0 Gardados para despois

A Xunta redobra a aposta polas residencias de maiores privadas para aliviar a lista de agarda da dependencia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unhas 57.000 persoas son beneficiarias de prestacións en Galicia ao abeiro da lei dependencia. Delas, arredor de 8.000 reciben coidados en centros residenciais. Mentres, unhas 10.000 teñen o dereito recoñecido e agardan pola chegada da prestación, o que en moitas ocasións equivale a esperar pola chamada para o ingreso nunha residencia de maiores. Este é o contexto no que a Consellería de Política Social vén de anunciar o lanzamento do que denomina o Bono Autonomía, un plan dotado con algo máis de 6 millóns de euros que suporá redobrar a aposta da Xunta polas residencias privadas de maiores, dominadoras neste ámbito de atención a poboación anciá no país con case o 70% das prazas dispoñibles, segundo datos do IMSERSO.

No que todo apunta que é o treito final do seu período á fronte da área social da Xunta -o PP prevé nomear os candidatos ás alcaldías urbanas e agás sorpresa maiúscula, recuncará en Ferrol-, José Manuel Rey Varela anunciou este martes o "bono" co que, admite, o Goberno galego pretende sanear a lista de espera da dependencia. Así, as persoas que agardan por unha praza residencial recibirán en breve unha carta da Consellería ofrecéndolles unha "axuda directa" dun importe medio duns 490 euros mensuais e ata un máximo de 715 en función da renda como achega para "sufragar o custo da súa estancia nun centro privado mentres agardan, se así o desexan, pola súa incorporación a unha praza dun centro público", indica a Xunta. A previsión oficial é que a medida chegue a unhas mil persoas.

A "axuda directa" para persoas que están agardar praza nunha residencia de maiores terá un importe medio de 490 euros e non superará os 715, polo que apenas cubrirá a metade do custo deste servizo privado

Mesmo na súa banda máis alta -os devanditos 790 euros-, o importe do bono apenas cobre o custo medio dunha praza privada, situado no caso galego nun importe medio mensual duns 1.520 euros, segundo os cálculos máis recentes do IMSERSO. Ese mesmo informe do ente estatal dedicado á atención ás persoas maiores deixaba claro que a aposta de Política Social polo sector privado na atención residencial aos maiores é máis caro para as arcas públicas que priorizar as residencias públicas. Nomeadamente, arredor dun 8% máis por praza.

Segundo o anunciado por Rey Varela, este novo Bono Autonomía porase en marcha xunto a un incremento do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que o Goberno galego contribúe a financiar pero que é aplicado polos concellos. Con estas dúas medidas, di, a Xunta mantén o obxectivo de chegar ás 60.000 persoas atendidas ao abeiro da lei da dependencia.

Estes anuncios de Política Social chegan poucas semanas despois de que o Consello de Contas evidenciase os efectos dos recortes nas residencias de maiores e tamén que, malia estas restricións, da cobertura de persoal nelas é maior cando o servizo é xestionado directamente pola Xunta. Como informou Praza.gal, o organismo fiscalizador das contas do Goberno galego evidenciou que a Xunta aforrou en persoal das residencias non cubrindo ausencias por baixas e vacacións e deixou claro tamén que nas prazas concertadas -financiadas pola Xunta en residencias privadas- a ratio de persoal é menor que nas públicas, unha "diferenza" que "pode repercutir na calidade do servizo", subliñaba Contas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.