A Xunta mantén que os seus datos do coronavirus inclúen as residencias de maiores tras varias versións contrapostas

Residencia DomusVi Barreiro en Vigo, unha das intervidas pola Xunta polos contaxios da covid-19, nunha imaxe de arquivo © DomusVi

Unha vez ao día dende a implantación do protocolo de difusión de datos por parte do Ministerio de Sanidade no marco do estado de alarma, a Xunta remite á prensa e divulga no seu sitio web un balance sobre o impacto do coronavirus en Galicia. Galicia rexistra un total de 4.635 casos infectados por coronavirus sinalaba, por exemplo, o balance deste venres, 3 de abril, no que o Servizo Galego de Saúde especificaba que "polo de agora, en Galicia rexistráronse 435 altas de pacientes e 149 falecementos".

Dende o inicio da crise sanitaria, o Sergas ofreceu datos da incidencia da covid-19 en Galicia referíndose ao conxunto do país, non só aos hospitais

En todos eses comunicados dende o inicio da pandemia da covid-19 a información veu sendo referida a Galicia en xeral, non só aos hospitais, toda vez que por exemplo tamén indica o número de persoas illadas nos seus domicilios. Así e todo, nos últimos días fontes oficiais da Consellería de Política Social matizaron a varios medios de comunicación -entre eles, Praza.gal- que ese cómputo e, máis concretamente, o de persoas falecidas, non sumaba as mortes ligadas á covid-19 que se producen en residencias de maiores, un dos focos que concentran máis preocupación cidadá e institucional dende o comezo da crise sanitaria. Atendendo a esta versión, as persoas falecidas ata este venres non serían 149, senón máis de 180.

Os datos do impacto do virus nos centros de maiores veñen sendo recompilados e divulgados á prensa pola Consellería de Política Social. Trátase dunha difusión paralela á de Sanidade, que difunde os seus datos como xerais do país. Esas cifras do Sergas son as enviadas para os balances estatais que fai públicos cada día o Ministerio. 

Residencia de DomusVi en Cangas, intervida pola Xunta polos contaxios do coronavirus, nunha imaxe de arquivo © DomusVi

Así, tomando outra volta como exemplo este 3 de abril, a suma de positivos activos (4.635), altas (333) e falecementos (149) daba como resultado 5.219 casos acumulados. Son exactamente os mesmos que reflectiu a estatística diaria do Goberno central, construída sobre os datos autonómicos.

Tras indicar Política Social a existencia dun cómputo diferenciado e despois remitirse a Sanidade, Feijóo asegurou que a Xunta "computa todas" as mortes por coronavirus das que ten constancia a través do certificado de defunción, tamén no caso das residencias

Ante a confusión creada, este venres Praza.gal contrastou con ambos departamentos do Goberno galego esta cuestión e, aínda que inicialmente Política Social mantivo o devandito matiz -un cómputo diferente para as persoas falecidas nas residencias que non chegan a ser hospitalizadas-, o departamento que dirixe Fabiola García deu finalmente en remitirse ás aclaracións ao respecto da Consellería de Sanidade. A área que encabeza Jesús Vázquez Almuíña, evidenciou unha fonte autorizada de Política Social, centra o cómputo de datos e ademais é a que os traslada ao Ministerio.

Con este pano de fondo, a pregunta foi trasladada pola prensa ao presidente da Xunta tras a reunión do Consello do seu Goberno. Segundo Alberto Núñez Feijóo, o criterio para incluír ou non o falecemento dunha persoa na estatística do coronavirus é que o certificado de defunción indique a covid-19 como causa da morte. Así, "se nas residencias morre algunha xente con coronavirus e temos o certificado, dáse o falecemento por coronavirus". "Estamos computando a todas" esas persoas, reiterou o xefe do Executivo, quen especifica que "pode haber algunha persoa" contaxiada que faleza e cuxo certificado "non acredite se o ten ou non" e, só nese caso, non se computaría.

Reunión do Consello da Xunta deste 3 de abril de 2020 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Advirte ademais Feijóo, en resposta á mesma pregunta, de que "nalgúns lugares -en referencia a outras autonomías- nos din que non se computan as persoas que morren en residencias" polo virus e por iso "é necesario" que o Ministerio de Sanidade" unifique os criterios ao respecto. Tras estas declaracións do xefe do Goberno galego, Praza.gal púxose en contacto outra volta coa Consellería de Sanidade e un voceiro oficial asegurou que o procedemento descrito por Feijóo é o que se está a aplicar.

39 residentes de centros de maiores falecidos ata o 3 de abril

Con todos os devanditos matices sobre a mesa, os datos ofrecidos por Política Social datados no 3 de abril indicaban que xa faleceran 39 persoas residentes en centros de maiores. As residencias con maior número de persoas falecidas polo coronavirus, segundo estes datos, son as dúas que foron intervidas pola propia Xunta por mor do alto número de contaxios, as da cadea DomusVi en Cangas -9 mortes- e Vigo -5 falecementos-, e unha terceira propiedade do mesmo grupo empresarial, DomusVi San Lázaro, en Santiago.

A Consellería de Política Social, con datos actualizados tamén a 3 de abril, detalla tamén o contaxio de 165 persoas integrantes dos cadros de persoal dos seus centros, tanto de maiores como de persoas con discapacidade. Os centros con máis casos positivos entre o seu persoal, segundo estes datos, son a residencia San Carlos de Celanova e as devanditas da compañía DomusVi en Cangas e Vigo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.