Calcúlase que tres meses despois da infección, 1 de cada 10 persoas ten algún destes síntomas da Covid persistente
Son moitas as persoas que semanas e meses despois de terse contaxiado coa Covid-19 e de superar a enfermidade, con maior ou menor gravidade, seguen a sufrir efectos negativos, entre as que destaca a fatiga, dor de cabeza e problemas respiratorios, entre outros moitos síntomas. Calcúlase que tres meses despois da infección, 1 de cada 10 persoas ten algún destes síntomas do denominado Long Covid ou Covid persistente. Ademais, 8 de cada 10 pacientes con Covid-19 presentaban cando menos un síntoma persistente dende os 14 días ata as 16 semanas despois da infección aguda.
Tendo en conta que un número moi elevado de persoas se contaxiaron no último ano con esta enfermidade (case 120 mil persoas en Galicia, 3,3 millóns en todo o Estado español, 130 millóns en todo o planeta), os seus efectos a longo prazo convértense nun reto moi importante para o sistema sanitario, que debe dar resposta a uns síntomas e consecuencias que en moitos casos son aínda pouco coñecidas.
Un estudo levada a cabo por investigadores de varios países descubriu 55 síntomas que estaban a afectar en maior ou menor medida aos pacientes que superaran a enfermidade
Investigadores en todo o mundo están a avanzar no seu estudo nos últimos meses. Unha investigación levada a cabo por científicos de varios países (entre elas a galega Sonia Villapol) a partir da análise de 50 mil historias clínicas descubriu 55 síntomas que estaban a afectar en maior ou menor medida aos pacientes que superaran a enfermidade. Estes investigadores subliñan a necesidade de continuar afondando no coñecemento dos efectos da Covid persistente e de que, ademais, o sistema sanitario faga un seguimento axeitado das persoas que superaron a fase aguda da enfermidade pero que poden estar sufrindo aínda algúns destes efectos. Inciden, así mesmo, na necesidade de reforzar o sistema de atención á saúde mental.
A Xunta vén de poñer en marcha unidades multidisciplinares postcovid en cada unha das sete áreas sanitarias "para proporcionar unha atención e recuperación e de calidade a todos os afectados pola covid-19"
En Galicia, a Xunta anunciou hai unhas semanas a posta en marcha unidades multidisciplinares postcovid en cada unha das sete áreas sanitarias "para proporcionar unha atención e recuperación e de calidade a todos os afectados pola covid-19". Estas unidades estarán compostas por profesionais de diversas disciplinas, nas que o núcleo duro estará conformado por especialistas en medicina interna, neumoloxía e enfermería. No caso dos pacientes ingresados, unha vez que reciban a alta serán chamados no prazo de sete días para realizar unha primeira valoración clínica post-alta e concertar unha cita hospitalaria; no caso de pacientes que non requiriron ingreso, deberán pedir cita no seu médico de familia no caso de padecer sintomatoloxía persistente.
Falamos sobre os efectos da Covid persistente con Sonia Villapol, investigadora principal no Center for Neuroregeneration do Methodist Hospital Research Institute de Houston, centrada no estudo de danos cerebrais e enfermidades neurodexenerativas. Nos últimos meses centrou boa parte da súa actividade no estudo da Covid-19, en especial dos seus efectos a longo prazo. Ademais, forma parte do Equipo de Investigación Internacional da COVID-19.
Non che vou pedir que me enumeres todas as doenzas e efectos adversos que sofren as persoas que se infectaron coa COVID-19 e superaron a enfermidade, pero cales serían as principais, as máis importantes ou as máis frecuentes?
Fatiga, dor de cabeza, trastorno da atención, perda de pelo, disnea, ageusia, anosmia, polipnea, dor das articulacións ou tose están entre os efectos máis frecuentes
Se falamos dos síntomas ou efectos que se presentan semanas ou meses despois de pasar a Covid na fase aguda, estamos a falar por orde de prevalencia de fatiga, dor de cabeza, trastorno da atención, perda de pelo, disnea [dificultade respiratoria que se traduce en falta de aire], ageusia [trastorno que dificulta a percepción de sabores], anosmia [perda de olfacto], polipnea [aumento da frecuencia profundidade respiratorias, provocando arfadas], dor das articulacións, ou tose. Moitos pacientes tamén sofren síntomas como néboa cerebral e falta de aire moito despois de limpar a infección.
No noso estudo de metaanálise puidemos identificar ata 55 síntomas ou efectos a longo prazo en algo máis de 18 mil estudos de Covid persistente ata case os 4 meses despois da diagnose. Pero a cousa non queda aquí: a medida que avanza a pandemia saen máis traballos e saberemos cales destes síntomas desaparecen co tempo e cales precisan máis tratamentos e rehabilitación moitos meses despois.
Durante canto tempo se manteñen estes efectos negativos? Que porcentaxe dos infectados de COVID os sofren?
"Non sabemos exactamente canto durarán estes efectos, pois depende moito de cando se detecten e como se traten"
Dende logo, a maioría da xente con síntomas leves ou asintomática na fase aguda recupérase ben e non ten efectos a longo prazo. Pero tamén é certo que a maioría que sofren síntomas a longo prazo teñen polo menos dous deles e adoitan ser a fatiga e a dor de cabeza. Con todo, nos primeiros catro meses os estudos indican que oito de cada dez persoas presentan polo menos un destes síntomas persistentes, requeriran ou non hospitalización durante a Covid aguda. Non podemos prognosticar agora mesmo canto tempo durarán moitos destes efectos, pero por fortuna a medida que pasa o tempo estamos a ver que moitos están a remitir e son transitorios.
As persoas que recibiron a alta hospitalaria despois do Covid-19 presentaron maiores taxas de disfunción multiorgánica en comparación co risco esperado na poboación xeral. Non sabemos exactamente canto durarán estes efectos, pois depende moito de cando se detecten e como se traten, pero o que si sabemos é que por exemplo algunhas das persoas que se infectaran co SARS presentaron problemas respiratorios ata dous anos despois, e esta magnitude poderíase multiplicar por moito cando estamos a pensar da afectación da Covid a nivel mundial.
"Outro traballo de Inglaterra determinou que sete de cada dez persoas hospitalizadas pola Covid-19 non se recuperaron completamente cinco meses despois do alta"
A medida que avanzamos na pandemia van saíndo máis datos. Recentemente outro traballo de Inglaterra determinou que sete de cada dez persoas hospitalizadas pola Covid-19 non se recuperaron completamente cinco meses despois do alta. Polo momento, estase a falar da Covid persistente ata os 10 meses que indica o estudo máis a longo prazo. Estes pacientes continuaron a experimentar problemas coa súa saúde mental e física, con 1 de cada 5 persoas que desenvolven unha nova discapacidade e un número similar non traballa ou ten que cambiar de traballo debido á súa saúde.
É normal que unha enfermidade infecciosa coma a COVID teña tantos e tan variados efectos negativos a medio e longo prazo? Por que se produce isto?
"Pode estrañar que un virus respiratorio cause tantos danos cardiovasculares ou mesmo neurolóxicos, pero ten sentido se pensamos que causa unha forte resposta inflamatoria a nivel sistémico"
Estamos a falar dun virus novo e non sabemos exactamente canto poden durar estes efectos nalgunha xente. Pode parecer difícil que un virus respiratorio cause tantos danos cardiovasculares ou mesmo neurolóxicos, pero ten sentido se pensamos que causa unha forte resposta inflamatoria a nivel sistémico, que causa danos en tódolos órganos e pode explicar en parte o 'longo Covid'.
Aínda que é posible que o illamento da pandemia estea desencadeando síntomas físicos nalgúns casos, é improbable que representen unha proporción significativa de pacientes con Covid de longa duración. O que parece máis probable é que a maioría destes pacientes teñan algúns síntomas que están en parte influenciados polo sufrimento psicolóxico. Complicando o panorama, as infeccións por Covid-19 poden producir -por mor da inflamación- efectos neurolóxicos que causan enfermidades psiquiátricas. Un compoñente psicolóxico non exclúe un biomédico e unha explicación biomédica non exclúe as contribucións psicolóxicas.
Outra das cousas que vos está chamando a atención é que pacientes que pasaron a COVID con síntomas leves están a sufrir estes efectos de COVID persistente. Por que é estraño que suceda isto?
"Un terzo dos pacientes con problemas a longo prazo non tiveron síntomas da infección inicial por coronavirus durante dez días despois de dar positivo"
Ben, os efectos a longo prazo están asociados a gravidade da Covid durante a fase aguda. Pero o que está a sorprender é que un terzo dos pacientes con problemas a longo prazo non tiveron síntomas da infección inicial por coronavirus durante dez días despois de dar positivo para o SARS-CoV-2. Non é doado ter estes datos, xa que a maioría das investigacións se centran nos pacientes hospitalizados. Pero a Covid de longo percorrido non sempre coincide coa gravidade dos síntomas agudos, polo que pode que non teña síntomas pero aínda así teña unha resposta inmune moi agresiva. Isto tamén se observa nos nenos e nenas que pasaron a Covid con síntomas leves, ou sen síntomas, e meses despois presentan problemas de atención, fatiga, ansiedade, dores de cabeza ou problemas gastrointestinais e as familias non o asocian coa Covid.
Esta é unha chamada de atención que se debería de facer. As explicacións non se coñecen con certeza pero pénsase que a inmunidade innata protexe a algunhas persoas que non presentan síntomas respiratorios ou doutra índole na fase aguda, pero nas que o virus puido causar inflamación noutros órganos con síntomas que se presentan semanas ou meses despois. Atopouse unha posible vía celular que pode xogar un papel importante na camuflaxe do virus no tracto respiratorio independentemente de que poida causar outros efectos a longo prazo noutros órganos.
"As persoas con máis probabilidades de ter síntomas persistentes foron as persoas maiores e as mulleres de mediana idade que desenvolveron un Covid-19 grave"
Hai algún factor de risco ou pertenza a un determinado grupo (sexo, idade, patoloxías previas...) que leve a unha maior incidencia desta COVID persistente?
O aumento do risco non se limitou aos anciáns e non foi uniforme entre etnias. As persoas con máis probabilidades de ter síntomas persistentes foron as persoas maiores e as mulleres de mediana idade que desenvolveron un Covid-19 grave e que tiñan polo menos dúas condicións que as poñían en maior risco de enfermidades graves, como diabetes, asma ou enfermidades cardíacas.
Nos últimos días, informouse de que pacientes con COVID persistente melloraban despois da vacinación. Cres que pode estar relacionado? Que podería significar isto?
"Entre as persoas que pasaron a Covid aguda e aínda presentaban síntomas 8 meses, as que recibiron a vacina presentaron una melloría nestes síntomas en comparación coa xente non vacinada"
Certo, non hai moitos meses que se aprobaron as primeiras vacinas e se empezou a vacinar á poboación, polo tanto os estudos clínicos dos seus efectos na xente que sofre covid persistente son limitados, pero estanse a realizar. Hai algún pequeno estudo que indica que entre as persoas que pasaron a Covid aguda e aínda presentaban síntomas 8 meses despois coma fatiga, falta de aire ou insomnio, as que recibiron a vacina presentaron una melloría nestes síntomas en comparación coa xente non vacinada, sen identificarse diferenzas entre as vacinas de Pfizer ou AstraZeneca.
Isto pode estar relacionado con distintos factores de como os pacientes que sofren síntomas de longo percorrido responden ás vacinas. Hai varias teorías, como que a vacina, ao xerar anticorpos contra a proteína espiga do coronavirus, podería eliminar os vestixios do virus ou os restos de ARN viral que poden persistir nalgúns pacientes e que seguen a causar esta inflamación e efectos a largo prazo. Polo tanto a vacina para estes pacientes sería, ademais de preventiva, un tratamento. Tamén existe outra teoría que indica que pode ser por unha resposta post-viral semellante a unha enfermidade autoinmune se a vacina estimula as respostas inmunes innatas que amortecen este tipo de respostas autorreactivas.
Sabemos o suficiente sobre a COVID persistente? É necesario estudalo aínda moito máis?
"Moitos que sofren síntomas da Covid persistente mal comprendidos desesperan por obter respostas despois de que os médicos anteriores desbotaran as súas preocupacións"
Sabemos moi pouco, existe moi pouca concienciación e fan falla máis respostas. Moitos que sofren síntomas da Covid persistente mal comprendidos desesperan por obter respostas despois de que os médicos anteriores desbotaran as súas preocupacións. Esta desesperación pode abafar aos médicos, que poden buscar respostas fáciles como ansiedade ou depresión. Este parece ser especialmente o caso de pacientes con Covid de longa duración con ansiedade que foi amplificada pola falsa dicotomía presentada nos medios de comunicación de que a Covid te mataría ou te recuperarías completamente.
Por exemplo, aquí nos EUA aprobouse no Congreso un financiamento de 1.150 millóns de dólares dos Institutos Nacionais de Saúde (NIH) para investigar a Covid persistente e poder comezar a proporcionar algunhas respostas tan necesarias. Lonxe de perseguir a unha pantasma ou capitular ante a presión dos activistas, o apoio do NIH foi unha resposta razoable á evidencia de que estes pacientes están a sufrir e merecen ser tomados en serio. Son unha das científicas que estou a revisar estas propostas de investigación e en breve empezaranse a desenvolver os primeiros estudos para dar respostas canto antes. Entre outras respostas preténdese aclarar cal é o espectro de recuperación da infección por SARS-CoV-2 en toda a poboación, cantas persoas seguen a ter síntomas COVID-19 ou mesmo desenvolven novos síntomas despois dunha infección aguda por SARS-CoV-2, cal é a causa biolóxica subxacente, que fai que algunhas persoas sexan vulnerables, ou que cambios producen no corpo que aumentan o risco doutras enfermidades, como trastornos crónicos do corazón ou do cerebro.
Como valoras a posta en marcha de unidades postcovid nos hospitais galegos para tratar e investigar os pacientes que superaron a enfermidade e que poden estar sufrindo estes efectos?
"Xestionar a Covid persistente será un desafío significativo para a saúde pública durante os seguintes meses e probablemente anos"
Paréceme moi positivo, tamén se está a facer aquí nos EUA. Xestionar a Covid persistente será un desafío significativo para a saúde pública durante os seguintes meses e probablemente anos. Fai moita falla a concienciación sobre que estes efectos poden representar unhas condicións limitantes nos traballos e na sociedade, e fai falla que os médicos tomen conciencia sobre a necesidade de facer este seguimento, sobre todo poñendo en marcha un completo paquete de apoio para os impactos da pandemia sobre a saúde mental.
Con todo, algúns médicos manteñen que a Covid prolongada ten orixe psicolóxica, o resultado dunha histeria masiva. En consecuencia, os pacientes corren o risco de culparse do seu propio sufrimento. Peor aínda, os pacientes poden perder a confianza nos seus médicos e evitar buscar máis atención. Por iso é necesario que esta mentalidade cambie; as unidades de seguimento e visitas de rutina axudarán a tratar canto antes as posibles enfermidades que se desencadeen. O diagnóstico, tratamento e prevención da síndrome post-Covid aguda require enfoques integrados e non específicos de órganos ou enfermidades, e é necesaria unha investigación urxente para establecer os factores de risco.