A Valedora investiga atrancos nas axudas a vítimas de violencia machista e a situación das residencias polo coronavirus

Sede do Valedor do Pobo, xunto ao Parlamento de Galicia © Google

“As institucións deben estar á altura do esforzo individual e colectivo, en especial as encargadas da defensa dos dereitos da cidadanía”, advirte a Valedora, que suma a súa investigación sobre as residencias ás pescudas da Fiscalía

A Valedora do Pobo abriu investigacións de oficio polo efecto da pandemia do coronavirus sobre dereitos da cidadanía en varios ámbitos, nomeadamente nas dificultades para obter na actual situación diversas axudas públicas por violencia de xénero, inclusión social ou vivenda. Así o vén de comunicar a institución, dirixida desde o pasado agosto pola maxistrada Dolores Fernández Galiño, que reclama ao resto de administracións “estar á altura do esforzo individual e colectivo, en especial as encargadas da defensa dos dereitos da cidadanía”.

Preguntada por Praza.gal sobre as súas actuacións nas últimas semanas, a Valedora do Pobo sinala que ademais de recibir queixas de diverso tipo relacionadas cos efectos da crise do coronavirus, a institución decidiu abrir investigacións en ámbitos como “a accesibilidade e atención dos Centros de Información á Muller durante o estado de alarma”, “as dificultades para solicitar axudas por violencia de xénero dada a carencia de certificados dixitais e a imposibilidade de acudir aos servizos de maneira presencial”, “para manter as prestacións de inclusión social e acelerar as pendentes de resolución durante o estado de alarma” ou “actuacións en materia de vivenda ante a crise sanitaria”

A Valedora tamén iniciou investigacións por iniciativa propia sobre “a situación dalgunhas residencias de persoas maiores”- Estas pescudas súmanse ás abertas pola Fiscalía a respecto destes centros durante a pandemia.

A Valedora, Dolores Fernández Galiño, durante unha comparecencia no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Asemade, a alta comisionada indaga na "na situación do sector marisqueiro galego pola crise da Covid-19”, “o estado de tramitación das axudas ás entidades de defensa dos dereitos das persoas con discapacidade” ou “as medidas adoptadas para a recollida de residuos de pacientes en illamento domiciliario”.

A valeduría sinala que está a tramitar as queixas relacionadas co coronavirus con "inmediatez e ausencia de formalismo"

Ademais desas investigacións de oficio, a Valedora tamén sinala que recibiu diversas queixas relacionadas coa pandemia que están a ser tramitadas “conxugando urxencia e menor impacto procedemental” con “inmediatez e ausencia de formalismo”. A institución sinala que son queixas sobre “a falta dun servizo diario e as 24 horas de intérprete de lingua de signos para a atención sanitaria das persoas xordas”, “a dificultade para acceder a medios de subsistencia das familias dedicadas á actividade de venda ambulante”, “o corte da subministración eléctrica durante a vixencia de estado de alarma” ou “a falta de subministracións alimenticias ou de primeira necesidade ás persoas que os recibían de entidades sociais”.

A valeduría tamén está a tramitar queixas sobre eivas nas axudas aos autonónomos, “falta de garantía de dereitos dixitais en amplas zonas do rural galego” ou “ausencia de equipos de protección”. Ademais, en diversas cuestións a Valedora do Pobo púxose en contacto co Defensor del Pueblo estatal pola posible relación de diversas queixas con cuestións reguladas por normativa estatal. 

Segundo a Valedora do Pobo, algunhas das cuestións "xa tiveron resposta positiva por parte das administracións", ás que se está a dirixir "sen restar enerxía nin esforzos ás autoridades e ás persoas que, en primeira liña, se ocupan da xestión das consecuencias da pandemia”

Segundo a Valedora, “algunhas das máis importantes cuestións sinaladas relativas a investigacións de oficio e queixas xa tiveron unha resposta positiva por parte das administracións competentes”, ás que a institución sinala que se está a dirixir “sen restar enerxía nin esforzos ás autoridades e ás persoas que, en primeira liña, se ocupan da xestión das consecuencias da pandemia”. Unhas actuacións, sinala, que o persoal da valeduría está a realizar con teletraballo e “aplicando todos os seus esforzos e poñendo todos os seus medios humanos e materiais ao servizo da cidadanía, e máis nunha situación de ameaza da saúde pública e de confinamento domiciliario como a que estamos a vivir, pois baixo estes condicionantes os dereitos cidadáns atópanse limitados no seu exercicio”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.