O indicador de referencia para seguir a evolución do coronavirus en Galicia viña sendo, dende o pasado 4 de marzo -cando foi confirmado o primeiro caso no país-, o que o Servizo Galego de Saúde deu en denominar "positivos activos". Isto é, persoas que deran positivo na covid-19. Durante estes case dous meses, os novos diagnósticos engrosaban esa lista de positivos activos, que tiña dúas vías de saída: a alta hospitalaria ou o falecemento.
O Sergas incorporou dun golpe 3.552 "curacións" sen referencia temporal ningunha, o que deixa sen utilidade para coñecer a tendencia da pandemia toda a serie construída ata este 29 de abril
Ao contrario que outros gobernos, o galego non ofrecera ata agora dato ningún a respecto das persoas "curadas" fóra dos hospitais. Isto é, de quen pasaron a doenza en illamento domiciliario -na casa ou en residencias- e chegaron a superala tras dar negativo. Pero isto mudou radicalmente este 29 de abril. O Sergas incorporou dun golpe 3.552 "curacións", sen referencia temporal ningunha sobre cando se produciron. Instantaneamente, as persoas curadas pasaron a triplicarse e os positivos activos reducíronse case un 50%.
A Consellería de Sanidade rachou deste xeito a estatística. Os positivos activos pasaron nun día de 6.947 a 3.526, polo que inaugura, a efectos prácticos, unha nova serie. Comparar a evolución dos positivos activos que se rexistren dende este 29 de abril con calquera das cifras ofrecidas polo Sergas dende o 4 de marzo xa non terá utilidade, toda vez que o resultado serían tendencias -diferenzas porcentuais ou absolutas semanais e mensuais, por exemplo- con enormes distorsións.
A referencia pública que queda como fío condutor dende o comezo da pandemia para observar a tendencia en Galicia é a dos datos acumulados
Neste escenario, a única referencia que queda como fío condutor dende o comezo da pandemia en Galicia é o dos datos acumulados. É dicir, a suma do que ata agora viñeron sendo positivos activos, altas e falecementos, e que de agora en diante resultará de agregar positivos activos, "curacións" e falecementos. Esta cifra viña sendo a referencia para o Ministerio de Sanidade aínda que non para a Xunta, que non publica series públicas completas nin ofrece este valor, malia ser unha mera suma.
Os datos acumulados ata este 29 de abril chegaron a 9.466 persoas afectadas polo coronavirus en Galicia, das que 5.393 xa estarían curadas, segundo o cambio de criterio. Nese total atoparíanse tamén as 547 falecidas ata agora, 128 delas en residencias de persoas maiores e dependentes. Non obstante, o dato de casos acumulados non está dispoñible para outra das referencias clave nesta crise, as áreas sanitarias, cuxa información tamén queda radicalmente distorsionada tras a mudanza.
Os casos novos diarios
O número de casos diarios cobra máis importancia para coñecer a tendencia da pandemia en Galicia dende o inicio tras rachar a Xunta a serie de positivos activos
Ese fío condutor dos casos acumulados permite tamén achar outro indicador relevante para coñecer a evolución da pandemia, pero que a Xunta tampouco manexa na súa estatística pública: os casos novos detectados cada día, cifra que o Ministerio de Sanidade si incorpora á súa base de datos. O cálculo deste valor a partir dos positivos, curacións e falecementos e coa referencia dos datos acumulados é tamén unha referencia comparable dende o comezo da pandemia que cobra especial importancia ao rachar a Xunta a súa serie.
Atendendo a este cálculo, este 29 de abril abrollaron en Galicia 138 casos novos e a media de novos positivos de cada tres días rolda o cento de casos. A tendencia de novos casos volve ser descendente tras o incremento da pasada semana e está lonxe dos valores acadados a finais de marzo, cando nun só día chegaron a ser detectados máis de 580 positivos malia realizárense menos probas PCR que na actualidade.
Xustificación do Sergas e de Feijóo
O Sergas defende que sumou 3.552 curacións dun golpe porque "xa ten unha base sólida" para facelo
Tanto o Servizo Galego de Saúde como o presidente da Xunta xustificaron este mércores a ruptura da referencia estatística sobre o coronavirus en Galicia mediante a incorporación masiva de casos de curacións no canto de facelo cunha serie completa nova, distribuída no tempo. Así, nunha declaración remitida aos medios, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, asegurou que a mudanza responde ao interese do Goberno galego por adaptarse aos criterios do Ministerio e, tras dous meses "facilitando só datos de altas hospitalarias", a información dos "pacientes que poden considerarse como curados" agora "xa ten unha base sólida" e por iso "se está facilitando" de agora en diante.
Feijóo xustifica que foi preciso "revisar a historia clínica de case 5.000 persoas" para realizar esta suma, que non "finalizou" ata o pasado 28 de abril
Preguntado ao respecto pola prensa, Alberto Núñez Feijóo aseguraba este mércores que "estivemos dende hai tempo tentando concretar que número de persoas, aparentemente, estaban en domicilio" e "xa estaban dadas de alta". "Isto levounos a revisar a historia clínica de case 5.000 persoas", afirmou o presidente da Xunta e "onte", en referencia ao 28 de abril, "finalizamos" ese proceso. Por iso, asegura, este día 29 "demos con exactitude o número de persoas que están dadas de alta e están en domicilio".
Segundo Feijóo, Sanidade tentou ofrecer esta información "con maior antelación", pero "non é doado revisar máis de 5.000 historias clínicas que estaban tipificadas como persoas con covid no domicilio", das que "máis de 2.500 estaban dadas de alta, pasaran a corentena" e por iso foron sumadas como cudadas. "Non hai máis interese que dar os datos o máis precisos posible", sinalou o xefe do Executivo, que non obstante non fixo referencia á posibilidade de divulgar a serie estatística completa para poder coñecer a evolución da doenza e as curacións dende o comezo da pandemia.