A moderación no ritmo de expansión da pandemia do coronavirus en Galicia e sobre todo, o seu impacto no sistema hospitalario do país tende a consolidarse. Os datos actualizados polo Servizo Galego de Saúde para este xoves, 16 de abril, amosan unha caída superior ao 8% no número de persoas hospitalizadas por mor da covid-19, o maior en termos porcentuais do inicio dunha pandemia que segue a ter nas residencias de persoas maiores e dependentes o seu principal foco, á luz dos datos.
Galicia rexistra 6.085 positivos activos, 66 máis dos que case o 50% proceden de residencias; os falecementos chegan a 405, un incremento de 14 persoas das que sete vivían en centros de maiores e dependentes
Dos 66 novos positivos activos que reflicte este 16 de abril a información de Sanidade -un 1,10% máis que o día anterior-, practicamente a metade proceden de centros residenciais. Concretamente, son 956 as persoas residentes (27 máis que un día antes) e 422 membros dos seus cadros de persoal (3 máis).
Deste xeito, o total de persoas con positivos activos en Galicia chega a 6.085, incremento moderado nunha xornada que rexistra un incremento notable no número de probas PCR realizadas, 3.433 máis que no día anterior para un total de 53.829 (non se trata dunha soa proba por persoa), indica o Sergas nun contexto no que os falecementos chegan a 405. Son 14 falecementos máis que un día antes e deles, exactamente a metade son de persoas que vivían en residencias de maiores e dependentes. Tres desas sete faleceron nas propias residencias, dúas no centro Claudina-Somoza da Coruña e unha, na residencia San Pedro de Crecente, segundo informa Sanidade. [O 60% das mortes por coronavirus en Galicia na última semana foron de usuarios de residencias]
Unha xornada máis, un dos datos máis alentadores procede da evolución das altas de pacientes afectados pola covid-19. Chegan xa a 1.383, un avance do 6,55% que supera amplamente o 1,10% de incremento dos novos casos positivos activos en Galicia.
O maior descenso de hospitalizacións
A diminución de persoas na UCI por mor da covid-19 encadea xa doce días
Ese incremento das altas favorece o devandito descenso das hospitalizacións. Os datos reflicten 801 persoas hospitalizadas polo coronavirus en Galicia, 123 delas en unidades de coidados intensivos. Isto supón un descenso do 3,91% da ocupación das UCI por estas causas e unha liña descendente que xa se prolonga dende hai doce días. Nesta ocasión tamén mingua a hospitalización convencional en planta de pacientes coa covid-19, que quedan en 678, un descenso superior ao 9% que é tamén o maior dende que o Sergas comezou a ofrecer datos sobre a pandemia.
Neste contexto, todo o incremento de positivos activos concéntrase nas persoas que están illadas nos seu lugares de residencia. Son desta volta un total de 5.284 persoas, un 2,70% máis que no día anterior, e xa supoñen máis do 85% do total.
O maior incremento, na Coruña
Nun contexto no que o número de test realizados e a súa distribución no territorio está intimamente ligado coa evolución da curva da epidemia en cada lugar, nesta xornada o maior incremento de casos rexístrase na área sanitaria da Coruña, a que máis positivos activos rexistra en termos absolutos e que este 16 de abril suma medio cento máis, ata os 1.332. A área con máis casos por cada 100.000 habitantes segue sendo Ourense, en calquera caso, que xa chega aos 1.203.
Os incrementos da Coruña e Ourense, aínda con liñas ascendentes, contrastan coa evolución das áreas sanitarias que nos últimos días están a trazar liñas practicamente planas. É o caso de Lugo, Pontevedra e Ferrol.