Os centros de día permanecen pechados malia que o Goberno central autorizou a súa apertura a partir da fase 1 na que actualmente se atopa Galicia. O Goberno autonómico decidiu manter clausurados estes espazos e vén de poñer en marcha o blog O centro de día na casa, destinado ás persoas maiores que desde o pasado 13 de marzo non poden acudir a estes recintos e que non teñen aínda data de volta.
Galicia mantén os centros de día pechados malia que o Goberno central autorizou a súa apertura coa entrada na fase 1 de desconfinamento
O Goberno galego considerar arriscada a reactivación destes centros sen antes consultar con expertos, falar co sector e elaborar un protocolo. Ese protocolo existe desde o pasado 12 de maio e o Consello da Xunta deulle o seu visto e prace o pasado venres, aínda que os profesionais destes centros non o recibiron ata o domingo 17. Nel, e respecto a estes centros de atención diúrna, aclárase que a súa volta á actividade realizarase "de maneira progresiva", por etapas --tres de quince días-- e co aforamento limitado no primeiro mes.
Así o determina o Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en relación coa infección polo virus SARS-CoV-2 , documento elaborado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas e ao que tivo acceso Praza.gal. Nel aclárase que a reactivación destes centros de día "debe de ser gradual, dinámica e reversible, permitindo recuperar a actividade de forma progresiva, sen incrementar o risco de aparición dun abrocho".
Ademais, a Xunta aclara que será "necesario valorar a existencia dunha diminución sostida do número de casos confirmados" de infección polo coronavirus na poboación xeral (excluíndo residencias, centros sociosanitarios e persoal sanitario), e a través do indicador da "incidencia acumulada nos tres días previos ao inicio desta reactivación", que debe ser menor ou igual a tres casos novos de Covid-19 por 100.000 habitantes/día, unhas cifras que ten o Sergas pero que non fai públicas.
A volta á actividade nos centros de día realizarase "de maneira progresiva", por fases (tres de quince días) e co aforo limitado no primeiro mes
Ao tempo, o documento recomenda tamén ter en conta unha serie de indicadores para "valorar a necesidade de interromper o proceso de reactivación ou incluso a posibilidade de retroceder nel". Podería acontecer no caso de que a diminución do tempo de duplicación de casos pase a ser menor de cinco días, que o incremento sostido do número de casos confirmados sexa maior ao 10% durante tres días seguidos ou que o aumento de casos confirmados entre profesionais sanitarios tamén supere o 10%. De cumprirse algunha destas variables, estes espazos poderían deter a súa apertura ou mesmo volver pechar.
No momento no que a Xunta decida reabrilos, os centros de día entrarán na fase 1, de quince días, na que se manterá a teleasistencia a aqueles usuarios que non acudan e na que a entrada e saída das instalacións farase "de maneira escalonada para evitar aglomeracións de persoas". Ademais, e no caso de dispor delas, "priorizaranse as actividades nas zonas ao aire libre sempre que sexa posible", así como "o traballo individual ou en pequenos grupos e con persoal estable".
Nesta fase 1, a actividade do centro "limitarase ao 50% da súa ocupación, aínda que poderá aumentarse se se establecen medidas para garantir a medida de distanciamento de dous metros". Para pasar á seguinte etapa, deberá avaliarse a situación epidemiolóxica e sanitaria e elaborarase un informe de avaliación final sobre o que se decidirá a entrada ou non na seguinte fase.
A ocupación nos primeiros 15 días tras a reapertura dos centros será do 50%, aínda que poderá aumentarse de garantirse o distanciamento de dous metros
Na segunda etapa, manteranse as recomendacións de teleasistencia, traballos individuais e ao aire libre e a de evitar aglomeracións de persoas, e a ocupación quedará limitada ao 75%, tamén coa posibilidade de aumentala de poder establecer medidas para manter a distancia de dous metros entre persoas. Quince días despois, e de cumprirse cos requisitos sanitarios e epidemiolóxicos, pasarase á última das fases.
Na terceira etapa, coas mesmas recomendacións que na primeira e na segunda respecto ás actividades, "permitirase o 100% de ocupación do centro establecendo medidas para garantir, na medida do posible, a medida de distanciamento de dous metros" e volverase a avaliar a situación. De pasar esta fase, "restableceranse as actividades que se realizaban con anterioridade á crise sanitaria pero mantendo as medidas de hixiene e de distanciamento".
Xa que logo, e a partir do día no que a Xunta decide iniciar a reapertura dos centros de día, estes non recuperarían a súa actividade normal --aínda que mantendo medidas de limpeza e distancia especiais-- e a seguridade de poder ser ocupados ao 100% ata como mínimo mes e medio despois.
Alén disto, o protocolo elaborado polo Sergas establece tamén as medidas a tomar no caso de que apareza un caso positivo da Covid-19 nun centro de día. "Valorarase realizar a PCR a todo o persoal e persoas usuarias", di o documento, que indica que nas instalacións "realizarase unha limpeza e desinfección en profundidade complementada con técnicas que maximicen o contacto con toda contorna". Ademais, a Xunta aclara que se "avaliaría se é necesario pechar o centro durante un período de quince días".
A Xunta contempla pechar durante quince días os centros de día no caso de que apareza un positivo por coronavirus
Por suposto, e durante todo o período desde a súa reapertura, os centros de día deberán levar a cabo unha "vixilancia" da infección por coronavirus. Así, en canto ao persoal e os convivintes, deberán facer unha autoavaliación e rexistro diario de síntomas compatibles coa doenza mediante a realización dunha enquisa clínico-epidemiolóxica. No caso de aparecer sintomatoloxía, illarase na casa e someterase a unha proba PCR que será repetida e que, no caso de seguir sendo negativa, sería reforzada con outros tests e técnicas de alto rendemento que certifiquen que non sofre o coronavirus.
O novo persoal que se incorpore ao centro deberá tamén realizar unha "enquisa da contorna de convivencia, actividade laboral previa e concomitante". Ademais, o Sergas recomenda "a menor rotación posible do persoal, organizando equipos estables", así como a "reorganización" da actividade laboral para "dividir os equipos por grupos de persoas usuarias para reducir os contactos".
En canto ás persoas usuarias, farase unha "avaliación e rexistro diario de síntomas compatibles con infección" ao chegar ao centro mediante a realización da mesma enquisa clínico-epidemiolóxica e "habilitarase un espazo no centro para illar aquelas persoas nas que se detecten síntomas mentres non se xestiona o seu traslado".
En canto á prevención, o Sergas pide unha importante "concienciación e interiorización da magnitude do problema" entre o persoal e as persoas usuarias, así como a continua información sobre as medidas de hixiene continua e distanciamento que se impulsarán con cartelería ou mesmo dinámicas de grupo. Doi mesmo xeito, intensificarase a limpeza das instalacións, que se adaptarán tamén para poder manter as distancias, e estableceranse quendas para evitar aglomeracións. Os traballadores contarán cos equipos de protección individual (EPI) necesarios.
No caso de usuarios infectados, controloranse os casos illados con segimento mediante teleasistencia ou telefonicamente, ao igual que os seus contactos estreitos.