O persoal sanitario e, en xeral, todos os traballadores e traballadoras dos centros hospitalarios e das residencias de maiores e de atención á discapacidade, son a primeira barreira de contención do coronavirus. Están permanentemente expostas e expostos a unha posible infección e, ademais, asisten a unha sucesión de mortes, de empeoramentos e ingresos. Unha loita corpo a corpo contra a enfermidade.
A situación nalgunhas residencias de maiores é dramática. Con dúbidas e críticas sobre a información facilitada sobre o número de falecementos, as cifras de mortes e casos seguen a aumentar, entre as denuncias de usuarios, familias e traballadores sobre a xestión realizada en numerosos centros privados, que xa antes desta crise funcionaban con menos persoal do necesario.
"O problema nas residencias de maiores vén de moi atrás, e levamos tempo denunciando ante a Xunta que os ratios de persoal eran insuficientes"
Os últimos datos, achegados pola Consellaría de Política Social este martes, elevan a 62 cifra de mortes nas residencias, cun número total de casos que xa supera os mil (1.035): 689 persoas usuarias das residencias de maiores, 246 traballadoras e traballadores, 55 usuarios e usuarias dos centros de atención á discapacidade e 45 traballadores e traballadores destas instalacións.
Entidades como Rede (composta por asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia) ou Trega (Traballador@s de Residencias de Galicia) levan anos advertindo desta situación, mobilizadas contra a xestión de grupos empresariais como DomusVi (propiedade de fondos de investimento multinacionais), cunha trintena de residencias en Galicia, entre elas as de Vigo Cangas ou Compostela, que suman 37 falecementos polo coronavirus. As súas denuncias, critican, non foron tidas en conta polo Goberno galego. Falamos con Sonia Jalda, voceira de Trega.
Como está a situación, sobre todo nas residencias que rexistraron máis contaxios?
A situación está bastante mal e damos grazas pola intervención das residencias de Aldán e Barreiro, porque non sei o que tería pasado sen intervención. O problema nas residencias de maiores vén de moi atrás, e levamos tempo denunciando ante a Xunta que os ratios de persoal eran insuficientes, alertamos mil veces sobre a mala calidade do servizo que estabamos dando por esa falta de traballadores. E a Xunta sempre mirou para outro lado.
[As traballadoras] "choran en soidade ás persoas que van morrendo. E aguantan, porque saben que o que teñen que facer agora é facer ben o seu traballo"
Como o estades levando as traballadoras, nesta situación con parte do persoal infectado, cunha sucesión de casos e mortes e cun ambiente, supoño, moi tenso?
É unha situación moi dramática. Isto non é como un hospital no que tes altas e baixas, a xente vai e vén. Nas residencias, as persoas viven aí, coñécelas ben, pasan moitos anos aí e o centro convértese nunha pequena gran familia. Por iso esta situación é aínda máis dura para as traballadoras e traballadores, que aguantan porque son xente moi dura. Pero despois de longuísimas xornadas de traballo volven aos seus fogares, que normalmente están baleiros, porque mandaron as súas familias a casas de familiares e amigos. Alí están sós, e choran en soidade ás persoas que van morrendo. E aguantan, porque saben que o que teñen que facer agora é facer ben o seu traballo, axudar á xente, axudar a que sobrevivan, traballar co único obxectivo de salvalos. Todo isto vai xerando estrés e claro que ao final nos pasará factura.
Hai denuncias de que nesas dúas residencias do grupo DomusVi, a pesar da situación dramática que xa se estaba a vivir, a empresa non reforzara o persoal. É así?
O mesmo día que a Xunta decidiu intervir a residencia de Aldán, a quenda de tarde quedou ata as dúas da madrugada para facer 50 cambios de habitación e á mañá seguinte había só 9 auxiliares para toda a residencia, cando normalmente son 16 ou 17 para 150 residentes. Esa era a situación que había.
"Mentres os beneficios empresariais crecen, os usuarios e usuarias enfróntanse a unha deterioración paulatina do servizo asistencial"
Unha parte importante das vosas denuncias se centrou sempre en DomusVi, que está a rexistrar algunhas das situacións máis graves nestes momentos. Por que?
DomusVi é a paradigma do boiante e expansivo negocio do sector residencial e asistencial para persoas maiores en mans de poderosas multinacionais ou grupos de 'capital investimento'. Mentres os beneficios empresariais crecen, os usuarios e usuarias, a maior parte delas anciáns e anciás con enfermidades ou trastornos físicos e/ou psíquicos graves, enfróntanse a unha deterioración paulatina do servizo asistencial que reciben, resultado dos recortes no número de persoal que vén producindo no sector e das precarias condicións laborais que redundan nunha atención deficiente. Unha situación indigna.
Nas restantes residencias, aínda non intervidas, houbo reforzo de persoal?
Non. Nos últimos días nós solicitámoslle á Consellería que reforce todas as residencias con persoal auxiliar de enfermería, limpadoras e enfermeiras, aínda que non haxa casos positivos. Porque se non hai reforzos vaise vivir o mesmo caos que xa están sufrindo outros centros.
"Eu son partidaria de que se interveñan todas as residencias, nas que houbo positivos e nas que non. Se non hai reforzos vaise vivir o mesmo caos que xa están sufrindo outros centros"
Credes que a Xunta debería intervir todas as residencias, cando menos aquelas nas que se rexistrou algún caso positivo de coronavirus?
Eu son partidaria de que se interveñan todas as residencias, nas que houbo positivos e nas que non. Porque pode que nun sitio hoxe non haxa rexistrado un positivo, pero mañá pode habelo, e nuns poucos días pode haber 50.
As traballadoras contades con equipos de protección axeitados?
Non, en absoluto. Hai sitios nos que ao persoal lle están dando unha mascarilla dous días por semana, e fáloche de mascarillas cirúrxicas normais, non de FFP2 ou FFP3, e tampouco teñen batas. Noutras residencias esíxenlles que as mascarillas duren como mínimo unha semana e pídenlles que as reciclen. Pero como reciclas unha mascarilla de papel?
"O convenio fala de 40 horas á semana e dun descanso ininterrompido de 36 horas, pero hai xente traballando 10 días seguidos ou 70 horas á semana"
Algunhas das empresas que teñen menos traballadores -enfermeiras/os, auxiliares...- do que deberían, que non cumpren os ratios mínimos, alegan que non atopan persoal para contratalo. É isto verdade?
Claro, din que non había xente. Entón, por que si a hai no Sergas? Máis ben o problema será que non lles pagan o suficiente; se lles pagasen o que lles teñen que pagar, seguro que si atopaban a quen contratar. O problema é que non cumpren o convenio do sector: róubannos nos salarios das noites, róubannos nos salarios dos domingos, róubannos nas compensacións de festivos. O persoal (mulleres na súa maioría) soporta un trato case escravista imposto pola empresa.
O convenio fala de 40 horas á semana e dun descanso ininterrompido de 36 horas, pero hai xente traballando 10 días seguidos ou 70 horas á semana. Estas condicións de abuso tamén levan unha presión daniña sobre a saúde física e psíquica das traballadoras, o que provoca un índice de baixas, temporais e de longa duración, altísimo. As empresas teñen que cumprir o que asinan, pero os únicos lugares onde cumpren son aqueles nos que estivemos nós enriba denunciando e protestando durante anos.
"Mentres nós alertabamos do que estaba a pasar nestas residencias, a Xunta miraba para outro lado, e agora estóupalle na cara ao señor Feijóo. A mágoa é que teña que morrer xente para que todo isto se saiba finalmente"
Vós levades anos mobilizadas, denunciando todas estas cousas, nunha mostra de que os problemas que teñen moitas as residencias viñan de atrás e, en parte, provocaron a dramática situación que agora se está a vivir por mor do coronavirus. É bo que finalmente saia á luz, aínda que sexa nestas circunstancias?
Si, levamos mobilizadas dende o 2012 e parécenos triste que estivésemos un ano enteiro protestando diante da central galega de DomusVi e que ninguén nos fixo caso. E mentres nós alertabamos do que estaba a pasar nestas residencias, a Xunta miraba para outro lado, e agora estóupalle na cara ao señor Feijóo. A mágoa é que teña que morrer xente para que todo isto se saiba finalmente.
Cal foi a resposta da administración ás vosas denuncias?
Foron moitas as denuncias de familiares de usuarios e usuarias e de traballadoras e traballadores antes os departamentos autonómicos de Inspección, en Política Social e en Traballo. Pero estas protestas non tiveron resultados positivos, xa que os organismos de vixilancia da Administración deron crédito ás razóns expostas por DomusVi na inmensa maioría dos expedientes abertos por denuncias ou reclamacións.
"O que queremos son residencias públicas, dignas e de calidade e esperemos que desta crise saia un cambio no modelo"
Cando remate esta situación será o momento de repensar o modelo de residencias en Galicia?
O que queremos son residencias públicas, dignas e de calidade e si, esperemos que desta crise saia un cambio no modelo de residencias, un cambio que levamos anos reivindicando. Os usuarios e usuarias pagan moitísimos cartos cada mes por unha atención que non está a ese nivel. Nas residencias de DomusVi, por exemplo, páganse máis de dous mil euros ao mes e é unha vergonza o que reciben por ese prezo, con falta de persoal en todas as áreas. E, mentres, a Xunta privatizando servizos e mirando para outro lado.