Durante as pasadas semanas, representantes da Consellería de Política Social reuníronse en varias ocasións con representantes da Plataforma de Centros de Día, que agrupa unhas 70 destas instalacións para maiores e persoas en situación de dependencia por toda Galicia, para abordar a súa reapertura durante o desconfinamento tras o peche total polo coronavirus. Paralelamente, en moitos destes centros preparábanse para retomar a actividade tomando como guieiro o Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2 elaborado pola Consellería de Sanidade, datado no 12 de maio e que moitos deles recibiran nos días seguintes.
Responsables de centros de día relatan que negociaran durante as últimas semanas coa Xunta unha reapertura inminente. Tras anunciar Feijóo que non poderán reabrir ata setembro, a Consellería de Política Social confirmóullelo por carta
Pero os plans frearon en seco o pasado venres. Tras o Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo anunciou que o Goberno galego viña de frear a reapertura dos centros de día "ata o curso que vén", en referencia ao mes de setembro. En moitas destas instalacións estendeuse o estupor e comezaron as chamadas telefónicas á Consellería de Política Social á procura de explicacións. Segundo puido constatar Praza.gal, foron varios os centros aos que o departamento que dirixe Fabiola García remitiu ao devandito Plan de reactivación, pero a unha nova versión que tamén atribúen a Sanidade. Dela, desapareceran as dez páxinas dedicadas á reapertura dos centros de día. Segundo Sanidade, a decisión de non reabrir é de Política Social, indicáronlles.
Alén das versións cruzadas entre consellerías, as direccións dos centros recibían outra comunicación por escrito a últimas horas do venres. Na misiva, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, Ildefonso de la Campa, indica que "agora que parece que os peores días da pandemia quedaron atrás", a Xunta "afronta o reto de acometer a desescalada coa máxima prudencia", especialmente "naqueles espazos onde se reúnen as persoas máis vulnerables, como os nosos maiores e as persoas con discapacidade".
A reapertura dos centros de día desapareceu do plan de desconfinamento elaborado por Sanidade o pasado 12 de maio
Esa é a razón, apunta a carta, pola que "tras escoitar aos representantes do sector e á comunidade médica", a Xunta "vén de tomar a decisión de que os centros de día e os centros ocupacionais non retomen a súa actividade ata o mes de setembro", xa que "entendemos que non hai a seguridade suficiente". Como xa adiantara Feijóo, De la Campa tamén indica aos centros que o Goberno galego prevé aprobar axudas para as familias e para os propios centros -no caso dos privados- para compensar un peche que, en total, roldará un mínimo de seis meses.
"O deterioro dos maiores xa é unha realidade; a falta de actividades e terapias causa estragos e sobrecarga ás familias", alertan
Esta carta non serviu para acougar o estupor e o malestar no sector polo freo á reapertura. Máis ben ao contrario. Dende a Plataforma de Centros de Día aseguran que, tras manteren conversas con De la Campa e coa propia conselleira, Fabiola García, "todo estaba encamiñado" e "enriba da mesa, unha apertura en datas moi próximas". Neste sentido, responsables de centros consultados por Praza.gal detallan que nas últimas semanas "elaboramos protocolos" baseados na parte do documento do Sergas dedicado aos centros de día e xa activaran medidas como desinfeccións en profundidade.
"Estragos nos maiores e sobrecarga nas familias"
Pero o certo é que os centros non van reabrir e por iso os seus reponsables claman por unha "reconsideración" da decisión. Non só porque, no caso dos privados alleos a grandes grupos, as axudas poidan ser escasas e chegar tarde. Sobre todo, afirman, porque "o deterioro dos nosos maiores é xá unha realidade" e "a falta de actividade, terapias cognitivas, rehabilitación, exercicios de memoria" está "causando estragos" entre as persoas usuarias e "sobrecargando ás súas familias".
"A prestación de servizos dun centro de día, as súas terapias e atención psicosocial", advirten, "non poden ser suplidas por actuacións de asistencia a domicilio ou, sen máis, por unha achega económica. Máis aínda nun contexto, subliñan, no que os centros "xa dispoñen de infraestrutura capaz de garantir o distanciamento social", á que agora se estaban a sumar "medidas adicionais acorde coas directrices ligadas á covid-19".
A Federación Alzhéimer Galicia reclama tamén a reapertura "inmediata": "O apoio económico é fundamental, pero non pode servir para abandonar a atención directa", din, ao tempo que alertan das "graves consecuencias" da decisión para "persoas con demencia neurodexenerativa"
Esa mesma alerta lánzaa tamén a Federación Alzhéimer Galicia, que xunta ás entidades de persoas que padecen esta doenza no país. "Solicitamos á Xunta que se poida atender ás persoas con demencia e ás súas familias de forma inmediata", advirten, porque esta crise "está a ter consecuencias moi graves", xa sexa "ampliando a súa problemática do campo sanitario ao campo social" ou porque a ausencia dos servizos dos centros de día provoca "un importante deterioro" agravado polo confinamento.
"Os servizos que se prestan dende a rede de asociacións de familiares de persoas con demencia neurodexenerativa", sinalan dende Alzhéimer Galicia, deben ser "recoñecidos como esenciais" e a Xunta debe "permitir abrir os centros", dispostos para "cumprir todas as esixencias de control sanitario para evitar posibles contaxios". "O apoio económico ás familias coidadoras é fundamental", admiten, pero "non pode servir para abandonar a atención directa e terapéutica", cuxa ausencia deixa ademais as familias "sen respiro" e sen posibilidade de "adaptar a conciliación precisa á que teñen que dar resposta no proceso de desescalada", moitos deles tendo que elixir entre regresar ao traballo ou atender un familiar con algúns destes problemas.