Con data deste 15 de maio, un total de 197 persoas residentes en centros de maiores e dependentes de Galicia tiñan consideración de positivos activos por coronavirus, o que segundo o Servizo Galego de Saúde representa "o 0,8% do total das persoas residentes". Delas, 146 persoas anciás permanecen nas propias residencias e as restantes están en hospitais ou nos centros habilitados para residentes contaxiados. Ata o momento, faleceron 269 persoas que vivían nestes centros a causa da pandemia, se ben nos últimos seis días non se rexistraron falecementos de residentes con test positivo por esta doenza.
Con este pano de fondo, o Consello da Xunta tivo este venres sobre a mesa o Plan de Reactivación das Residencias de Maiores en Relación coa Infección polo Coronavirus. Segundo o avanzado polo presidente en rolda de prensa e despois polo Goberno galego a través dun comunicado, este proxecto terá entre as súas primeiras consecuencias a posibilidade de retomar, aínda entre fortes restricións, algunhas das actividades cotiás canceladas neste centros por mor da pandemia. Tamén algunhas visitas de familiares. Todo isto, comezando polos concellos menos afectados polo coronavirus. Segue sen ser público de cales se trata exactamente.
Poderán acceder ao plan de desconfinamento as residencias sen novos casos de coronavirus nas últimas dúas semanas que estean en municipios con "tres ou menos casos ao día por cada 100.000 habitantes", dato de incidencia municipal que o Sergas non divulga
Atendendo ao avanzado pola Xunta, o desconfinamento nas residencias terá tres etapas. Durarán, como normal xeral, "15 días cada unha", que serán dez nas residencias de menos de 60 prazas. Despois de que o Goberno central relaxase o peche total destes centros -preguntado ao respecto por Praza.gal, o Ministerio de Sanidade remite ás ordes ministeriais do desconfinamento- pola mellora das cifras globais de contaxios, o Executivo galego di ver as condicións oportunas para que a primeira fase comece o vindeiro luns 18 de maio. Inicialmente, o Goberno central non contemplaba as visitas ata a fase 3 do desconfinamento.
Para entrar nesa primeira fase, as residencias deberán cumprir dous requisitos: non ter ningún caso positivo de coronavirus "tanto no persoal como nos residentes nos últimos quince días" e tamén "estar nun concello que tivese 3 ou menos casos de covid-19 ao día por cada 100.000 habitantes" no mesmo período.
Feijóo asegura que en torno ao 80% do total das residencias poderán incorporarse ao plan de desconfinamento
A listaxe dos concellos con esa escasa incidencia é un dato que en Galicia non é público, ao contrario do que acontece noutras nove autonomías. A única información dispoñible son as alusións de Alberto Núñez Feijóo en rolda de prensa a concellos sen contaxios -xa son 250, sinalou este venres- e tamén as cifras xerais incluídas no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a convocatoria de eleccións no mes de xullo.
Nese documento indicábase que a día 11 de maio había un total de 229 concellos sen positivos novos nas anteriores dúas semanas pola vía da transmisión comunitaria. No que atinxe ás residencias que se beneficiarían xa da entrada na fase 1, Feijóo asegura que son unhas 388, "sobre o 80%" do total. Este 15 de maio seguía habendo casos activos de coronavirus en residentes dunha trintena de centros e en persoal de case corenta.
As condicións das actividades para residentes e das visitas
Nesa primeira etapa, especifica a Xunta, as persoas residentes poderán retomar algunhas actividades en grupo que ficaran canceladas, pero con distancias de seguridade e hixiene adicionais. Entre elas, paseos por quendas nunha contorna de ata un quilómetro e sempre con máscara hixiénica. Na segunda, xa se permitiría que as persoas en condicións de facelo poidan -preferentemente a primeiras horas da mañá saír tamén para ir á farmacia ou ao banco. Na terceira, eses paseos poderían ampliarse a maior distancia e supostos.
Ese desconfinamento atinxe a un dos aspectos máis sensibles nestas residencias de maiores e persoas con discapacidade: as visitas de familiares. Segundo o indicado pola Xunta sobre o plan, que non divulgou integramente, as súas condicións serían estas:
- Fase 1: Permitida unha visita á semana dunha persoa de referencia sen síntomas de coronavirus indicada con anterioridade e con cita previa en función do espazo de cada residencia. A Xunta non especifica se é posible alegar unha destas visitas para ir alén do límite provincial na fase 1 do desconfinamento xeral.
- Fase 2: Permitidas dúas visitas á semana das persoas de referencia mentres se segue "favorecendo o contacto con outros familiares ou amigos mediante chamadas telefónicas, igual que na primeira fase".
- Fase 3: Recuperación do réxime de visitas ordinario de cada centro.
A fase 1 inclúe unha visita á semana con cita previa e a reactivación de novos ingresos
As medidas do plan de "reactivación" das residencias de maiores inclúen tamén a reactivación de novos ingresos xa previstos dende a fase 1 sempre e cando a persoa pendente de entrar na residencia dea negativo nunha proba PCR. Todo este proceso, como o desconfinamento xeral, é "dinámico" pero tamén "reversible", advirte o Sergas. Deste xeito, confirma, o reinicio das visitas e demais actividades será cancelado nos centros en que abrolle algún caso novo de coronavirus. Medidas coma estas xa están vixentes noutras autonomías como as Illes Balears, mentres que noutras, como Euskadi, mantense o plan inicial de non permitir visitas a centros de maiores ata a fase 3 do desconfinamento xeral.