Galicia, á cabeza do Estado en opacidade na difusión de datos sobre o coronavirus

A maior parte dos gobernos autonómicos publican máis información sobre a covid-19 en cadanseus territorios que a Xunta para Galicia CC-BY Imaxe ao microscopio: NIAID | Montaxe: Praza Pública

A Xunta non contempla publicar unha serie estatística completa sobre o impacto do coronavirus en Galicia. Así o ratificaba a pasada semana o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, despois de que a introdución de 3.552 "curacións" sen referencia temporal ningunha e outros cambios no cómputo fixesen saltar polos aires, a efectos prácticos, a información que sobre a epidemia puidesen ter recompilada os medios de comunicación e a cidadanía en xeral. Feijóo atribuíu esas mudanzas á necesidade de "cumprir" o protocolo de datos esixido polo Ministerio de Sanidade, cuxos cambios na presentación da información deron nos últimos días a unha situación paradoxal: o Estado difunde datos sobre a evolución da covid-19 en Galicia que o Servizo Galego de Saúde lle transmite, pero non fai públicos.

Galicia seguirá, daquela, sen unha estatística pública completa sobre a evolución da pandemia dende o seu inicio, alén da que divulga o Instituto de Salud Carlos III do Ministerio de Ciencia. Tamén continúa sen unha fonte de datos abertos e reutilizables do Sergas con magnitudes clave como o número de casos novos diarios, o tipo de test polo que foron obtidos ou a incidencia acumulada. Ou, o que é o mesmo, moi lonxe da cantidade e calidade de información que ofrece a maior parte das comunidades autónomas a respecto da pandemia en cadanseus territorios. Non en van, a escaseza informativa galega só é equiparable á doutra autonomía: Extremadura. [Feijóo esixe ao Goberno central a "serie histórica" completa de datos do coronavirus que a Xunta non contempla publicar]

As excepcións galega e extremeña

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade distribúe á prensa -e á cidadanía en xeral, a través do seu sitio web-, comunicados diarios nos que indica os "positivos activos" da covid-19 no total de Galicia e por áreas sanitarias. Tamén ofrece datos galegos de "curacións" e falecementos e do tipo de atención que reciben os devanditos "positivos activos", hospitalaria ou domiciliaria, así como o número de probas PCR realizadas. Asemade, agrega dende comezos de abril datos a respecto das persoas residentes en centros de maiores que deron positivo, faleceron ou se recuperaron. Os detalles dos positivos "activos" por centro son especificados á prensa, pero non divulgados máis alá.

A Xunta divulga a información do coronavirus con documentos de texto sen indicadores clave como os novos casos diarios ou o tipo de test mediante o que foron detectados; non existe unha fonte pública de información completa e reutilizable nin no Sergas nin no portal de datos abertos da Xunta 

Toda esta información está contida en documentos de texto que non inclúen información a respecto dos casos novos -imposible de calcular directamente dende o cambio de cómputo- ou o tipo de test polo que foron obtidos. Territorialmente, estes partes non chegan alén da área sanitaria. Non existe, en ningún caso, serie histórica ningunha publicada e ningunha fonte de datos abertos e reutilizables nin para a prensa nin para a cidadanía en xeral. O portal de Datos Abertos da Xunta tampouco ofrece información ningunha ao respecto. [Ao pé de cada gráfico elaborado por Praza.gal podes atopar unha ligazón para descargar os datos utilizados na súa elaboración]

Só outro Goberno autonómico, a Junta de Extremadura, ofrece os datos da pandemia cunha opacidade equiparable á do Executivo galego. Alí, o Executivo que encabeza Guillermo Fernández Vara (PSOE) tamén emite comunicados diarios que, no seu caso, dan conta do número de casos novos e acumulados e algúns detalles por áreas sanitarias. Para todo o demais, limítase a remitir ao Ministerio de Sanidade e como a Xunta, non ofrece fonte ningunha de datos abertos.

Asturias, Euskadi, Catalunya ou Andalucía: datos abertos ata o nivel municipal

A opacidade dos gobernos galego e extremeño e o limitado alcance da información divulgada polo Goberno central -que non ofrece detalles máis alá do nivel autonómico e unha serie histórica aberta e reutilizable, pero incompleta- contrasta co amplo catálogo de datos que ofrecen múltiples gobernos de diversas cores políticas. Son varios os que publican datos abertos e reutilizables que, ata en nove casos, chegan ata o nivel de desagregación municipal. 

O Principado de Asturias ofrece dende o inicio da pandemia gráficos e mapas interactivos sobre o impacto da covid-19 no seu territorio e a posibilidade de descargar libremente os datos para a súa reutilización

O xeograficamente máis próximo que destaca pola súa transparencia na difusión de datos dende o comezo da pandemia é o do Principado de Asturias. Como a Xunta, o Goberno asturiano tivo que adaptar os seus datos ao novo protocolo do Ministerio, pero non por este motivo deixou de publicar información, senón que revisou a xa publicada e divulgou unha nova serie completa igualmente aberta na que, mediante táboas e gráficos, é posible coñecer indicadores como os novos casos detectados a diario mediante probas PCR ou de anticorpos, altas, falecementos ou hospitalizacións. 

Os completos informes interactivos do Observatorio Salud en Asturias detallan e actualizan a diario datos como as taxas de incidencia da covid-19 ou o número de casos novos, os positivos posibles e confirmados, os datos acumulados ou a incidencia dos mesmos por sexo e idade tanto entre a poboación xeral como entre a residente en centros de maiores. Estes e outros datos son situados sobre o mapa por áreas sanitarias e concellos e, ademais, esta mesma semana o Goberno asturiano lanzou unha aplicación interactiva cos datos da covid-19 nos centros de Atención Primaria.

Mapas interactivos sobre o impacto da covid-19 divulgados por Euskadi e Catalunya e gráfico de novos casos publicado por Asturias CC-BY-NC-SA Praza Pública

O Goberno vasco divulga cada día un informe de 19 páxinas con cifras, gráficos e mapas sobre a pandemia con datos publicados para a súa libre descarga

O nivel de detalle e apertura dos datos asturianos é semellante ao ofrecido en Euskadi e Catalunya, igualmente con series históricas completas. O Goberno vasco divulga cada día un informe de 19 páxinas que, mediante táboas e gráficos, actualiza e encadra na serie histórica dende o comezo da pandemia datos como o número de casos positivos novos e acumulados e a súa situación tanto a nivel xeral como por provincias, áreas sanitarias, hospitais e concellos. 

As taxas de incidencia ou o número reprodutivo básico tamén son actualizados a diario nos informes do Goberno vasco, que ofrecen igualmente o perfil das persoas afectadas pola pandemia segundo o seu sexo e idade. Todos estes datos son plasmados nun mapa interactivo e a maior parte, publicados polo Goberno vasco en formato aberto, de xeito que quen o desexe pode descargalos para analizar como desexe a evolución da súa pandemia ou construír gráficos e mapas de seu.

Catalunya e Andalucía combinan os mapas interactivos coas táboas para informar ata o nivel municipal e desagregar os casos por sexo e idade das persoas afectadas, en ambos casos en formatos abertos

Tamén os datos do coronavirus que divulga o Goberno catalán son abertos e chegan ata o nivel municipal. Faino a través de mapas interactivos actualizados varias veces ao día para a cidadanía en xeral a través do seu departamento sanitario, pero tamén mediante o seu portal de datos abertos. Nel é posible descargar a información actualizada a diario e os datos acumulados dende o inicio da pandemia relativos a casos positivos sospeitosos e confirmados, o tipo de test mediante o que foron detectados ou a evolución dos falecementos, entre outros datos. Todos, ata o nivel de desagregación por áreas sanitarias, comarcas e concellos e por sexo das persoas afectadas.

A combinación de táboas e mapas interactivos tamén é a opción elixida pola Junta de Andalucía para divulgar os datos da pandemia. O Goberno andaluz inclúeos no seu portal específico sobre a covid-19 e todos os datos empregados para elaboralos están dispoñibles en formato aberto para a súa libre descarga e reutilización.

Os indicadores básicos da pandemia en Galicia, a través do visor interactivo da Comunidad de Madrid sobre a covid-19 CC-BY-NC-SA Praza Pública

A serie histórica de Galicia, a través doutras autonomías pero non no Sergas

Un nivel semellante de datos abertos sobre o coronavirus, aínda que con algúns detalles menos, é o que ofrecen os gobernos de Madrid e Balears. Na Comunidad de Madrid, o seu Executivo publica un informe diario sobre a evolución da enfermidade e, no mesmo espazo, ofrece acceso a mapas interactivos baseados no mesmo software que o empregado pola Generalitat de Catalunya para ofrecer datos como a incidencia acumulada e o número de casos por áreas sanitarias, distritos e concellos. As taxas de incidencia acumulada dende o inicio da pandemia e das últimas dúas semanas así como os datos acumulados pódense descargar para a súa reutilización.

As aplicacións interactivas de autonomías como Madrid e Balears permiten consultar a serie histórica de datos da covid-19 dos seus territorios e tamén doutros, polo que ofrecen unha información acumulada máis ampla sobre Galicia que a propia Xunta

Como outras autonomías, a Comunidad de Madrid ofrece un panel interactivo de situación xeral da pandemia que dá lugar a unha situación paradoxal a respecto de Galicia: a serie histórica que a Xunta xa confirmou que non prevé divulgar si está dispoñible, nas súas magnitudes básicas, nestes portais autonómicos na parte en que recollen información do Ministerio de Sanidade. Isto sucede no portal madrileño e cando menos, tamén no das Illes Balears, que ofrece unha serie histórica completa a nivel xeral, por illas e mais por municipios mediante mapas interactivos. Ademais, no seu portal de datos abertos procesa e ofrece para libre descarga as principais magnitudes tiradas do Ministerio, o que inclúe os datos galegos en formato numérico e gráfico.

Navarra ou Castilla y León non ofrecen datos desagregados ata nivel municipal, pero si publican catálogos de datos abertos e reutilizables con detalles como os referidos ao persoal sanitario afectado pola covid-19

Nas outras seis autonomías que decidiron, como Galicia, non ofrecer datos ata o nivel de desagregación municipal, a información sobre o coronavirus é, igualmente, máis ampla que a publicada pola Xunta. Así, por exemplo, en Navarra os mapas interactivos de número de casos e incidencia chegan ata o nivel de "zona básica de saúde", a unidade básica de organización do seu sistema sanitario. Mentres, a parte de táboas de datos abertos e reutilizables non só ofrecen unha serie completa de positivos e hospitalizacións, senón que tamén inclúe detalles como o número de profesionais da sanidade afectados pola doenza e cifras de persoas afectadas en centros de servizos sociais especificando se atenden maiores, menores ou persoas en situación de exclusión social, entre outros.

Vista parcial dos gráficos da covid-19 divulgados pola Junta de Castilla y León e dunha das táboas de datos abertos do Goberno de Navarra CC-BY-NC-SA Praza Pública

Outra comunidade autónoma que non ofrece detalles ata o nivel de desagregación municipal pero si publica series históricas abertas e detalladas é Castilla y León. O goberno castelán e leonés, alén de emitir comunicados diarios ao xeito dos que divulga o Sergas, ofrece series históricas de datos abertos a nivel autonómico, provincial e por hospitais. A Junta de Castilla y León ten dispoñibles para libre descarga máis dunha vintena de conxuntos de datos sobre a situación da covid-19 no seu territorio, información para contextualizala e detalles como a idade e o sexo das persoas afectadas ou especificacións concretas para o caso do persoal sanitario.

No caso doutros gobernos autonómicos que optaron, como a Xunta, por non por á disposición dos medios nin da cidadanía en xeral unha fonte de datos abertos e reutilizables, a información que divulgan tamén é máis ampla que en Galicia. É o que acontece en Canarias, cun completo panel interactivo de datos que chega ata o nivel municipal. No caso da Región de Murcia a información non é aberta e é moito máis limitada, aínda que si publica e actualiza unha serie histórica completa e mapas ata o nivel municipal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.