Galicia inicia a vacinación masiva de persoas entre 75 e 79 e entre 60 e 65 anos, que convocará en orde de idade

Proba de vacinación masiva na Cidade da Cultura © Xunta

O Sergas levará a cabo entre o xoves e o domingo a vacinación masiva de 90.000 persoas nacidas entre 1942 e 1946 (entre 75 e 79 anos), que recibirán a de Pfizer

Galicia está a incrementar o seu ritmo de vaciación, incluíndo grupos de idade aos que ata agora se lles administrara un número reducido de doses. Esta aceleración é posible grazas ao aumento no número de doses de Pfizer e AstraZeneca recibidas polo Estado español na última semana (máis de tres millóns), distribuídas ás comunidades autónomas de acordo co número de persoas que deben ser vacinadas en cada grupo de idade.

O Sergas levará a cabo entre o xoves e o domingo a vacinación masiva de 90.000 persoas nacidas entre 1942 e 1946 (entre 75 e 79 anos), que recibirán a vacina de Pfizer. Serán citadas mediante un SMS con confirmación este mesmo luns e cunha chamada robótica con confirmación este martes día 6. Así mesmo, haberá unha chamada dende os equipos de citación o mércores, tan só aos que non teñan confirmado a súa cita polo SMS ou a chamada robótica.

Entre o martes e o xoves serán citadas para a súa vacinación ao redor de 55.000 persoas nacidas entre 1956 e 1961 (entre 60 e 65 anos), que recibirán a de AstraZeneca

De igual xeito, entre o martes e o xoves vacinaranse ao redor de 55.000 persoas nacidas entre 1956 e 1961 (entre 60 e 65 anos), que recibirán a vacina de AstraZeneca e que serán contactadas por medio dun SMS que non precisará confirmación. Finalizada cada xornada, chamarase aos non asistentes para citalos nos seguintes días dispoñibles.

Tanto no grupo de persoas nacidas entre 1942 e 1946 coma no de nacidas entre 1956 e 1961 a citación será por orde de idade, comezando en cada grupo polos e polas maiores. Xa non se usará, polo tanto a orde alfabética do primeiro apelido, que viña sendo empregada ata agora.

Puntos de vacinación

Entre martes e xoves, para a vacinación do grupo de persoas entre 75 e 79 anos, haberá 14 puntos de vacinación. Na área da Coruña vaise citar a 18.300 persoas no IFECO e no Hospital Virxe da Xunqueira. Na área de Lugo, A Mariña e Monforte citaranse 11.600 persoas no HULA e nos hospitais da Mariña e Monforte. Na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras vacinaranse 12.600 persoas en EXPOOURENSE, e nos hospitais de Verín e Valdeorras. En Pontevedra e O Salnés serán 9.000 persoas a vacinar no Pazo de Congresos e Fexdega. Na área sanitaria de Vigo serán 17.500 persoas as que ser van vacinar en IFEVI. En Santiago e Barbanza 14.600 persoas vanse vacinar na Cidade da Cultura e no Hospital de Barbanza. En canto a área de Ferrol chamarase a 6.400 persoas para acudir a FIMO.

Haberá 14 puntos de vacinación, nos que se citará a 145.000 persoas

Entre xoves e domingo, para a vacinación do grupo de persoas entre 60 e 65 anos, haberá tamén 14 puntos de vacinación. Na área da Coruña e Cee vaise citar a 11.250 persoas no IFECO e no Hospital Virxe da Xunqueira. Na área de Lugo, A Mariña e Monforte citaranse 7.100 persoas no HULA e nos hospitais da Mariña e Monforte. Na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras vacinaranse 6.600 persoas en EXPOOURENSE, e nos hospitais de Verín e Valdeorras. En Pontevedra e O Salnés serán 5.350 persoas a vacinar no Pazo de Congresos e Fexdega. Na área sanitaria de Vigo serán 11.500 persoas as que ser van vacinar en IFEVI. En Santiago e Barbanza 9.200 persoas vanse vacinar na Cidade da Cultura e no Hospital de Barbanza. En canto a área de Ferrol chamarase a 4.000 persoas para acudir a FIMO.

62 mil doses administradas entre o mércores e o domingo da Semana Santa

Galicia continuou vacinando durante todos os días da Semana Santa, mantendo abertos os puntos de administración habituais, a diferenza doutras comunidades autónomas, como Madrid, que paralizou o proceso de protección da poboación maior de 80 anos.

O 7,24% da poboación galega maior de 16 anos ten xa as dúas doses da vacina e o 15,56% conta on cando menos unha dose

Entre o mércores e o domingo administráronse en Galicia 62.273 doses, que elevaron a cifra total ata as 540.723. 171.172 persoas recibiron xa a 'pauta completa' (dúas doses) e polo tanto están xa inmunizadas, mentres que 369.551 galegos e galegas teñen cando menos unha dose dalgunha das vacinas. 

Entre o sábado e o domingo administráronse en Galicia 16.589 doses, o que eleva a media diaria na última semana ata as 13.296 doses.

Galicia tamén supera a media española no grupo das persoas de máis de 80 anos. O 80,3% dos galegos e galegas por riba desta idade recibiu a primeira dose (79,1% no conxunto do Estado)

En termos porcentuais, o 7,24% da poboación galega maior de 16 anos ten xa as dúas doses da vacina e o 15,56% conta on cando menos unha dose. Estas cifras son lixeiramente superiores á media española (7,1% e 14,7%).

Galicia tamén supera a media española no grupo das persoas de máis de 80 anos. O 80,3% dos galegos e galegas por riba desta idade recibiu a primeira dose (79,1% no conxunto do Estado). O elevado ritmo de vacinación levado a cabo durante a Semana Santa, maior que o doutras comunidades autónomas, fixo que Galicia pasase de estar seis puntos por debaixo (o pasado mércores) a estar con cifras superiores á media. No que atinxe ás persoas que recibiron as dúas doses, os datos galegos neste grupo de idade (37,7%) seguen por debaixo da media española (44,2%). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.