Dende hai días agroman nas redes sociais, e tamén en círculos xornalísticos e políticos, comentarios e preguntas a respecto da diferenza das cifras sobre o impacto do coronavirus en Galicia en función de se a fonte consultada é o Servizo Galego de Saúde ou o Ministerio de Sanidade. En realidade, esa disparidade responde ao xeito de presentar os mesmos datos en dous aspectos: o número de casos acumulados e, dende a pasada semana, tamén os falecementos por covid-19 en residencias de persoas maiores e dependentes.
A disparidade responde a dous xeitos de presentar os mesmos datos: o Ministerio indica o total de casos acumulados e a Xunta distingue entre activos, falecementos e altas
A primeira das diferenzas remóntase xa aos primeiros días da pandemia. Dende o inicio, o Goberno central informa cada día do "total de casos confirmados", mentres que a Xunta o fai a respecto de positivos activos. Ambas administracións detallan tamén as persoas falecidas pola covid-19 e as que foron dadas de alta. Mentres que o Sergas inclúe a cada persoa só nunha desas tres columnas -positivo activo, alta ou falecemento-, o Ministerio engade cando corresponde cada caso ao epígrafe de falecemento ou alta, pero sen restalo do "total de casos confirmados", un acumulado que nunca descende.
Deste xeito, o número total que cada día ofrece o Ministerio sobre Galicia -con datos fornecidos pola Xunta- é o resultado de sumar os positivos activos, altas e falecementos dos que informa a Consellería de Sanidade. Agás algunhas disparidades menores nos primeiros días da crise sanitaria, esta cifra cadra dende hai semanas.
Así, por exemplo, este 16 de abril o Goberno central sinala que en Galicia se rexistran 7.873 casos "confirmados" e o Sergas indica 6.085 positivos, 1.383 altas e 405 falecementos. A suma destas cantidades dá como resultado os mesmos 7.873 casos. [O descenso da hospitalización por coronavirus en Galicia acada o seu maior ritmo e a metade de novos casos son en residencias]
As 95 persoas que figuran como falecidas nos datos do Sergas e non nos do Ministerio, que si as computa no total de casos acumulados, correspóndense cos falecementos nas residencias
A segunda diferenza prodúcese dende a pasada semana e ten que ver co número de falecementos, menor na estatística do Ministerio no referido a Galicia que nos datos do Sergas. Dende o día 8 de abril, Sanidade suma á súa estatística o número de persoas falecidas polo coronavirus en residencias de maiores e dependentes, o cal non facía ata ese momento malia ofrecer a Xunta varias versións contrapostas ao respecto. Faino tras aprobar o Goberno central un novo protocolo co que obriga as autonomías a fornecer ao Ministerio esa información dos centros residenciais.
Malia tratarse dunha obriga chegada dende o Estado, eses datos das residencias non están aínda incorporados á estatística de falecementos pola covid-19 que ofrece o Ministerio. A razón, explicaron o ministro Salvador Illa e o doutor Fernando Simón, coordinador de Emerxencias Sanitarias, é que os datos fornecidos polas autonomías aínda non están completos nin son homoxéneos e, ata que non sexan totais e harmonizados, non os sumarán.
Esa é a razón pola que, ata este 16 de abril, o Sergas contabiliza 405 falecementos por coronavirus en Galicia e o Ministerio, 95 casos menos que si inclúe na columna de "total de casos confirmados". Esas 95 persoas faleceron en residencias.