Unha oferta escasa e maioritariamente privada mentres a demanda non deixa de aumentar. É a percepción das familias galegas que elixen ou precisan dos servizos dunha residencia de maiores e tamén a denuncia reiterada de persoal do sector, organizacións sindicais e oposición parlamentaria. E ademais, é o retrato que ofrecen os datos máis recentes ao respecto.
Mesmo sumando prazas públicas e privadas, Galicia conta con apenas 3,13 por cada 100 maiores de 65 anos; a recomendación da OMS é de que haxa cinco, polo que cumprirían case 15.000 máis
A Asociación de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais vén de realizar a súa recompilación anual do estado do sector a partir de datos oficiais do INE e mais do IMSERSO. Están datados no remate de 2018, polo que ofrecen a foto fixa de hai apenas un ano, e neles Galicia volve saír mal parada en comparación co resto do Estado. Máis aínda se é comparada coa recomendación da Organización Mundial da Saúde ao respecto: que existan cando menos cinco prazas residenciais por cada persoa maior de 65 anos, subliña a asociación.
Nese ano, mesmo sumando prazas públicas e privadas, Galicia contaba con apenas 3,13 prazas residenciais -sumando residencias ordinarias e vivendas comunitarias- por cada 100 persoas maiores de 65. É a quinta ratio de cobertura máis baixa do Estado. No que atinxe á oferta estritamente pública, a situación relativa é aínda peor, só 1,2 prazas por cada 100 habitantes maiores de 65 anos, o penúltimo posto do Estado. Para chegar á recomendación da OMS, advirte o colectivo, Galicia precisaría 14.858 prazas máis.
Atendendo aos datos oficiais que recompilou este colectivo, unicamente seis autonomías están por riba da recomendación da OMS: en Asturias, Catalunya, Cantabria, Extremadura, Castilla-La Mancha e Castilla y León si hai máis de cinco prazas residenciais por cada 100 maiores de 65. Atendendo só a oferta pública, o limiar só o superan as dúas Castelas e a seguinte máis próxima a facelo é Extremadura, que supera as 4 prazas públicas por cada 100 habitantes.
Seis de cada dez prazas residenciais para maiores son privadas
No que atinxe ao recurso residencial máis habitual para as persoas maiores, as residencias, os datos do IMSERSO e a análise da Asociación de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais cadran con anteriores diagnósticos emanados de informes de organismos como os do Consello de Contas. A oferta é inferior á demanda e inevitablemente marcada polo sector privado, que domina practicamente o 60% das prazas dispoñibles e no que a Xunta se vén apoiando nos últimos anos para aliviar as listas de agarda.
Menos de 8.000 das 19.000 prazas en residencias dispoñibles en Galicia son públicas
Sen ter en conta servizos como as vivendas residenciais, anecdóticos en Galicia -os datos máis recentes do IMSERSO detectan apenas 2.000 prazas deste tipo, das que menos de 400 son públicas-, a oferta residencial para as persoas maiores en Galicia está composta por algo menos de 20.000 prazas. Concretamente, por 19.128 e delas, só 7.790 son públicas (o 40,7%). As restantes 11.338 (59,3%) son privadas, cun custo notablemente máis elevado tanto para as familias como nos casos nos que é a Administración a que fornece parte ou a totalidade do pagamento mediante o réxime de concerto. Dende hai unha década, esta estatística non distingue entre privadas e concertadas.
Estas cifras apenas variaron no fundamental durante os últimos anos e dan lugar a unhas taxas de cobertura moi por baixo das recomendadas pola OMS. Así, as residencias de maiores públicas e privadas suman unha ratio de 2,82 prazas por cada 100 mulleres e homes maiores de 65 anos residentes en Galicia. A oferta pública é aínda máis ínfima, 1,15 prazas por cada cento de persoas.
Medidas dende Política Social con intervención privada
Dende a Consellería de Política Social as dúas medidas máis recentes ao respecto teñen implicacións co sector privado, xa sexa para paliar a lista de espera ou para prever ofertas de novas prazas. Así, tras ficar constatado no IMSERSO e no Consello de Contas que apostar polas residencias privadas é máis caro para a Administración que facelo polas públicas e que Política Social aforrou en persoal das súas residencias non cubrindo ausencias por baixas e vacacións, nos últimos dous anos este departamento realizou, cando menos, dous anuncios.
As sete residencias que a Xunta anunciou en 2017 por algo menos de 50 millóns pasarán a ser construídas a partir de 2020 pola Fundación Amancio Ortega cun custo duns 90 millóns
En agosto de 2018 a Consellería anunciaba o lanzamento do que denominou Bono Autonomía, un plan dotado con algo máis de 6 millóns de euros concibido para cofinanciar prazas en residencias privadas a persoas que estivesen a agardar por unha pública. Cando o departamento autonómico lanzou este plan, xa había practicamente un ano que anunciara a súa intención de construír "nesta lexislatura" sete novas residencias públicas, unha en cada cidade, e investir na súa construción 47,7 millóns de euros. Cando apareceron reflectidos nos Orzamentos Xerais de 2019, o seu custo xa estaba estimado en 66 millóns.
Este segundo proxecto avanzou con lentitude ata setembro de 2019, cando o Goberno galego anunciou que as residencias que ía construír a Administración pasaría a construílas e equipalas a Fundación Amancio Ortega. O proxecto anunciado en 2017 pasou a ter como horizonte para o inicio da súa construción o ano 2020 e o custo xa non eran 47,7 nin 66, senón 90 millóns que agora asume a entidade impulsada polo fundador de Inditex