adolescencia, pero subliñas que máis que polas pantallas en si, é pola falta do sono e tamén polos mecanismos de gratificación inmediata dalgunhas aplicacións, xogos...

Creo que debemos deixar de falar das pantallas como se todas tivesen o mesmo efecto sobre o cerebro. Non é o mesmo utilizar un ordenador para aprender a programar, investigar ou falar cos amigos que pasar tres horas deslizando o dedo por unha rede social sen prestar apenas atención ao que estamos vendo.

O problema de moitas aplicacións actuais é que están deseñadas para captar e manter a nosa atención. Os contidos aparecen continuamente, as recompensas son constantes e enganchan. Estes mecanismos poden reforzar o hábito de consultar o móbil repetidamente, especialmente nun cerebro adolescente que é moi sensible ás novidades e á aceptación social e precisa esas pequenas doses para aliviar esa ansiedade.

Pero hai outro aspecto que debería de preocupar máis que é o tempo que dedicamos ás pantallas a costa doutras actividades. Se un adolescente pasa varias horas co móbil pola noite, probablemente estea durmindo menos. E se deixa de facer exercicio, de relacionarse persoalmente cos amigos ou de dedicarse a outras actividades, tamén perde experiencias importantes para o seu desenvolvemento.

"O problema de moitas aplicacións actuais é que están deseñadas para captar e manter a nosa atención. Os contidos aparecen continuamente, as recompensas son constantes e enganchan"

Hai estudos que atopan asociacións entre determinados usos problemáticos das redes sociais e dificultades de sono, ansiedade ou síntomas depresivos. Con todo, non sempre podemos establecer unha relación causal directa. Tamén sabemos que certos videoxogos poden mellorar habilidades cognitivas específicas, e incluso sociais. Hai estudios que mostraron que durante a pandemia as redes sociais aportaron un beneficio alto na saúde mental dos adolescentes para combater o illamento social. 

Por iso non son partidaria de demonizar a tecnoloxía, e especialmente nos tempos actuais onde canto máis coñecemento se adquira sobre a IA e como saber usala, máis beneficios aportará para o futuro. Creo que temos que ensinar aos adolescentes a utilizala con criterio, a recoñecer cando están perdendo o control sobre o tempo que lle dedican. E aquí os adultos temos que dar exemplo. Non podemos pedirlles que deixen o móbil durante a cea se nós mesmos estamos constantemente co móbil na man.

"Unha das cousas máis difíciles é aprender a acompañalos pero dándolles o seu espazo e escoitando a súa opinión, sen xulgar nin criticar, só aportando suxestións. Necesitan límites, pero tamén confianza e poder equivocarse. E necesitan que os escoitemos, incluso cando aquilo que nos están contando nos parece que fan un drama de todo"

Á hora de tratar cun adolescente, debemos poñernos na súa pel (e no seu cerebro) e ser conscientes dos cambios que está sufrindo e do contexto vital e hormonal (fermoso pero ás veces difícil) que está a vivir?

Estou de acordo. Creo que ás veces esquecemos que todos fomos adolescentes e fixemos cousas moi parecidas aínda que as esquecemos e agora sorpréndennos moitos dos seus comportamentos. A adolescencia é unha etapa de cambios físicos, hormonais, emocionais e sociais, pero tamén dunha intensa reorganización cerebral.

O córtex prefrontal, que participa na planificación, na toma de decisións e na regulación dos impulsos, continúa madurando durante a adolescencia e a idade adulta temperá (22 anos máis ou menos). Ao mesmo tempo, os circuítos relacionados coas emocións, as recompensas e a aceptación social teñen unha especial relevancia e son moi importantes nesa etapa.

Isto axuda a explicar por que ás veces a opinión dos amigos parece máis importante que a dos pais, por que determinadas situacións sociais vívense con tanta intensidade ou por que poden tomar decisións impulsivas en presenza doutros adolescentes. Pero non significa que sexan incapaces de razoar nin que todas as súas reaccións se deban ás hormonas.

Como nai, creo que unha das cousas máis difíciles é aprender a acompañalos pero dándolles o seu espazo e escoitando a súa opinión, sen xulgar nin criticar, só aportando suxestións. Necesitan límites, pero tamén confianza e poder equivocarse. E necesitan que os escoitemos, incluso cando aquilo que nos están contando nos parece que fan un drama de todo.

Ás veces queremos resolverlles os problemas inmediatamente, cando o que necesitan é simplemente que os escoitemos, que razoen e cometan elas mesmas os seus erros. Comprender o cerebro adolescente non significa xustificar calquera comportamento, senón interpretar mellor as súas reaccións e acompañalos con máis paciencia e comprensión, ou polo menos intentalo. E aceptar que moitas veces tamén somos os adultos os que temos que aprender a xestionar os nosos propios impulsos e batallar coas complicacións da nosa vida e aínda por enriba cas de eles. Polo tanto, faise o que se pode, pero hai que ter a intención de facelo o mellor posible.

Ilustracións de redes neuronais realizadas por Ramón y Cajal Dominio Público

"Deberiamos organizar a educación tendo máis en conta a fisioloxía dos estudantes e por idades. Non ten moito sentido explicarlles a importancia de durmir oito ou nove horas e despois establecer horarios que dificultan cumprir esa recomendación"

Sabendo o que sabemos sobre como funciona o cerebro adolescente, iso debería levar a unha adaptación dos seus horarios escolares?

Si, e neste caso temos bastante evidencia científica para xustificalo. Durante a adolescencia prodúcese un cambio nos ritmos circadianos, o noso reloxo biolóxico, que fai que a tendencia natural a durmir apareza máis tarde pola noite. Tamén cambia o horario de secreción da melatonina, unha hormona que participa na regulación do ciclo de sono e vixilia.

Isto significa que moitos adolescentes non conseguen durmir cedo, aínda que teñan que levantarse ás seis da mañá para chegar ao instituto. E se a iso lle engadimos os deberes, as actividades extraescolares e o uso dos móbiles e as pantallas, acabamos cunha rapazada que dorme menos do que necesita.

A Academia Americana de Pediatría e outras sociedades científicas recomendan que os centros de educación secundaria comecen as clases ás oito e media da mañá ou máis tarde. Os estudos sobre o atraso dos horarios escolares atoparon aumentos na duración do sono e melloras nalgúns indicadores de saúde e funcionamento diúrno.

En Galicia faise, pero eu vivo en Estados Unidos, onde nalgúns institutos as clases comezan moi cedo, ás 7 da mañá polo que se teñen que levantar ás 6 e iso é brutal, e vexo nas miñas propias fillas o difícil que resulta compaxinar os horarios escolares co descanso que necesitan.

Creo que deberiamos organizar a educación tendo máis en conta a fisioloxía dos estudantes e por idades. Non ten moito sentido explicarlles a importancia de durmir oito ou nove horas e despois establecer horarios que dificultan cumprir esa recomendación. Por suposto, cambiar os horarios implica reorganizar transportes, actividades e rutinas familiares, pero é unha cuestión de saúde e non simplemente de comodidade.

"Restrinxir o uso dunha lingua atestando que non “serve para nada” ou “non é valida” para certas materias como se di do galego, é unha ignorantada, como mínimo serve para exercitar o teu cerebro, que nunca está de máis"

Como afecta ao cerebro o feito de ser bilingüe ou a aprendizaxe dun idioma?

Aprender un idioma é unha actividade moi interesante desde o punto de vista da neuroplasticidade porque implica múltiples funcións cerebrais. Necesitamos memorizar palabras, recoñecer sons, comprender estruturas gramaticais, prestar atención e recuperar información constantemente.

Cando utilizamos varias linguas tamén debemos seleccionar a que corresponde en cada contexto e regular a interferencia das outras. Estes procesos implican redes cerebrais relacionadas coa linguaxe, a memoria e o control cognitivo e este é outro tema que trato no libro.

Durante anos investigouse se as persoas bilingües teñen vantaxes en determinadas funcións executivas ou se o bilingüismo pode contribuír á reserva cognitiva durante o envellecemento. Algúns estudos atoparon asociacións interesantes, incluso cunha aparición máis tardía dos síntomas de demencia, pero os resultados non son uniformes e non podemos afirmar que falar dúas linguas nos protexa automaticamente do alzhéimer pero si que reduce o risco.

Eu son galega, vivín en Francia e agora vivo en Estados Unidos. Na miña casa convivimos co galego, o castelán e o inglés. As miñas fillas medraron entre diferentes linguas e culturas, e paréceme fascinante observar como poden cambiar dunha lingua a outra segundo a persoa coa que falan ou o contexto no que se atopan. Restrinxir o uso dunha lingua atestando que non “serve para nada” ou “non é valida” para certas materias como se di do galego, é unha ignorantada, como mínimo serve para exercitar o teu cerebro, que nunca está de máis. 

Creo que aprender idiomas é unha das experiencias máis enriquecedoras que podemos ofrecerlles as crianzas, pero tamén aos adultos. E non só polos posibles beneficios cognitivos, nunca é demasiado tarde para comezar a aprender unha nova.

Manifestación de Queremos Galego Dominio Público @obloque

"Deberiamos dar máis importancia á música na educación porque é unha maneira de aprender, expresarse e relacionarse cos demais que implica numerosas funcións cerebrais"

E a música?

A música é outro exemplo extraordinario de como diferentes rexións cerebrais traballan de maneira coordinada. Cando escoitamos música participan sistemas relacionados coa percepción auditiva, a memoria, as emocións e, en determinadas circunstancias, o movemento. Por iso unha canción pode emocionarnos, facernos bailar ou transportarnos inmediatamente a un momento da nosa infancia.

Tamén hai algo moi interesante na relación entre a música e a memoria. En persoas con enfermidades neurodexenerativas, incluído o alzhéimer, determinadas cancións familiares poden evocar recordos autobiográficos ou respostas emocionais incluso cando outras capacidades cognitivas están deterioradas. Isto non significa que a música cure a enfermidade, pero pode utilizarse como ferramenta terapéutica para mellorar determinados aspectos do benestar e da comunicación.

Tocar un instrumento require aínda máis coordinación. Temos que interpretar sons, controlar movementos precisos, manter a atención, anticipar o ritmo e lembrar secuencias. A práctica musical continuada pode producir cambios funcionais e estruturais en redes cerebrais relacionadas con estas habilidades. Cada vez que tocamos unha peza musical, determinadas neuronas actívanse ao mesmo tempo e as conexións entre elas vanse fortalecendo. Canto máis se repite un fragmento, máis se consolidan esas conexións e máis doado resulta interpretalo. Por iso, practicar un pouco cada día adoita ser máis eficaz que concentrar moitas horas nunha única sesión. O cerebro tamén consolida o aprendido durante os descansos entre sesións, polo que a constancia é fundamental. Por iso se hoxe unha peza che resulta difícil ou os dedos non responden como che gustaría, non te desanimes e segue practicando: o teu cerebro está a crear e fortalecer conexións neuronais grazas á súa capacidade de neuroplasticidade.

E tampouco é necesario aprender a tocar un instrumento para beneficiarse da música. Escoitar, cantar ou bailar son experiencias que combinan emocións, movemento e interacción social. Creo que deberiamos dar máis importancia á música na educación porque é unha maneira de aprender, expresarse e relacionarse cos demais que implica numerosas funcións cerebrais.

"O eixe intestino-cerebro e funciona nas dúas direccións. O cerebro pode influír na motilidade intestinal, na secreción de substancias dixestivas e na resposta inmunitaria. Pero o intestino tamén envía información ao cerebro. A microbiota intestinal, formada por billóns de microorganismos, participa na dixestión, no metabolismo de determinados nutrientes e na produción de substancias que poden influír nas respostas inmunitarias e no sistema nervioso"

De que xeito están ligados cerebro e intestino?

Esta é precisamente unha das preguntas nas que centramos boa parte das investigacións do meu laboratorio. Durante moito tempo pensamos que o cerebro funcionaba de maneira bastante independente do resto do corpo, pero agora sabemos que existe unha comunicación constante entre o sistema nervioso, o fígado, o intestino, o sistema inmunitario e os microorganismos que viven no noso tubo dixestivo.

Esta comunicación coñécese como eixe intestino-cerebro e funciona nas dúas direccións. O cerebro pode influír na motilidade intestinal, na secreción de substancias dixestivas e na resposta inmunitaria a través do sistema nervioso autónomo e das hormonas relacionadas co estrés. Por iso, cando estamos nerviosos, ás veces sentimos molestias no estómago ou cambios no funcionamento intestinal.

Pero o intestino tamén envía información ao cerebro. A microbiota intestinal, formada por billóns de microorganismos, participa na dixestión, no metabolismo de determinados nutrientes e na produción de substancias que poden influír nas respostas inmunitarias e no sistema nervioso. Entre elas están os ácidos graxos de cadea curta, producidos pola fermentación da fibra alimentaria, e outros metabolitos derivados da dieta.

No noso laboratorio investigamos como unha lesión cerebral traumática pode alterar a microbiota intestinal e como estas alteracións se relacionan coa inflamación no intestino e no cerebro. Tamén estudamos se determinadas intervencións sobre a microbiota poden modificar a resposta inflamatoria e favorecer a recuperación despois dunha lesión.

É un campo de investigación moi activo, pero debemos ter coidado coas simplificacións. Ás veces fálase do intestino como dun segundo cerebro, ou afírmase que determinadas bacterias controlan directamente o noso estado de ánimo. A realidade é bastante máis complexa e aínda estamos empezando a poñer as pezas do puzzle. Sabemos que existe esta comunicación, pero aínda estamos intentando identificar que microorganismos, metabolitos e mecanismos son realmente responsables de determinados efectos sobre o cerebro humano, e o máis importante como poder modulalo. 

Froitas e verduras nun posto do mercado coruñés de San Agustín © Concello da Coruña

"Debemos afastarnos da idea dos superalimentos ou das dietas milagrosas para o cerebro. Unha alimentación variada, rica en verduras, froitas enteiras, legumes, cereais integrais, froitos secos e fontes saudables de graxas, como o aceite de oliva ou o peixe, proporciona nutrientes necesarios para o funcionamento do organismo e tamén favorece a saúde intestinal"

Como podemos axudar, coa alimentación, ao noso intestino e ao noso cerebro? Hai alimentos especialmente bos? Ou sobre todo trátase de ter unha alimentación variada e sa e de evitar certos alimentos negativos?

Creo que debemos afastarnos da idea dos superalimentos ou das dietas milagrosas para o cerebro. Non existe un alimento que por si só mellore a memoria, elimine a inflamación ou nos protexa do alzhéimer. O que importa é o patrón alimentario que mantemos ao longo do tempo.

Unha alimentación variada, rica en verduras, froitas enteiras, legumes, cereais integrais, froitos secos e fontes saudables de graxas, como o aceite de oliva ou o peixe, proporciona nutrientes necesarios para o funcionamento do organismo e tamén favorece a saúde intestinal.

A fibra é especialmente interesante porque moitos microorganismos intestinais utilízana como substrato para producir metabolitos, como o butirato, que participan no mantemento da barreira intestinal e na regulación de determinadas respostas inmunitarias. Por iso é importante consumir unha diversidade de alimentos vexetais. Non se trata simplemente de aumentar o número de bacterias do intestino, senón de favorecer un ecosistema microbiano que funcione adecuadamente.

Tamén sabemos que unha alimentación cun consumo elevado de determinados produtos ultraprocesados, azucres engadidos e graxas pouco saudables pode contribuír a problemas metabólicos que, a longo prazo, tamén afectan á saúde cerebral. Pero non todos os alimentos procesados son iguais, nin debemos converter a alimentación nunha fonte constante de preocupación.

"Creo que a mellor recomendación segue sendo bastante sinxela: comer alimentos variados, priorizar os vexetais, manterse fisicamente activo e durmir adecuadamente. Non necesitamos gastar o diñeiro en suplementos para comezar a coidar o intestino e o cerebro, é máis propaganda que outra cousa"

Sempre poño un exemplo nas charlas cos escolares: comer unha laranxa enteira non é exactamente o mesmo que beber o zume de varias laranxas espremidas. A froita enteira conserva a súa estrutura e fibra, require mastigación e adoita producir unha maior sensación de saciedade. Son pequenos detalles que axudan a comprender que non só importan os nutrientes, senón tamén a maneira na que consumimos os alimentos.

E hai unha cuestión que me gustaría destacar. Falamos moito de probióticos e de produtos comerciais que prometen mellorar a microbiota e incluso a saúde mental. Pero aínda non temos evidencia suficiente para recomendar un probiótico universal que mellore a función cerebral. Os efectos dependen das cepas bacterianas, das doses e das características de cada persoa. E que microbiota ten cadaquén? Nun futuro non moi lonxano, as análise da nosa microbiota formarán parte do noso historial clínico e serán usadas como biomarcadores da saúde mental e de moitas enfermidades neurodexenerativas.

Creo que a mellor recomendación segue sendo bastante sinxela: comer alimentos variados, priorizar os vexetais, manterse fisicamente activo e durmir adecuadamente. Non necesitamos gastar o diñeiro en suplementos para comezar a coidar o intestino e o cerebro, é máis propaganda que outra cousa, deberíamos de evitar os suplementos que non teñan prescrición médica, incluso os probióticos en pastillas. A nosa saúde depende moito máis dos hábitos que repetimos cada día que dun alimento concreto que estea de moda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.