Galicia vacinou o 64% das persoas de máis de 80 anos, seis puntos por debaixo da media do Estado

Proba de vacinación masiva na Cidade da Cultura © Xunta

O Ministerio de Sanidade publicou este mércores, por vez primeira, estatísticas sobre o número de persoas vacinadas contra a Covid-19 en cada grupo de idade e a porcentaxe que representan sobre a poboación total en cada segmento.

Estes datos amosan grandes diferenzas entre a protección acadada nos distintos territorios do Estado, tamén entre as persoas de máis de 80 anos, as máis vulnerables á enfermidade e cuxa inmunización centra os esforzos neste momento en todas as comunidades autónomas.

O 31% das persoas de máis de 80 anos recibiron as dúas doses en Galicia, fronte a unha media española do 40%

Así, neste momento en Galicia recibiron cando menos unha dose da vacina o 64% das persoas de 80 e máis anos, seis puntos por debaixo da media española (70,8%). Os datos varían dende o 91% acadado en Andalucía ou o 82% de Estremadura ata o 54% de Cataluña ou o 60% de Canarias. 

As diferenzas mantéñense nos datos das persoas que recibiron as dúas doses da vacina, un 31% en Galicia neste grupo de idade, fronte a unha media española do 40%. Tamén aquí Andalucía está por diante (58%), pechando a lista Euskadi (24%) e Baleares (25%).

Cómpre salientar que no último mes o ritmo de vacinación en Galicia está a ser superior á media española, aínda que a comunidade arrastra unha diferenza negativa dos dous primeiros meses do proceso de inmunización, nos que vacinou a menos poboación de idade avanzada pola menor porcentaxe de prazas residenciais existentes no noso país.

Nos datos do conxunto da poboación, o número de persoas que en Galicia recibiron unha dose da vacina (13,71%) é superior á media española (13,24%), debido ao maior peso que no noso territorio ten o grupo de idade de 80 anos e máis

Nos datos do conxunto da poboación, o número de persoas que en Galicia recibiron unha dose da vacina (13,71%) é superior á media española (13,24%), debido ao maior peso que no noso territorio ten o grupo de idade de 80 anos e máis, que está a centrar os maiores esforzos de inmunización. Neste caso, Castela-León (16%) é a comunidade cunha maior porcentaxe de poboación vacinada e Canarias (10,66%) é o territorio con cifras máis baixas. 

No que atinxe ás persoas que recibiron xa as dúas doses, o dato galego (6,54%) sitúase lixeiramente por debaixo da media española (6,78%). Esta lista está encabezada por Asturias (9,66%), que máis que duplica os datos de Baleares (4,6%). Cómpre salientar que este dato de porcentaxe de poboación vacinada non parte da poboación total, senón do número de habitantes por riba de 16 anos. En Galicia, 2.362.643 persoas.

O segundo grupo de idade con máis persoas vacinadas é o de 50 a 59 anos (14,18% en Galicia, 11,12% en España). Neste grupo Galicia é o territorio cunha maior porcentaxe de persoas que recibiron cando menos unha dose

Nos restantes grupos de idade a porcentaxe de persoas vacinadas está moi por debaixo dos niveis que xa se acadaron nos maiores de 80 anos. Cómpre salientar que o segundo grupo de idade con máis persoas vacinadas é o de 50 a 59 anos (14,18% en Galicia, 11,12% en España). Neste grupo Galicia é o territorio cunha maior porcentaxe de persoas que recibiron cando menos unha dose da vacina, debido á protección proporcionada a persoal esencial (docente, sanitario, de emerxencias...) e tamén ás probas de vacinación masivas levadas a cabo hai unhas semanas entre as persoas de 50 a 55 anos.

O seguinte grupo con máis persoas vacinadas é o de 25 a 49 anos (10,1% en Galicia, 10,3% en España), tamén polo esforzo realizado entre o persoal esencial. Chama a atención que grupos de idade máis vulnerables á enfermidade, como o de 70 a 79 anos ou o de 60 a 69 anos rexistren taxas de vacinación máis reducidas. En Galicia o grupo de 70 a 79 anos comezará a ser vacinado de forma intensiva a partir da última semana de abril.

O gráfico anterior amosa o camiño percorrido ata agora polo proceso de vacinación en cada grupo de idade. E, igualmente, o que queda por percorrer. O único grupo etario cunha porcentaxe significativa de poboación inmunizada é o dos maiores de 80 anos. No resto, o número de persoas pendentes de ser vacinadas é aínda elevadísimo.

Galicia bateu este martes o seu récord de doses administradas: 16.440

No que atinxe aos datos de vacinación no último día, Galicia bateu este martes o seu récord de doses administradas, con 16.440, o que deixa a media diaria na última semana en 10.450, o seu valor máis elevado dende o inicio do proceso, unha vez superado o problema provocado pola paralización cautelar da aplicación da vacina de AstraZeneca.

Dende a Consellaría de Sanidade destácase que -a diferenza doutras comunidades, como Madrid- durante a Semana Santa continuará a administración de vacinas para as persoas de máis de 80 anos, co obxectivo que completar a súa inmunización nos prazos previstos, fixados na última semana de abril.

Esta semana a Galicia chegou a cifra máis alta de vacinas recibidas ata o momento. Foron máis 95.000 doses: 57330 de Pfizer, 32.200 de Moderna e 6.400 de AstraZeneca

Esta semana a Galicia chegou a cifra máis alta de vacinas recibidas ata o momento. Foron máis 95.000 doses: 57330 de Pfizer, 32.200 de Moderna e, finalmente, 6.400 de AstraZeneca, aínda que nun primeiro momento se informara de que non ía ser distribuída ningún vial desta última. De feito, o Ministerio de Sanidade anunciou este mércores a chegada dun millón de doses de AstraZeneca, que elevarán considerablemente o envío da vindeira semana, permitindo aumentar o ritmo de vacinación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.