Feijóo responde ás criticas pola situación nas residencias de maiores cun aumento das probas de coronavirus nestes centros

Residencia DomusVi de Aldán (Cangas) © DomusVi

As residencias de maiores convertéronse no principal foco de contaxio do coronavirus en Galicia e, sobre todo, o que máis preocupa, pola avanzada idade dos seus habitantes. Case 400 residentes (385, segundo as cifras facilitadas por Alberto Núñez Feijóo na mañá deste martes) e máis dun cento de traballadoras e traballadores (111 nos datos achegados por Política Social) foron infectados pola Covid-19 e as cifras non deixan de medrar. Ademais, o número de mortes é xa de 22, o 23% de todas as producidas en Galicia. 

Case 400 residentes e máis dun cento de traballadoras e traballadores foron infectados pola Covid-19. As situacións máis graves danse nas residencias da empresa DomusVi

Unha parte importante dos casos concéntranse nunhas poucas residencias, nas que os contaxios foron xeneralizados. Especialmente en centros da empresa DomusVi, coma o de Aldán (Cangas), con 105 residentes e 13 traballadores contaxiados, e o de Barreiro (Vigo), con 74 e 11. Ambas as dúas residencias foron este luns intervidas pola Xunta

A residencia San Carlos, en Celanova, sumou 45 casos. E tamén son numerosos os positivos detectados na residencia DomusVi San Lázaro de Compostela (23 residentes e 11 traballadores), Portazgo da Coruña (23 residentes e 9 traballadores), a residencia de Crecente (17 residentes e 12 traballadores), a Nosa Señora da Esperanza de Ourense (15 residentes e 4 traballadores) e Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeooras (13 residentes e 4 traballadores). Os 22 falecementos producíronse sobre todo na DomusVi de San Lázaro (7), na DomusVi Barreiro (4), Portazgo (3), Fogar Bellolar da Coruña (2) e Nosa Señora da Esperanza (2). 

O presidente da Xunta sinalou este martes que se van realizar "ao redor de 800 test diarios" en todas as residencias, "comezando por aquelas nos que se teñen detectado casos"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este martes que as residencias de maiores e de discapacitados internos son "unha das prioridades" do seu Goberno e anunciou que se van incrementar as probas para detectar o coronavirus entre residentes e persoal, priorizando a realización de tests nestas instalacións. O presidente da Xunta sinalou este martes que se van realizar "ao redor de 800 test diarios" en todas as residencias, "comezando por aquelas nos que se teñen detectado casos". 

Feijóo afirmou que se está proporcionando material de protección e que "seguimos tratando de illar ao máximo os casos que imos detectando, xa sexan nos propios centros onde se producen ou trasladando aos usuarios contaxiados ás residencias integradas que xa habilitamos ou que imos ir habilitando en cada área sanitaria en función da demanda”.

Rolda de prensa de Alberto Núñez Feijóo, este martes © Xunta

Este luns a Xunta anunciaba a intervención dos centros DomusVi Barreiro e DomusVi Cangas, que pasaban a ser novas "residencias integradas" para persoas anciás residentes contaxiadas pola covid-19, ao xeito das habilitadas en Santiago e Baños de Molgas. A Xunta designará un empregado público para "dirixir e coordinar a actividade asistencial destas dúas residencias privadas". E, de igual xeito, trasladará ás persoas non contaxiadas a outros centros, unha medida que tamén foi criticada por varias entidades sociais, por ser "a solución que as empresas que pola súa inacción agravaron o probles estaban esperando".

Comezan a endurecerse as críticas de partidos da oposición e de colectivos de traballadores e usuarios dos centros de maiores pola falta de control existente ata agora en moitas residencias

Comezan a endurecerse as críticas de partidos da oposición e de colectivos de traballadores e usuarios dos centros de maiores pola falta de control existente ata agora en moitas residencias, que puido facilitar a multiplicación dos contaxios. As críticas diríxense a unha parte importante das residencias privadas, maioritarias en Galicia (máis do 60% das prazas son privadas) e en especial a certas empresas como DomusVi, en cuxas instalacións se rexistrou o maior número de casos. 

"Tras varios casos de infeccións en diversas residencias, DomusVi decidiu aforrar cartos. Isto levou a poñer en risco aos residentes ao non reforzar o seu cadro de persoal nin contratar servizos externos", denuncia a Federación REDE (composta por asociacións de usuarios e familiares de residencias e dependencia), cuxo secretario, en conversa con Praza.gal, acusaba á Xunta de "mirar para outro lado" e á empresa de buscar unicamente o lucro económico, recortando o persoal e degradando así a atención ás persoas maiores que viven nos seus centros.

Toda a oposición demanda a comparencia do Goberno galego no Parlamento

Gonzalo Caballero demanda as axplicacións dos conselleiros de Sanidade e Política Social

Todos os grupos da oposición demandan a comparecencia no Parlamento do Goberno galego para dar conta da situación que se vive nas residencias de maiores. Así o fixo o pasado sábado Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, que esixiu a comparecencia dos conselleiros de Sanidade e Política Social. Caballero pediu tamén activar “todas as medidas para protexer aos nosos maiores en residencias" e reclamou igualmente "a máxima transparencia".

Pontón reclamou a "urxente" comparecencia do Goberno galego no Parlamento "ante a situación extrema das residencias que está xerado alarma social"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou igualmente este martes a "urxente" comparecencia do Goberno galego no Parlamento "ante a situación extrema das residencias que está xerado alarma social", sinalando que "pese ao aviso que supuxo o caso de Celanova, o Executivo non está tomando medidas eficaces que eviten o contaxio do virus entre un colectivo vulnerable".

“Os e as traballadoras das residencias, as familias e as persoas maiores que están nestes centros e o conxunto da sociedade necesitan ter a tranquilidade de que o Goberno vai facer todo o que está na súa man para anticiparse e evitar que haxa novos contaxios", concluíu Pontón, que reclamou o reforzo da atención sanitaria, a realización de test masivos e o envio de material de protección.

Exterior da residencia DomusVi San Lázaro, en Compostela © DomusVi

Gómez Reino esixiu a intervención de todas as residencias de maiores "antes de que se agudice a gravísima situación que atravesan"

Pola súa banda, o voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, reclamou a intervención de todas as residencias de maiores "antes de que se agudice a gravísima situación que atravesan". Gómez Reino criticou con dureza a política asistencial dos Gobernos do PP, que “desmontou un modelo de coidados para implantar un modelo de negocio” cos centros para a terceira idade.

O Grupo Común da Esquerda pedíu este martes, igualmente, a comparecencia da Conselleira de Política Social ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para que explique "con urxencia" a situación.

Críticas á solución escollida pola Xunta

Mentres, a Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes, que agrupa a familiares de usuarios dos centros de maiores, traballadores das residencias e ao Movemento Galego Pola Defensa das Pensións Públicas (Modepén) difundiu hai unhas horas unha carta aberta na que esixen que a Consellería de Sanidade pase a exercer "o liderado real de todas as decisións relacionadas co coronavirus en todas as residencias" e na que critican a aposta da Xunta pola creación de “centros Intermedios” nos que atender as persoas usuarias que resulten positivas aos tests para identificación de coronavirus e que non requiren hospitalización.

A Alianza Galega denuncia que esta é a solución preferida pola patronal dos centros de maiores, que conseguen así "desfacerse das súas responsabilidades e trasladarlle o problema á sanidade pública". Sinala, igualmente, que a iniciativa da Xunta "ignora o feito evidente de que non é doado improvisar os recursos humanos e materiais precisos" para atender o xa elevado número de casos positivos.

Concentración de protesta contra DomusVi, hai uns meses © REDE

A carta subliña que "as residencias son centros socio-sanitarios, moi caros por certo" e di que "é totalmente inadmisíbel que agora pretendan reivindicar que son só 'centros sociais', nos que non é posíbel atender a pacientes que teñen unha infeccións por coronavirus que non precisan hospitalización". 

Finalmente, as entidades asinantes esixen que a Consellería de Sanidade comprobe que en todas as residencias existen as zonas de illamento para as persoas usuarias que estean infectadas. Así mesmo, reclama que o Goberno galego poña a disposición do persoal das residencias o material de protección necesario e que "garanta" que a atención sanitaria emprestada nestes centros é a axeitada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.