O Servizo Galego de Saúde ofrece datos a diario sobre o impacto do coronavirus en Galicia dende que, nos primeiros días de marzo, se confirmou o primeiro positivo pola covid-19 no país. Tras uns primeiros días de actualizacións irregulares, a activación do estado de alarma e a aprobación, por parte do Ministerio de Sanidade, da obriga de actualizar datos só unha vez ao día, regularizou en boa medida a información en Galicia. Permitiu, deste xeito, construír dende aquela unha estatística para observar a tendencia da pandemia en Galicia ata a pasada semana, cando varias bruscas modificacións a fixeron saltar polos aires sen que o Goberno galego contemple facer pública unha estatística completa sobre a covid-19.
Tras case dous meses de información regular sobre positivos activos, altas e falecementos, a Xunta introduciu bruscas modificacións na estatística do coronavirus ata facer imposible comparar os datos previos ao día 28 con todos os posteriores
Con independencia de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, obviase en diversas ocasións o protocolo para actualizar verbalmente os datos en rolda de prensa ou achegar información nunca publicada -caso do número de concellos nos que non se rexistraron contaxios-, durante máis dun mes a Consellería de Sanidade actualizou con regularidade os seus indicadores con tres referencias sobre a tendencia xeral da pandemia: positivos activos, altas hospitalarias e falecementos. O número de mortes non incluíu ata principios de abril as rexistradas en residencias de maiores e dependentes cando, despois de que o Ministerio as reclamase, pasaron a figurar tamén nos partes do Sergas.
A estes tres indicadores, o Goberno galego viña engadindo outros tres sobre o tipo de atención das persoas infectadas -ingreso en UCI ou en unidade hospitalaria ordinaria, ou ben atención domiciliaria- e a cifra de positivos activos por área sanitaria. Estes foron os números que serviron para observar a tendencia da covid-19 no país ata esta semana.
O pasado 17 de abril o Ministerio concretou e ampliou os datos sobre o coronavirus que as autonomías deben remitir, con novidades como a petición de información sobre o número de test de anticorpos que estaban a realizar, e non unicamente as probas PCR. Ese indicador, o do total de PCR feitas, veu sendo manexado e feito público polo Sergas dende practicamente o comezo- da crise sanitaria.
A Xunta deu en declarar que se adaptaría decontado ás novas esixencias pero, mentres a información diaria do Estado comezaba a mudar, a do Sergas mantíñase inalterada, ofrecendo cada día os devanditos indicadores de positivos activos, altas hospitalarias e falecementos e as demais cifras sobre tipo de atención e áreas sanitarias.
Nun só día, Sanidade introduciu 3.552 "curacións" sen referencia temporal ningunha e outras mudanzas estatísticas que alteraron toda a serie; de aí en diante, o número de novos casos acumulados publicados cada día por Xunta e Ministerio deixou de cadrar
Pero todo mudou o pasado día 29, case dúas semanas despois da devandita instrución do Ministerio. A Consellería de Sanidade introduciu dun golpe 3.552 "curacións" sen referencia temporal ningunha e, como efecto de tal distorsión, o número de positivos activos caeu á metade -de 6.947 a 3.526- mentres o número de recuperacións se triplicaba, pasando de reflectir 1.841 altas hospitalarias a 5.493 "curacións". Segundo o presidente da Xunta, esa suma produciuse porque viña de rematar o proceso de revisión de "case 5.000 historias clínicas".
"Non hai máis interese que dar os datos o máis precisos posible", agregou Feijóo no día en que o total de casos acumulados para Galicia pasou, no estatística do Ministerio de Sanidade, de 9.328 a 8.675 porque a Xunta, por primeira vez, distinguiu os positivos detectados mediante probas PCR -os que reflicte a actualización diaria do Estado- e os casos que abrollaron mediante test de anticorpos.
Pero ao día seguinte, o 30 de abril, continuaron as alteracións. Os datos oficiais do Sergas reflectían 180 recuperacións adicionais sen referencia temporal -como as 3.552 do día previo-. Dende ese día, ademais, o cálculo de casos novos diarios a partir dos datos fornecidos polo Goberno galego deixou de cadrar coa estatística de positivos novos ofrecida polo Ministerio -o cal viña sucedendo agás variacións menores. Ademais, as hospitalizacións comezaron a experimentar baixadas moito máis pronunciadas.
Preguntado ao respecto, Feijóo asegurou que todas as distorsións eran produto da vontade de "cumprir o protocolo do Ministerio" e do "encaixe do noso sistema informático coas instrucións" do Estado para, por exemplo, facer que deixe de constar como caso positivo de covid-19 unha persoa ingresada na UCI por mor do coronavirus, pero que pasa a dar negativo na doenza aínda que continúe hospitalizada por outras patoloxías asociadas ou previas.
Non haberá serie estatística completa e pública en Galicia
"Nós temos esa serie e entendemos que a damos todos os días", afirma Feijóo a respecto dos partes diarios do Sergas, que non fixo pública ata o momento estatística completa ningunha
Malia todas estas distorsións, o presidente da Xunta confirmaba este domingo que o Goberno galego non contempla a publicación dunha serie estatística completa sobre o impacto do coronavirus en Galicia. Esta permitiría observar a evolución da pandemia no país dende o seu inicio, toda vez que tras a ruptura da serie nos últimos días, todos os datos previos ao 28 de abril son incomparables cos divulgados dende esa data.
Preguntado ao respecto en rolda de prensa telemática por Praza.gal, Feijóo sinalou que "nós temos esa serie e entendemos que a damos todos os días", en referencia aos comunicados e datos que a Consellería de Sanidade remite á prensa e publica para o público xeral a través do seu sitio web. Como en días anteriores, o titular do Executivo galego reitera que a única intención das mudanzas vén sendo "acomodarnos aos protocolos" do Goberno central e a cambios como os relativos aos falecementos en residencias, os positivos con probas PCR ou de anticorpos ou á causa de cada morte.
Outras autonomías, como Asturias, si ofrecen unha estatística completa con datos abertos e reutilizables sobre a pandemia
As publicacións diarias de Sanidade non só non constitúen unha serie estatística completa e comparable, senón que tampouco constan de datos abertos e reutilizables polos medios de comunicación ou pola cidadanía en xeral. Esta práctica é notablemente diferente á doutros gobernos autonómicos, caso de Asturias, territorio que Xunta e PP veñen sinalando como referencia para o desconfinamento nos últimos días.
O Goberno do Principado actualiza cada día a serie estatística completa da covid-19 no seu territorio con datos abertos e reutilizables e criterios homoxéneos que permiten observar a evolución completa. Tamén ofrece mapas do número de casos positivos por concellos, información que a Xunta admite ter para Galicia, pero non publica.