Nos primeiros meses do ano 2020 un virus abalou o mundo e as nosas vidas. Ao redor de sete de persoas morreron, moitas outras sufriron e seguen sufrindo secuelas e as nosas sociedades ficaron paralizadas en moitos aspectos, entre restricións de movemento, peches de instalacións e servizos e outras medidas para nos protexer. Foron días lentos, pero a ciencia avanzou rápido, máis rápido ca nunca. En poucos meses desenvolvéronse, testáronse e producíronse vacinas moi efectivas para loitar contra o virus e as súas variantes e moi rapidamente as nosas vidas regresaron a unha normalidade.
Pasaron tres anos e Sonia Villapol (Bretoña. A Pastoriza, 1977), neurocientífica, xefa de laboratorio do Centro Médico de Texas, en Houston, e integrante do grupo internacional de investigación COV-IRT, vén de publicar Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia (Xerais), unha obra de divulgación que repasa estes tres anos de loita científica contra a COVID e que conta "como reaccionamos e como o apoio á investigación trouxo vacinas e terapias, aflorou a esperanza e comezamos a ver a luz ao final do túnel".
“Ese esforzo extraordinario mostrou o poder da investigación interdisciplinaria, a cooperación global e a procura incesante do coñecemento”, destaca a neurocientífica. Villapol presentou xa o libro en Compostela, Foz e Mondoñedo e este mércores farao en Lugo (no Vello Cárcere), o xoves 27 en Vigo (Libraría Cartabón), o venres 28 en Taboada (Cuartel Vello), o domingo 30 en Riotorto (Casa da Cultura Avelino Díaz) e o xoves 3 de agosto na Feira do Libro da Coruña. O 7 de agosto, ademais, a presentación será na súa Bretoña natal. Falamos con ela.
Saímos mellores da pandemia a nivel científico e no que se refire á relación da sociedade coa ciencia e coa investigación?
"Houbo unha reacción e cambios que facilitaron todos os procesos, non só a nivel económico, senón tamén a nivel administrativo, con prazos máis acurtados. E tamén na forma de traballar dos grupos: nunca houbo tanta colaboración e cooperación"
Eu penso que si. O que pasou foi unha catástrofe, pero fixo que moitos países -algúns máis ca outros- reaccionaran e fixeran un investimento moi importante en investigación. Por suposto, na procura das vacinas, pero tamén noutros ámbitos, coma na análise de augas residuais ou en análises epidemiolóxicas. Houbo unha reacción e cambios que facilitaron todos os procesos, non só a nivel económico, senón tamén a nivel administrativo, con prazos máis acurtados. E tamén na forma de traballar dos grupos: nunca houbo tanta colaboración e cooperación.
Nunha situación de emerxencia quedou claro que hai outra forma de traballar en ciencia que permite avanzar moito máis, o que permitiu que a ciencia nos rescatara. E estes avances favoreceron tamén a investigación sobre outras enfermidades, porque a medicina é moi interdisciplinar e calquera avance que se produce nun campo, favorece os demais. Ese esforzo extraordinario mostrou o poder da investigación interdisciplinaria, a cooperación global e a procura incesante do coñecemento
Houbo un esforzo económico en ciencia moi importante, pero tamén mudaron as formas de traballar, de forma máis cooperativa. En que medida influíu iso nos logros que se acadaron?
"Avanzamos cara a unha medicina de precisión, máis personalizada, pensada para cada caso específico, e cara a uns tratamentos moito máis efectivos grazas ás nanopartículas, que sabes que chegan onde teñen que chegar"
En todas as profesións hai competitividade, e tamén no campo científico. Pero isto cambiou durante a pandemia e desbloqueáronse moitas situación, por exemplo a ansia polas patentes. Houbo un grande esforzo por parte de moitísimos profesionais, que en moitos casos tiveron que abandonar temporalmente os seus campos de estudo para centrarse na loita contra a COVID. Hai moitos avances cuxos efectos imos ver nos próximos anos no conxunto da investigación médica: a nanomedicina, as vacinas de ARN mensaxeiro, o machine-learning, que xa permite que nas cirurxías os robots axuden os cirurxiáns, a Intelixencia Artificial...
Avanzamos cara a unha medicina de precisión, máis personalizada, pensada para cada caso específico, e cara a uns tratamentos moito máis efectivos grazas ás nanopartículas, que sabes que chegan onde teñen que chegar. A COVID demostrou que uns tratamentos funcionaban máis nunhas persoas que noutras, que hai persoas que se contaxian con máis facilidade, deixou claro que os tratamentos teñen que se individualizados.
É un sopro de esperanza ver que cando todo o mundo se xunta, tanto a nivel financeiro como de esforzo científico, pódese facer un milagre como o que vimos.
Dis que a COVID chegou para quedar. Por unha banda, a enfermidade non foi erradicada e segue a haber contaxios e mortes. E, ademais, hai millóns que persoas que seguen a sufrir os efectos da COVID persistente. Empréstaselle á COVID persistente a atención e os recursos que merecería este problema?
"A COVID persistente é un grave problema de saúde pública e posiblemente seguirá séndoo nos próximos anos, porque afecta a tecidos e a sistema que non teñen unha cura rápida, como pode ser o sistema neurolóxico. Hai moitos médicos que aínda non aceptaron a existencia da COVID persistente e seguen sen facelo"
A COVID persistente é un grave problema de saúde pública e posiblemente seguirá séndoo nos próximos anos, porque afecta a tecidos e a sistema que non teñen unha cura rápida, como pode ser o sistema neurolóxico. Hai moitos médicos que aínda non aceptaron a existencia da COVID persistente e seguen sen facelo. Esa falta de diagnóstico por parte dos facultativos creo que é o que máis lles fai padecer aos pacientes. Hai moitas cuestións que aínda descoñecemos, como por que afecta máis a unhas persoas que a outras, as predisposicións e vulnerabilidades a nivel xenético. E tamén os efectos que pode ter a longo prazo. As investigacións seguen en marcha. E algunhas investigacións sobre a COVID van axudar a persoas con outras doenzas, como fibromialxia.
O impacto nos próximos anos vai ser moi importante, porque hai secuelas que non teñen tratamento. En Galicia 75.000 persoas declararon que sofren COVID persistente e haberá moitas máis que o sofren pero non o declararon ao seu médico. Hai que tomalo en serio.
En varios capítulos do libro analizas criticamente -como xa o fixeras no seu momento en artigos e entrevistas- algunhas medidas que se adoptaron nalgús países, como España, que amosaron unha despreocupación excesiva ante o virus, como as estratexias de gripalización -asumir que, unha vez vacinada a poboación, o virus xa non debía ser controlado en exceso- ou a apertura dos colexios demasiado pronto. Pecouse de relaxación ante a COVID?
"O que máis me frustrou é que moitas veces se empregou a ciencia como argumento para xustificar decisións, pero facíase sen indicios e probas reais"
É moi complexo falar das estratexias contra a COVID, porque foron cambiando, foron diferentes nun e noutro país e nalgúns países cambiaban dun lugar a outro, coma nos Estados Unidos. Moitas decisións políticas foron mudando, en ocasións sen moita base científica. Pero non só foron os políticos; a min o que me crispaba eran as posicións adoptadas por algunhas sociedades médicas, que apostaron por gripalizar a COVID cando aínda estabamos comezando a sufrir os efectos da Ómicron e non sabíamos o impacto que esta variante podía ter. E, por exemplo, máis adiante soubemos que Ómicron causou máis do 20% dos casos de COVID persistente.
O mesmo pasou coas presas por abrir os colexios, candos os datos epidemiolóxicos demostraban que cando había peches nos colexios, os contaxios na comunidade se reducían moito; era un esforzo enorme para as familias, pero os colexios foron un gran foco de transmisión, porque os cativos eran transmisores silentes da enfermidade. E, en cambio, dicíase que os contaxios non se producían nos colexios, cando non había probas para dicir iso. O que máis me frustrou é que moitas veces se empregou a ciencia como argumento para xustificar decisións, pero facíase sen indicios e probas reais.
No libro tamén comentas as resistencias a sumir que o virus se transmitía principalmente polo aire, en aerosois, e destacas que en parte se debeu ao dogma instalado polo coñecemento que tiñamos sobre outras enfermidades que se transmiten principalmente a través de superficies...
"Na ciencia é o que facemos constantemente: rectificar á vista de novas evidencias. Pero parece que moitos estaban aínda estancados nun dogma histórico"
Si, o que se coñecía sobre a transmisión doutras enfermidades a través de superficies e non do aire foi empregado como xustificación para explicar que a OMS tardara moito tempo en asumir que a transmisión polo aire, por aerosois, era a clave para os contaxios de COVID. Era o máis importante que tiña que facer a OMS: dicirlle á xente que tiña que facer para protexerse, e as probas estaban aí, pero tardaron moito tempo en facelo. Foi o maior erro da OMS. Na ciencia é o que facemos constantemente: rectificar á vista de novas evidencias. Pero parece que moitos estaban aínda estancados nun dogma histórico.
"É seguro que volveremos sufrir pandemias. Iso si, todo o que aprendemos nesta pandemia axudaranos no futuro a loitar contra novas enfermidades infecciosas. Estamos moito máis preparados que no ano 2019"
O libro tenta facer balance de tres anos moi longos, nos que pasaron moitas cousas, nos que se cometeron erros pero sobre todo acertos, como amosa que ¡a ciencia fose quen de atopar moi rapidamente unha vacina efectiva contra o virus. Deben ser aprendizaxes para as futuras pandemias que posiblemente sufriremos?
Posiblemente non, é seguro que volveremos sufrir pandemias. Porque así foi ao longo da historia e agora, co cambio climático e o mundo totalmente interconectado, haberá probablemente máis. Iso si, todo o que aprendemos nesta pandemia axudaranos no futuro a loitar contra novas enfermidades infecciosas. Estamos moito máis preparados que no ano 2019.
Cambiou nestes tres anos a confianza que a xente ten na ciencia e nos científicos? Que peso teñen as posicións negacionistas?
"En Galicia o respecto que a xente tiña cara á ciencia foi exemplar. Non houbo ningún tipo de rexeitamento ou de negacionismo cara ás vacinas, a diferenza do que sucedeu nos Estados Unidos"
En Galicia o respecto que a xente tiña cara á ciencia ou cara ao que lles mandaban facer en cada momento foi exemplar. Por exemplo, non houbo ningún tipo de rexeitamento ou de negacionismo cara ás vacinas, a diferenza do que sucedeu nos Estados Unidos. En xeral, a xente en Galicia ten moito respecto cara aos científicos e o negacionismo é moi minoritario. É o tipo de sociedade na que aos científicos nos gusta traballar.
Nos Estados Unidos non, o negacionismo está moi estendido, é moi amplo e ten efectos moi graves, mesmo con ataques directos contra os científicos. A xente aquí soubo diferenciar, con moito sentido común, entre a ciencia seria e a fake ciencia e soubo aplicala a conciencia. A ciencia foi a táboa de salvación de moita xente, a ciencia protexeunos e, finalmente, rescatounos da pandemia.