Os centros de día volven sentirse discriminados pola Xunta. Se Galicia xa foi o pasado mes de xullo a última comunidade autónoma en abrir estes espazos tras catro meses de peche --provocando unha importante "deterioración" nas persoas usuarias que derivaron en empeoramentos "agora irreversibles"--, a non vacinación e mesmo a falta dunha data prevista para inmunizalos aumenta agora a indignación.
Varias comunidades autónomas levan semanas vacinando a persoal e usuarios dos centros de día; en Ga
Cantabria, Illes Balears, Madrid, Comunitat Valenciana, Euskadi, Murcia, Andalucía ou Canarias son algunhas das comunidades que levan xa semanas vacinando a persoal e usuarios dos centros de día (nos propios inmobles na maioría dos casos) para conseguir a inmunización duns espazos moi vulnerables á COVID. O feito de que as persoas que alí acoden vaian e volvan ás súas casas cada día supón un risco engadido. Ese foi o argumento principal que a Xunta empregou para xustificar o alongado peche de catro meses ante as demandas de apertura.
"Agora que dispoñemos da ferramenta para protexelos, non entendemos que Sanidade decida que os menores de 80 anos quedan fóra desta protección", di a Asociación de Centros de Día de Galicia (ACDGal). Tal e como explica --e aplica-- o Sergas, aquelas persoas usuarias dos centros de día que non entran nos grupos prioritarios establecidos até de agora pola estratexia estatal --maiores de 80 anos ou grandes dependentes de grao 3-- non serán vacinados.
A Xunta xustificou o alongado peche dos centros de día pola súa elevada vulnerabilidade e risco. "Agora que nos poden protexer, quedamos fóra", quéixanse
Todo malia que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurara o pasado 4 de febreiro en rolda de prensa que a partir do 16 de febreiro se empezaría a vacinar tanto os maiores de 80 anos como a usuarios e persoal dos centros de día e do servizo de axuda a domicilio. O obxectivo é que estivesen "inmunizados a principios de maio". Non se cumpriu.
Si noutras moitas comunidades, onde a vacinación está a ser completa a todas as persoas usuarias dos centros de día. A explicación está en que o Ministerio de Sanidade aclara na Estratexia de Vacinación que, ademais dos grandes dependentes, tamén se inclúen neses grupos prioritarios aquelas persoas "que solicitasen este recoñecemento ou as que non o solicitasen aínda pero estea medicamente acreditado por ter enfermidades que requiran intensas medidas de apoio para desenvolver a súa vida, incluídas aquelas institucionalizadas e non institucionalizadas".
Desde a ACDGal, que representa o 70% dos máis de 120 centros de día privados de Galicia, advirten de que a postura da Xunta "suporá a convivencia durante xornadas de oito, dez ou doce horas de persoas vacinadas con persoas sen vacinar, unha incongruencia total e sen sentido". Ademais, alertan de que, segundo os cálculos realizados, e tendo en conta o número de persoas de máis de 80 anos e grandes dependentes que si están a ser vacinadas, tan só o 20% dos usuarios dos centros de día de Galicia quedarían pendentes.
A Xunta argumenta que a estratexia estatal só permite vacinar agora a maiores de 80 anos e grandes dependentes
"Estamos falando de entre 900 e 1.000 vacinas para deixar inmunizados todos os centros de día de Galicia", explica Ángeles Álvarez, directora do centro Parque Castrelos en Vigo e presidenta da ACDGal. "É incomprensible que non se faga", denuncia, ademais de asegurar que centralizar a vacinación nestes espazos evitaría problemas de mobilidade aos anciáns e de xestión ao Sergas.
No caso da súa residencia, explica, en poucos días o 80% dos usuarios quedará inmunizado pero quedarán dez persoas aínda sen vacinar e sen data prevista, cos atrancos que na organización das terapias e actividades implica, ademais do temor lóxico das familias. Chelo Ferreiro, directora do centro Raiola de Verín, explica tamén o "problema" que supón que tanto persoal como a maioría dos usuarios estean xa vacinados pero haxa unha minoría que nin está nin sabe cando o vai estar. "Non entendemos as razóns", quéixase.
A isto engádeselle "a angustia e a incerteza de saber que en calquera momento pode aparecer un positivo", algo que "podería ser rebaixado coa vacinación integral dos centros", explica ACDGal, que clama pola "normalidade" en lugares onde, desde a chegada da COVID, deixáronse de realizar terapias e actividades moi beneficiosas que son imposibles sen a vacinación.
A Asociación de Centros de Día advirte da necesidade de inmunización para recuperar terapias e actividades e "rebaixar a angustia e incerteza"
"Ademais, hai que ter en conta a necesidade de atención psico-afectiva, de cariño, que teñen os usuarios, que levan moito tempo relacionándose a distancia, sen abrazos nin contacto", insiste Álvarez, que cre tamén que levar a cabo a administración das doses nos centros de día "facilitaría máis o traballo das enfermeiras e engadiría seguridade aos maiores".
Malia as demandas que a ACDGal, a través de reunións e intercambio de cartas, realizou a Sanidade, a resposta segue a ser un non. Nas cartas enviadas, o conselleiro Julio García Comesaña asegura que, "desafortunadamente" entre os criterios que achega o Estado para determinar a vacinación a tal hora "non se inclúe o uso dun centro de día". "O noso deber é axeitarnos aos principios pactados polo Ministerio e as autonomías", explica.
Ademais, e para xustificar o incumprimento da palabra dada por Feijóo o 4 de febreiro, Comesaña escúdase en que a última actualización da Estratexia Nacional de Vacinación publicouse "cinco días despois desas palabras" e pauta para o grupo onde se inclúe o persoal de centros de día a administración da vacina AstraXeneca, que está contraindicada para persoas maiores de 55 anos. "Isto obrigou a alterar a planificación e a separar a loxística da vacinación dos proesionais dos centros da daqueles usuarios que sexan grandes dependetnes e teñan 80 anos ou máis", explica.
Os centros de día aclaran que bastarían unhas 1.000 vacinas para inmunizar por completo todos estes espazos en Galicia
Para Ángeles Álvarez, presidenta da ACDGal, as xustificacións "nada" teñen que ver coas explicacións solicitadas e lembra que nin as pautas marcadas pola estratexia estatal nin a súa actualización supuxo impedimento ningún para que a maioría das autonomías estean vacinando nos centros de día desde mediados do mes de febreiro.
"Cando pedimos a reactivación dos nosos servizos, a Xunta xustificou o peche porque traballabamos coas persoas máis vulnerables ante a COVID e polo risco engadido que supoñía que fosen e viñesen cada día ás súas casas", repite Álvarez, que volve preguntarse "que razón hai agora para impedir a vacinación naqueles centros que se consideraban tan vulnerables e de risco". "Agora xa non o son? Ou é que somos de segunda comparada con outros lugares?", insiste.
No fondo, ademais, as diferentes entre as consellerías de Política Social e Sanidade que agromaron tamén durante a polémica decisión de alongar o peche dos centros de día durante a primavera e o verán pasados. Diversas fontes explican a Praza.gal que, mentres no departamento que dirixe Fabiola García son partidarios de lograr canto antes a inmunización contra a COVID nos centros de día, desde o que dirixe García Comesaña enténdese que non é posible seguindo os criterios marcados polo Estado.
Malia que Feijóo dera por feita esa vacinacion hai xa un mes e a pesar de que son numerosas as autonomías que están administrando as doses a todo o persoal e persoas usuarias dos centros de día. "Non facelo antes foi unha decisión catastrófica", denunciaban os sindicatos cando varios territorios comezaron a inmunización a mediados de febreiro. En Galicia aínda non hai data.