O ritmo da pandemia do coronavirus en Galicia volve enlentecer e acalmar. Tras a interrupción da mellora dos principais indicadores rexistrada a finais de abril, a combinación de datos do Ministerio de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde -a fonte de ambos é o Sergas, pero a Xunta non divulga todos os datos que transmite ao Ministerio- indica que a covid-19 volve dar sinais de remitir.
Na última xornada abrollaron 27 novos positivos e por segunda xornada o número de falecementos aumenta en só unha persoa ata chegar ás 593
O número de casos novos reportados este 11 de maio con datos pechados na noite do domingo indica que nestas vinte e catro horas abrollaron 27 positivos novos mediante probas PCR. É o menor incremento dende o 12 de marzo (aquel día houbo 20) coa única excepción do 30 de abril (22), aínda que aquel día final do mes pasado estivo marcado polo cambio no cómputo do Sergas que distorsionou a serie completa e o número acumulado aumentara en 140 casos sen referencia temporal.
Por oitavo día consecutivo, as probas PCR incorporadas son menos de 2.000
O indicador que a Xunta segue empregando como referencia, o dos positivos activos, volve descender este luns e queda en 2.631. Mentres, o que o Sergas indica como "curados" pero o Ministerio como infeccións "resoltas" chega ás 7.445 persoas (un 1,33% máis) e o aumento de persoas falecidas a causa da covid-19 segue en niveis mínimos dende o comezo da pandemia.
Por segundo día consecutivo o incremento é dunha soa persoa para un total de 593. Delas, 269 viviran en residencias de maiores. O falecemento reportado este domingo é alleo a estes centros.
A aparición de casos novos retrocede a niveis dos primeiros días da pandemia e tamén o fai o número de probas PCR realizadas. Chegan este 11 de maio ás 116.144, segundo o Sergas. Isto implica que foron procesadas 1.308 no último día, o quinto día de tendencia descendente e o oitavo con menos de dúas mil. Nesta xornada, ademais, non se inclúen datos novos de test de anticorpos, igual que noutras autonomías -este indicador, o máis irregular, adoita baixar nas fins de semana-.
Con esta baixada de novos casos descende tamén en Galicia a incidencia acumulada dos últimos 14 días -número de casos novos por cada 100.000 habitantes-, unha cifra que é especialmente relevante para aplicar as medidas de desconfinamento. Este indicador está agora en 30,86 casos, aínda un chisco por riba da media estatal (30,01), que Galicia superou por primeira vez a pasada semana.
Dezaseis novas hospitalizacións e maior aumento no total en máis dun mes
As persoas hospitalizadas pasan a ser 217 tas unha xornada cunha persoa máis na UCI e quince máis ingresadas 'en planta' a causa da covid-19
A boa marcha das cifras de novos casos da covid-19 en Galicia contrasta este luns coa evolución da hospitalización, que frea a súa senda descendente. O Ministerio de Sanidade dá conta de que nestas últimas vinte e catro horas se rexistraron 16 hospitalizacións novas en Galicia a causa do coronavirus, unha delas na UCI. Estes novos ingresos non se compensaron con altas e así, o total de persoas hospitalizadas a causa da pandemia experimenta o maior aumento porcentual en vinte e catro horas dende o 3 de abril.
As persoas hospitalizadas pasan a ser 217, un 5,85% máis que vinte e catro horas antes. Delas, 26 están na UCI -unha máis, o que implica que non se rexistraron test negativos de pacientes covid en coidados intensivos nesta xornada- e as restantes 191, en unidades hospitalarias ordinarias -en planta-, o que supón once máis que o día anterior.
Mentres aumenta a hospitalización, diminúe o número de persoas aínda consideradas como "positivos activos" polo Sergas e que están illadas nos seus domicilios. Son agora 2.414, un 3,36% menos, e entre elas cóntanse 334 persoas residentes de centros de maiores e dependentes -un menos que un día antes-.
Maiores descensos nas áreas da Coruña e Vigo
Por áreas sanitarias, o groso do descenso de "positivos activos" concéntrase nas da Coruña (-29) e Vigo (-28). A área viguesa experimentara durante a pasada semana un forte incremento a causa, segundo o Sergas, da incorporación á estatística de datos de test realizados a persoal sanitario durante varios días, pero incorporados dunha soa vez á base de datos.
Tamén caen os positivos activos en Santiago, aínda que en menor medida, tras o incremento experimentados nos últimos días. Mentres, só a área de Lugo non rexistra variacións e en termos de incidencia -casos positivos por cada 100.000 habitantes- a maior cifra segue sendo a de Ourense, pero xa moi próxima a outras áreas sanitarias tras emprender unha liña claramente descendente dende a mudanza no cómputo de datos introducida polo Sergas a finais de abril.