A primeira versión de Política Social era a que se correspondía coa realidade. O pasado venres, 3 de abril, a Xunta acumulaba diversas versións contrapostas a respecto de se os falecementos por coronavirus de persoas anciás que viven en residencias son ou non incluídas nos datos que o Servizo Galego de Saúde difunde cada día á prensa, á cidadanía en xeral e envía ao Ministerio de Sanidade, toda vez que eses datos se refiren formalmente a Galicia en xeral e non só aos hospitais galegos. E o certo é que non todas son incluídas, cando menos polo momento, polo que aos 182 falecementos reflectidos na estatística ata este 5 de abril habería que engadir, cando menos, outros 33, chegando o total a 215.
Aos 182 falecementos por coronavirus en Galicia reflectidos na estatística oficial de Sanidade ata este 5 de abril cómpre sumar outros 33 de persoas falecidas pola covid-19 en residencias de maiores
A Consellería de Política Social, cuestionada ao respecto, indicou ese venres que o seu cómputo -que difunde tamén aos medios- recolle todas as mortes de residentes dos centros de maiores pero que non todos estes falecementos fican reflectidos na estatística do Sergas. Só os daquelas persoas que foran trasladadas ao hospital. Non obstante, pouco despois o presidente da Xunta, a preguntas dos xornalistas, explicou que "se nas residencias morre algunha xente con coronavirus, dáse o falecemento por coronavirus" e "computamos todas" esas mortes.
Tras esas palabras de Feijóo, un voceiro oficial da Consellería de Sanidade indicou a Praza.gal que o sistema descrito polo presidente era o que se estaba a aplicar. Deste xeito, a estatística oficial do Sergas referiríase a Galicia no seu conxunto e non só aos hospitais. [A Xunta mantén que os seus datos do coronavirus inclúen as residencias de maiores tras varias versións contrapostas]
O Goberno central aprobou este sábado un novo protocolo para os datos do virus nas residencias
A confusión ao respecto mantíñase na xornada do sábado, xusto cando o Ministerio de Sanidade, a través do BOE, anunciou a aplicación inmediata dun novo protocolo para que as autonomías informen dos positivos por covid-19 en todas as residencias de maiores, así como dos falecementos por esta causa nestes centros. Este domingo, tras videoconferencia con Pedro Sánchez e as demais presidencias das autonomías, Feijóo volveu ser cuestionado ao respecto e aclarou que, en realidade, non todos os falecementos por coronavirus de persoas que viven nas residencias están xa reflectidas na estatística do Sergas aínda que si sexan públicos porque os difunde a Consellería de Política Social.
"Tentamos dar todos os datos que temos; á Fiscalía, aos medios e ao Ministerio de Sanidade" tamén sobre as residencias, afirma Feijóo, quen asegura recibir de bo grao o devandito protocolo porque "me dá a sensación de que os datos das residencias non teñen un tratamento homoxéneo en todas as comunidades autónomas". No caso galego "ímolos dar agora dunha forma moito máis concreta" unha vez acreditado o positivo por covid-19 "no laboratorio de microbioloxía de cada hospital".
"Os falecidos nas residencias son 65, dos cales 32 están computados nos servizos sanitarios (...) e outros 33 faleceron nas residencias"
"Damos os datos que temos" e "seguro que os imos ir perfeccionando", agregou Feijóo en rolda de prensa telemática -con preguntas transmitidas polos medios, entre eles Praza.gal, a través dunha aplicación de mensaxería-. Foi neste punto no que o presidente da Xunta aclarou as cifras: "Os datos de falecidos nas residencias" ascenden a 65, "dos cales 32 xa están computados dentro dos servizos sanitarios" porque faleceron "nos hospitais". "Os outros 33 (...) faleceron nas residencias" aclara. Esas trinta e tres persoas restantes son as que non están reflectidas na estatística de Sanidade aínda que si as divulgase Política Social.
Segundo Feijóo, "cando implementemos o protocolo", esta información mellorará e "distinguiremos" entre persoas falecidas nas residencias con coronavirus ou por outras razóns. Mentres, daquela, Política Social e Sanidade seguirán a difundir cadansúas actualizacións de datos sen especificar, no caso das persoas falecidas, cales figuran en ambos balances e cales, non.