O 60% das mortes por coronavirus en Galicia na última semana foron de usuarios de residencias

Desinfección dunha residencia de maiores © Concello de Nigrán

As residencias e centros de atención á discapacidade suman o 22% dos casos de coronavirus en Galicia e o 45% das mortes

A situación nas residencias de maiores é a principal preocupación en Galicia e no resto do Estado na loita contra o coronavirus. Nas últimas semanas, a falta de medidas de prevención e o elevado número de contaxios nestes centros, nos que habitan 22.000 persoas en Galicia, motivou as críticas de usuarios e persoal e levou á intervención de varias instalacións privadas por parte da Xunta. Tamén deu lugar as varias polémicas, comenzando pola propia fórmula empregada polo Goberno galego para comunicar os casos de coronavirus, ata chegar á descuberta este martes de dous positivos no centro teoricamente destinada a acoller a residentes libres da infección.

En calquera caso, e a pesar das medidas aplicadas dende hai semanas, as residencias de maiores e centros de atención á discapacidade seguen a incrementar o seu número de casos activos de coronavirus. Son xa 1.348 positivos, ao redor do 22,4% do total de casos rexistrados no conxunto de Galicia. A este elevado número contribúe a gran cantidade de probas realizadas nas residencias, sinalando este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que dende o inicio da crise se lles practicaron tests a o 40% das persoas usuarias das residencias e o seu persoal.

Núñez Feijóo defendeu este mércores que o número de mortes nas residencias galegas é moi inferior ao que se rexistra noutras comunidades autónomas

Medra tamén o número de mortes, chegando xa a 174, case a metade (o 44,5%) de todos os falecementos rexistrados en Galicia por mor do coronavirus, 391. Núñez Feijóo defendeu este mércores que o número de mortes nas residencias galegas é moi inferior ao que se rexistra noutras comunidades autónomas, máis de 10.000 no conxunto do Estado. "Queremos que o Goberno central facilite os datos de todas as comunidades autónomas", dixo o presidente da Xunta, que engadiu que "parto de que ningún quere ocultar datos, pero necesitamos credibilidade e a credibilidade se logra transparentando todos os datos".

Nese senso, Núñez Feijóo afirmou que "Galicia estivo dando diariamente todos os datos que posuía" e subliñou que "as residencias non xeran virus por si mesmas". "Lamentablemente veu de fóra e unha vez que entra, é moi complicado traballar contra el", engadiu.

Aínda que, efectivamente, o número de falecementos en Galicia é moi inferior ao doutros territorios do Estado, nas últimas semanas as residencias de maiores e CAPD están a presentar datos de casos e falecementos moi superiores á media galega. As mortes nestes espazos representan o 44,5% do total de falecementos, pero na última semana, xusto despois de que a Xunta comezase a ofrecer conxuntamente a información dos residentes falecidos nas residencias e nos hospitais, o 60% das mortes provocadas polo coronavirus en Galicia corresponderon a usuarios deste centros. Nos últimos sete días Galicia rexistrou un total de 113 mortes polo coronavirus. Delas, 66 (o 58,4%) foron de usuarias de residencias.

Nos últimos sete días Galicia rexistrou un total de 113 mortes polo coronavirus. Delas, 66 (o 58,4%) foron de usuarias de residencias

Os datos foron especialmente rechamantes o pasado domingo 12, cando as 13 mortes que se produciron corresponderon a usuarios das residencias, que ou ben faleceron nun destes centros ou ben no hospital no que estaban internados. Tamén este martes (10 de 15 mortes) e este mércores, con 6 dos 7 falecementos totais corespondentes a persoas usuarias de residencias (e 5 delas finaron nos propios centros de atención á terceira idade).

En total, son 174 os falecementos de residentes rexistradas en Galicia dende o comezo da crise, 92 nas propias residencias e 82 en hospitais e residencias integradas

En total, son 174 os falecementos de residentes rexistradas en Galicia dende o comezo da crise, 92 nas propias residencias e 82 en hospitais e residencias integradas, é dicir, nos centros que a Xunta destinou a acoller a residentes que deron positivo nas probas do coronavirus. A partir do pasado mércores 8 de abril esta estatística pasou a sumar as mortes destes usuarios e usuarias producidas nas residencias e tamén nos hospitais, pois ata ese momento só se contabilizaban por separado as que tiveran lugar nos centros de maiores.

O número total de casos activos situouse este mércores nos 1.348, manténdose relativamente estable nos últimos catro días, nos que aumentou moi pouco. Porén, entre o 3 e o 11 de abril a cifra de positivos duplicouse.

O groso dos positivos corresponde ás residencias de maiores, e especialmente ás persoas usuarias, un total de 833 casos activos. Con todo, tamén hai 343 traballadoras e traballadores aínda infectadas. De igual xeito, nos centros de atención á discapacidade existen 96 usuarios/as e 76 traballadoras/es con coronavirus. O número de casos medra máis lentamente, pero segue a aumentar, especialmente entre os usuarios e usuarias das residencias de maiores.

A desaceleración tardou máis en chegar que no conxunto dos datos galegos. Porén, nos últimos días o ritmo de crecemento de casos de coronavirus entre os usuarios e o persoal das residencias rolda o 1%

As boas novas son que o ritmo de crecemento dos casos positivos de coronavirus, e tamén o de falecementos é cada vez menor. Con todo, a desaceleración tardou máis en chegar que no conxunto dos datos galegos. Mentres que hai dúas semanas o ritmo de aumento de casos de coronavirus en Galicia era do 6% ou 7% diario, nas residencias superaba o 12% ou 13%. A pasada semana, cando no conxunto do país, o ritmo do aumento caera xa por debaixo do 2%, nas residencias movíase entre o 4% e o 7%.

Porén, nos últimos días o ritmo de crecemento de casos de coronavirus entre os usuarios e o persoal das residencias rolda o 1%, un aumento semellante ou mesmo inferior ao que se dá no resto de colectivos en Galicia.

As residencias de atención á terceira idade de Galicia suman aínda case un milleiro de casos

A situación, con todo, está lonxe de volver á normalidade. As residencias de atención á terceira idade de Galicia suman aínda case un milleiro de casos, especialmente en determinadas instalacións na Coruña, Vigo, Cangas, Compostela, O Barco ou Ourense, como se pode ver neste mapa, que recolle o número de casos activos entre as persoas residentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.