"É duro de levar. Diríalles aos responsables da Xunta que pasen só un día así e saiban o que é, as consecuencias que supoñen tres meses máis nesta situación para os vellos, pero tamén para a súa familia, para os coidadores". María leva case tres meses na casa de seus pais, nunha pequena aldea da Terra Cha, logo de que o estoupido da pandemia a collese a ela e a seu marido a máis de cen quilómetros da súa residencia habitual e noutra provincia. Con ela, tamén a súa sogra. Entre os tres anciáns suman uns 270 anos e a súa mai sofre de demencia. Leva desde mediados de marzo sen acudir ao centro de día, confinamento incluído, e a deterioración provocada pola falta de actividade, das terapias ou da exercitación da memoria é máis que evidente.
"As consecuencias de manter pechados os centros de día non só son para as persoas dependentes, senón tamén para os que conviven con elas"
"As consecuencias non só son para as persoas dependentes ou con problemas, senón tamén para os que conviven con elas", engade María, incrédula e indignada, como tantas outras familias en Galicia, logo de que Feijóo anunciase o pasado venres que a reapertura dos centros de día quedaba adiada ata setembro tras semanas de negociacións para unha volta inminente que agora se adía a outono. "Desde o centro avisáronnos de que estaban facendo obras para adaptarse ás medidas de hixiene e distancia social requiridas", engade a muller, que contaba --como a maioría de centros de día e persoas usuarias-- que as portas poderían abrir en poucos días, tal e como xa está ocorrendo en Euskadi, Navarra ou a Comunitat Valenciana.
As oito horas diarias que a súa nai, con graves problemas de memoria, era atendida no centro de día son agora suplidas por unha asistenta social, a axuda dunha familiar e o esforzo do seu marido, que atende tamén as necesidades da súa proxenitora e do seu sogro, ambos con problemas de mobilidade. O matrimonio, que pasa dos 60 anos, vai camiño de tres meses sen poder volver á súa casa e sofre tamén de problemas de saúde derivados do confinamento.
"Non só se están a deteriorar e a enfermar as persoas usuarias, senón tamén moitos dos familiares", di Silvia de Cal, da Plataforma de Centos de Día de Galicia
É un relato dos tantos que se poderían facer en Galicia sobre o impacto que o peche durante medio ano dos máis de 260 centros de día ten en boa parte dos 14.000 usuarios e nos seus familiares. Un golpe na saúde, no económico e na conciliación. "Non me quero imaxinar unha situación así se tivese que traballar", engade María, retirada por incapacidade tras un problema de saúde que lle impide atender como quixera a seus pais.
"É un caso paradigmático doutros moitos; non só se están a deteriorar e a enfermar as nosas persoas usuarias, senón tamén moitos dos familiares e coidadores", advirte Silvia de Cal, responsable dun centro e portavoz da Plataforma de Centros de Día de Galicia (PCDG)PCDG, que agrupa 70 destes espazos privados. "Non fai máis que chamarme xente advertíndome de que igual en setembro os seus familiares xa non volven porque a inactividade estalles provocando problemas graves", conta quen fala con crueza das consecuencias que traerá esta falta de atención, actividade e coidados entre a poboación máis vella: "Haberá mortes que non se incluirán nas estatísticas porque non serán por coronavirus, pero si derivadas da inmobilidade, da ausencia das súas terapias habituais, da falta de socialización...".
"A deterioración física e mental que están a experimentar é moi importante", engade en coincidencia con outras compañeiras do sector, que tamén denuncian, pero prefiren deixar en segundo plano, as consecuencias económicas. "O importante son as persoas usuarias, xa non só polo que sofren agora, senón porque en setembro habería que empezar de cero con elas", engade De Cal, que pide "coherencia" á Xunta e segue sen entender "por que se poderá ir con turistas a tomar copas pero non abrir un centro de día".
"A deterioración física e mental que están a experimentar as persoas usuarias é moi importante", din responsables de centros de día
"Sabemos que hai que tomar todas as medidas de seguridade e tamén que conviviremos co risco ao contaxio, pero as persoas maiores non terán risco se van á praia ou a unha cafetería ou se reciben visitas de familiares?", di quen se pregunta tamén "como pode ser seguro celebrar eleccións o 12 de xullo mentres se apraza a apertura dun sector fundamental ata setembro". Preguntada polas razóns da decisión, a voceira da PCDG entende que só poden ser "políticas". "Se hai algunha técnica, que ma expliquen e rectificarei encantada", engade.
Ao tempo, persoas usuarias e familiares vanse organizando contra unha medida que consideran incomprensible. En internet, máis de 2.000 sinaturas piden a reapertura dos centros de día e afectados advirten dos "cadros de depresión" que o confinamento e a imposibilidade de realizar as tarefas antes diarias provoca entre os maiores. "A falta de actividade, terapias cognitivas ou rehabilitación está causando estragos entre eles e sobrecargando os coidadores; a conciliación é imposible", lembran algúns testemuños, que advirten ademais de que "nunca será comparable" unha coidadora a domicilio, se é que se atopa para poder contratala. Das axudas de 500 euros mensuais anunciadas por Feijóo, hai quen se pregunta se vai en serio: "Non che chega nin para dúas horas ao día".
"É incomprensible que calquera persoa maior poida acudir ao supermercado ou a misa pero non a recibir terapias especializadas que melloran a súa saúde"
"É incomprensible que na fase de desescalada que nos atopamos calquera persoa maior poida acudir ao supermercado, ao cine, á cafetería ou a misa pero estea privada da posibilidade de seguir recibindo terapias especializadas que contribúen a mellorar o seu estado biopsicosocial; con esta medida que pretende velar pola súa saúde, paradoxalmente, réstanlles saúde", asegura a PCDG, que lembra que os centros "levan un mes" preparando planes de acción específicos para un regreso "con todas as garantías". Ademais, pregútanse como Galicia, "que conta con mellores datos" epidemiolóxicos, non pensa en abrir estes espazos ata outono mentres territorios como Euskadi e a Comunitat Valenciana xa o fan desde esta semana e Catalunya anuncia que o fará na fase 3.
"Agardar ata setembro é inadmisible e atenta contra os dereitos máis elementais das persoas", insisten desde a Plataforma, que alerta tamén dos "problemas económicos" que a decisión da Xunta provoca en moitos centros que son pemes "creadas por vocación e para autoemprego". Con gastos fixos inaprazables, sen ingresos e coa derivada perda de empregos tamén en compañías de cátering ou transporte que dependían dos seus servizos.
"Agardar ata setembro é inadmisible"
"É probable que en setembro, se non muda a decisión, moitos centros xa non abran as súas portas porque as terán pechadas de vez ante o problema económico que lles veu e se lles vén enriba", conta outra responsable dun centro de día.
Desde a PCDG piden á Xunta que recoñeza os servizos dos centros de día como "esenciais", que "escoite" as demandas dun "sector especializado", que elabore un "plan de reactivación marco" xunto ás autoridades sanitarias e "fomente unha actitude responsable a través de máis información información a todos os implicados". Con todo, como lembra Del Cal, a "prioridade" seguirá sendo "a situación das persoas usuarias".
"Levamos semanas oíndo de dirixentes políticos que o primeiro é a saúde... Pois deberíano ter en conta porque hai milleiros de persoas ás que lles está empeorando a saúd por non poder acudir ao centro de día", explica a portavoz da Plataforma.
Mentres, na pequena parroquia da Terra Cha, María lembra o caso dunha veciña, á que o anuncio do mantemento do peche agrava aínda máis unha situación xa preocupante. O seu marido, con Alzheimer avanzado, apenas camiña xa desde que deixou de acudir ao centro. A filla, que traballa fóra de Galicia, tivo que adiantar as vacacións para axudarlle nos coidados. "Teñen que atarlle as mans para poder lavalo", advirte. Desde hai uns meses, perdeu mobilidade e empeoroulle o carácter.