As mortes coa COVID nas residencias pasan de ser o 40% do total de Galicia a apenas o 6% tras a vacinación

Vacinación contra a COVID-19 nunha residencia de persoas anciás en Ribadeo CC-BY-NC-SA Foto: Deputación de Lugo | Montaxe: Praza Pública

O pasado 27 de decembro producíase nunha residencia de persoas anciás de Santiago a primeira e simbólica vacinación contra a COVID-19 en Galicia no que era o comezo da campaña de inmunización en toda a Unión Europea. Durante aquel mes, aínda entre ecos da segunda vaga da pandemia e antes do estoupido de contaxios ligados aos encontros do Nadal, o Sergas notificara 188 mortes de persoas que contraeran o coronavirus; case o 40% delas, vivían en residencias de maiores ou persoas con discapacidade.

Ata finais de 2020, catro de cada dez falecementos ligados á pandemia en Galicia eran de persoas que viviran en residencias

Esa proporción con case catro de cada dez mortes pola COVID-19 ligadas ás residencias, era só un chisco inferior ás notificadas nos meses anteriores, cando chegaran a roldar o 44%. En xaneiro, cando boa parte das máis de 20.000 persoas que viven nestes centros -21.384 en centros de maiores, segundo o IMSERSO- xa recibiran a primeira dose da vacina pero cando aínda ecoaban os contaxios previos ás inxeccións, o Sergas notificou 368 mortes, o 30% de persoas procedentes de residencias.

Esta correlación variou notablemente xa no mes de febreiro. Das 466 mortes notificadas ese mes por Sanidade, reflexo das peores semanas da terceira vaga, os falecementos de persoas que vivían en residencias pasaron a supoñer pouco máis do 20%. A mediados dese mes, a Xunta informaba de que rematara a vacinación coas segundas doses das persoas residentes nestes centros e do persoal que as atende (agás nas afectadas por gromos da COVID, onde o proceso foi máis demorado). Nos primeiros vinte e un días de marzo, o Sergas informou de 93 mortes e apenas o 6% estaban ligados a estes centros. 

Mesmo coa cautela de que os falecementos de persoas coa COVID-19 adoitan tardar un ou varios días en ser notificados (en casos excepcionais, mesmo semanas), a variación do peso das residencias no total de falecementos de persoas coa coronavirus é evidente, como amosan os gráficos sobre estas liñas. Os datos tamén son elocuentes ao ollarmos cara aos incrementos no total de mortes de persoas que vivían en residencias en comparación coa poboación xeral. Ata este 21 de marzo, Sanidade notificara 2.319 falecementos en Galicia. [Podes consultar a serie completa de falecementos ligados á COVID-19 en Galicia nesta ligazón]

Así, por exemplo, dende o 31 de outubro ao 30 de novembro, en plena segunda vaga, o número de mortes de persoas que vivían en residencias incrementouse nun 28%, mentres que os falecementos de pacientes coa COVID-19 entre a poboación xeral aumentaran nun 35%. Entre novembro e decembro, as mortes en residencias ligadas á pandemia aumentaron un 13% e entre a poboación xeral, un 17%, polo que a diferenza seguía sendo semellante. 

Entre xaneiro e febreiro, o total de mortes COVID aumentou un 34% e nas residencias, un 14%; entre febreiro e marzo, o incremento nestes centros foi do 0,77% e o no global de Galicia, do 6% 

No entanto, a variación entre decembro e xaneiro xa foi diferente: as mortes entre a poboación xeral que contraera a COVID-19 incrementáronse nun 31%, mentres que os falecementos coa COVID nas residencias subiran un 19%. De xaneiro a febreiro, as mortes da poboación xeral notificadas polo Sergas medraron un 34%, pero nas residencias fixérono vinte puntos menos, un 14%. Dende finais de febreiro e ata o 20 de marzo, os falecementos coa COVID-19 entre a poboación xeral aumentaron un 6%, mentres que o incremento nas residencias apenas superou 0,77%.

Estes datos de mortalidade seguen, non obstante, a ter unha eiva en canto á propia información se refire. A Xunta segue sen especificar cantas mortes de persoas coa COVID-19 se produciron en cada residencia dende o comezo da pandemia.

De quintuplicar a a incidencia total de Galicia a rexistrar niveis inferiores

A evidente mudanza na mortalidade ligada á COVID-19 nas residencias en relación coa poboación xeral prodúcese tamén na incidencia do virus. Así o amosan os datos máis recentes en comparación cos da segunda vaga e tamén a respecto dos das peores semanas da terceira.

Segundo os datos máis recentes, só tres centros de maiores rexistran casos da COVID-19 entres residentes, a práctica totalidade na residencia de Silleda

Dende mediados de febreiro, cando concluíu o proceso de vacinación nas residencias, é habitual que durante un ou mesmo varios días seguidos, o Sergas non notifique casos novos nin entre as persoas residentes en centros de maiores ou con discapacidade nin do persoal que as atende. Así, por exemplo, nos primeiros 21 días de marzo foron notificados 64 casos, a práctica totalidade dun único centro, a residencia de maiores de Silleda, onde o pasado domingo (tras engadir outros 16, 3 de residentes) había 51 casos activos (46 de residentes). 

Dende que se produciu este gromo, nesta residencia faleceu unha persoa coa COVID, un home de 87 anos cuxa morte foi comunicada este domingo. A Xunta non especificou, polo momento, se era unha persoa vacinada ou un dos residentes que ingresou posteriormente. Si vén informando que as persoas afectadas por este gromo permanecían asintomáticas e detallou, ademais, que o home padecía outra doenzas previas.

Fóra da devandita residencia, o foco máis relevante foi o do centro Santa Mariña, en Xinzo de Limia, onde na actualidade hai 3 residentes considerados como positivos activos, segundo o Sergas. Con datos do propio domingo, só se rexistraban casos en dúas residencias máis: un residente do centro DomusVi Laraxe (Cabanas) e un membro do cadro de persoal da residencia de Caranza, en Ferrol. 

A diminución de casos nas residencias cadrou cunha mellora xeral da situación epidemiolóxica, pero o impacto relativo do coronavirus nestes centros pasou a ser menor que no conxunto da poboación

A diminución de casos nas residencias cadrou cunha mellora xeral da situación epidemiolóxica no conxunto do país durante o mes de febreiro, pero dende o comezo da vacinación, o impacto da COVID-19 pasou de ser ata cinco veces superior nas residencias da terceira idade que entre a poboación xeral a ser equiparable ou mesmo menor nestes centros. Así se observa nos datos de incidencia acumulada (casos novos por cada 100.000 habitantes) a 7 e 14 días, calculados para as residencias de maiores coa cifra oficial de residentes actualizada polo IMSERSO a 14 de marzo: 21.384 persoas.

No que deu en ser o pico da terceira vaga da pandemia en termos de incidencia nas residencias de persoas anciás, rexistrado arredor do 25 de xaneiro, estes centros chegaban a rexistrar unha incidencia acumulada cinco veces superior á do conxunto de Galicia: uns 722 casos por cada cen mil habitantes entre o conxunto da poboación galega e case 3.800 nas residencias. A sete días, a correlación era semellante: o pico deste indicador na terceira vaga chegou aos 2.188 nas residencias e o dato global galego, nos mesmos días, roldaba os 400 casos por cada cen mil habitantes.

Dende mediados de febreiro, cando concluíu o proceso de vacinación no conxunto das residencias, a incidencia da COVID-19 entre as persoas que viven nelas non só seguiu descendendo, senón que tamén pasou a ser inferior que entre a poboación xeral. Nos últimos días, o devandito gromo na residencia de Silleda provocou que a incidencia acumulada nestes centros pasase a ser semellante ou mesmo un chisco superior, pero todo apunta a que, unha vez superado este gromo, a correlación volverá inverterse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.