As residencias, alén do señor Amancio

Residentes nun centro público de maiores, nunha imaxe de arquivo divulgada pola Xunta CC-BY-SA Xunta

O 13/09/2019, a Fundación Amancio Ortega e a Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración polo que a Fundación financiará con 90 Millóns de Euros a construción e dotación completa do equipamento de 7 novas residencias destinadas aos maiores e dependentes, nas 7 cidades máis poboadas de Galicia. As novas residencias Vigo e Coruña contarán con 150 prazas e as das outras 5 cidades con 120; en total crearanse 900 novas prazas residenciais, e estiman que 800 novos empregos. As obras, seica comezarán en 2020, e 3 anos despois, unha vez rematadas as obras e compretado o equipamento, serán entregadas á Xunta para a súa incorporación á rede pública galega de atención aos maiores.

Para quen estamos preocupados polo estado dos servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes, trátase dunha moi boa nova, dado o grande déficit de prazas residenciais que existe no noso país e a pouquidade dos investimentos públicos en servizos sociais dirixidos a maiores e dependentes. Que un particular, dentro da lei, aporte unha importante cantidade de diñeiro que fará posíbel a construción en pouco tempo dunhas residencias públicas que fan moita falta, coido que só pode ser cualificado como unha boa nova, alén do que cada quen opine sobre a fiscalidade que se aplica ás grandes fortunas; un debate relacionado, máis diferente do que ten que ver coa mellora da situación dos servizos sociais dirixidos aos maiores en Galicia. 

A doazón de Amancio Ortega é unha estupenda oportunidade para reflexionarmos sobre o modelo de desenvolvemento dos servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes que vén aplicando até agora a Xunta de Galicia, e se é o caso, modificar ese modelo no que sexa preciso

O que si que ten moito que ver co futuro dos servizos sociais en Galica, é o uso que a Xunta vai facer desa doazón, unha vez que reciba a titularidade das novas residencias. Suponse que a doazón é incondicional, e polo tanto independente do modelo de xestión e provisión de servizos que as autoridades públicas van establecer nesas novas residencias. Neste sentido, e para que fique claro o seu carácter incondicional, sería unha interesante achega á transparencia das contas públicas, que fora fácil o acceso ao convenio de colaboración entre a Fundación e a Xunta.

A doazón de Amancio Ortega é unha estupenda oportunidade para reflexionarmos sobre o modelo de desenvolvemento dos servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes que vén aplicando até agora a Xunta de Galicia, e se é o caso, modificar ese modelo no que sexa preciso. Ese é o obxectivo deste texto.

É especialmente rechamante a práctica ausencia de debate social, en Galicia e tamén no conxunto do estado, sobre o modelo de servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes. Esa ausencia de debate é especialmente importante cando, sobre todo despois da entrada en vigor en 2007 da Lei de Autonomía e Axuda a Dependencia (LAPAD), o sector da dependencia está tendo un importante crecemento, protagonizado dun xeito esmagador, como logo veremos, por empresas privadas. 

Chama moito a atención a diferenza co que sucede na sanidade. Mentres que a defensa da sanidade plenamente pública é asumida por amplos sectores sociais e é obxecto de importantísimas mobilizacións cidadáns, o proceso avanzadísimo de privatización dos servizos sociais dirixidos a maiores e dependentes, non está a xerar apenas debate, e as forzas políticas e sociais progresistas non foron até agora capaces de reaccionar diante da enxurrada privatizadora que está tendo lugar, e promover decididamente uns servizos sociais para maiores e dependentes plenamente públicos. 

Cómpre non deixarse confundir pola propaganda neoliberal ou socioliberal, e ter claro que uns servizos sociais plenamente públicos caracterízanse fundamentalmente por tres características: 1) Ser de Titularidade Pública, é dicir de propiedade pública; 2) ter Xestión Pública, é dicir, as tarefas de dirección dos servizos son realizadas por directivos que fan parte da administración pública e non por directivos dunha empresa privada ou que dependan dunha institución relixiosa e, por outra banda, entre os obxectivos procurados non están a obtención de beneficios económicos, nin o exercicio da caridade; e 3) ter unha Provisión Pública dos Servizos que se prestan, que son realizados por persoal dependente laboralmente da administración pública, e non de empresas privadas, con ou sen ánimo de lucro. 

A realidade dos servizos sociais residenciais₁ dirixidos aos maiores e dependentes que existen en Galicia, presenta, entre outros, os seguintes datos:

  • Existe un importante déficit de prazas residencias: en 2019, de acordo coas recomendacións da OMS (quen recomenda 5 prazas por 100 persoas con 65 anos ou máis), deberían existir 33.643 prazas de residencias en Galicia, o que permite cuantificar en 8.824 o déficit de prazas existente a mediados de 2019.
  • A acceso ás poucas prazas existentes é moi difícil para a grande maioría da poboación, pois hai moi poucas e teñen prezos altísimos. A 01/08/2019 en Vigo non había ningunha praza dispoñíbel nunha residencia pública ou privada sen ánimo de lucro; había 33 prazas dispoñíbeis en residencias privadas, todas elas sen financiamento público: 2 eran na Residencia DomusVi-Barreiro que ten prezos que varían entre os 1.950 e os 2.312 euros; 8 prazas na Residencia de Sanitas con prezos que oscilan entre os 2.387 e os 4.358 euros; as 23 prazas restantes estaban na recentemente creada Residencia Ballesol, con prezos que oscilan entre os 1.950 e 3.100 euros. Lembrar que a pensión media en Galicia está en 954 euros.
  • O copagamento, para o acceso ás prazas financiadas das persoas que teñen recoñecido oficialmente algún nivel de dependencia, é claramente abusivo: sempre é superior ao 70% dos ingresos do residente, e chega até 90% cando eses ingresos son superiores aos 1.500 euros.
  • Hai 7.918 persoas nas listas de Agarda da Dependencia en Galicia a 30/06/2019. É dicir, 13 anos despois de aprobada a LAPAD, o 11,47% das 69.060 persoas que teñen recoñecidas oficialmente prestacións de Dependencia, seguen sen recibilas.
  • O nivel de privatización das residencias galegas é enorme: a titularidade do 77,7% (19.290) das prazas das residencias son de titularidade privada₂, mentres que só o 22,3% son de propiedade pública. As empresas vinculadas aos grandes fondos de investimento agrupadas en AESTE-CEOE (DomusVi, Ballesol, Caser, Sanitas, ...) son propietarias e/ou xestionan o 22,7% (5.623) das prazas residenciais en Galicia, sendo esa porcentaxe moi superior nas grandes residencias con máis de 100 prazas. Pola súa banda, as organizacións vinculadas a iglexa católica contan con aproximadamente o 25% do total de prazas residenciais, destacando a Fundación San Rosendo, que xestiona un total de 3.270 prazas residenciais en Galicia, e é o 2º grupo empresarial do denominado terceiro sector da dependencia a nivel español (despois da Asociación Dorada-Mensajeros de la Paz).
  • A empresa DomusVi, con domicilio social en Vigo, é con moita diferencia a empresa máis importante no sector da dependencia en España e en Galicia, e ela soa xestiona o 17,0% (4.230) das prazas das residencias galegas. DomusVi, na actualidade, é propiedade do fondo de Investimento francés ICG e da tamén francesa Sagasse Retraite.
  • As prazas residenciais plenamente públicas (de propiedade, xestión e provisión públicas) están sendo convertidas nunha especie de “ghetto” dirixido aos sectores mais precarizados da sociedade, unha sorte de “Beneficencia” como os antigos asilos de anciáns; por outra banda, esas prazas plenamente públicas son cada vez menos, supoñen unicamente o 16,0% (3.959) do total de prazas de residencias existentes en Galicia, e a súa xestión está sendo cedida paulatinamente ás empresas privadas do sector.
  • Son cada vez mais frecuentes as denuncias dos familiares dos ingresados nas residencias que, entre outras moitas reclamacións, fan especial fincapé en que debe mellorarse a calidade da atención prestada, e que para iso é imprescindíbel incrementar os actuais ratios de traballadores por usuario; ademais, esixen que se coide máis a calidade da alimentación.
  • A precariedade e a temporalidade caracterizan as condicións laborais dos e das traballadoras das residencias, e en xeral de todo o persoal que traballa no sector da dependencia. Salarios ínfimos, ritmos de traballo excesivos, grande temporalidade, e un forte incumprimento da normativa laboral por parte das direccións, caracterizan ás condicións laborais das empresas do sector.

A acceso ás poucas prazas existentes é moi difícil para a grande maioría da poboación, pois hai moi poucas e teñen prezos altísimos. As prazas residenciais plenamente públicas están sendo convertidas nunha especie de “ghetto” dirixido aos sectores mais precarizados

A debilidade actual dos servizos e infraestruturas para a atención dos maiores e dependentes en Galicia, está relacionada co subdesenvolvemento histórico dos servizos sociais que caracterizou aos países do sur de Europa, a diferenza do que sucedeu nos países do norte do continente, que desde hai moitos anos contan cuns fortes servizos de atención aos maiores de carácter plenamente público. Sen embargo, desde a aprobación da Lei de Autonomía e Axuda a Dependencia (LAPAD) en decembro de 2006, promovida polo goberno de Zapatero, asistimos a un forte crecemento deses servizos e infraestruturas, malia que aínda seguen sendo moi escasos e están fortemente privatizados. 

A LAPAD, que ten moitos aspectos positivos, é tamén unha lei de claro corte neoliberal que permitiu a apertura de par en par das porta á plena privatización do sector, facilitando a conversión da atención dos maiores e dependentes nun suculento negocio. A dereita política, e o social-liberalismo que engaiolou a unha importante parte da esquerda, coincidiron plenamente na necesidade de minimizar o papel do estado nas políticas de benestar, e en renunciar ao desenvolvemento dun forte sistema autenticamente público de atención aos maiores e dependentes, de titularidade, xestión, e provisión públicos. Sobre todo nos últimos anos, os grande fondos voitres de investimento internacionais entraron decididamente no gran nicho de negocio en que se converteu a forte necesidade social da existencia de servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes. Hoxe o sector empresarial da dependencia ten en España un volume de negocio de aproximadamente 5.000 millóns de euros, e estanse facendo nel suculentos negocios. 

Debemos exixir que as 7 novas residencias que se van poñer en marcha nas 7 principais cidades galegas sexan plenamente públicas

A doazón de Amancio Ortega, é unha excelente ocasión para promover un amplo debate público sobre a situación dos servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes en Galicia e en España. Precísase un cambio profundo de estratexia, témos que lle exixir á Xunta de Galicia que modifique de raíz a súa política neste eido, abandonando a actual potenciación da privatización do sector e apostando decididamente polo público, debemos exixir que as 7 novas residencias que se van poñer en marcha nas 7 principais cidades galegas, grazas aos 90 millóns de euros doados por Amancio Ortega, sexan plenamente públicas non só na súa titularidade senón tamén na súa xestión e provisión de servizos, sendo o primeiro chanzo dun nova política pública desde a Xunta de Galicia que sitúe como prioridade os intereses dos cidadáns, e non os beneficios das empresas privadas.

O obxectivo fundamental ten que ser poñer en pé o 4º PIAR DO ESTADO DE BENESTAR, que complemente a protección social que garanten a Educación Pública, a Sanidade Pública, e o Sistema Público de Pensións, mediante un potente Sistema de Servizos Sociais Públicos dirixidos aos maiores e os dependentes, caracterizados por ser: 

  1. Servizos Públicos (de financiamento, xestión e provisión plenamente públicos),
  2. Servizos Universais (dimensionados de xeito que teñan capacidade para atender a todos as persoas que os precisan, sin excluír a ninguén por causas económicas ou doutro tipo).
  3. Servizos Gratuitos na súa parte de coidados (como na sanidade), e nos que o copagamento só afecte aos aspectos hostaleiros (aloxamento, manutención), e que teñan prezos accesíbeis para a grande maioría das e dos traballadores e pensionistas.
  4. Servizos baseados no principio de “envellecer na casa”, e teñan o seu alicerce en fortes Servizos de Proximidade (sobre todo Servizos de Axuda no Fogar, mais tamén Centros de Día/Noite e Servizos de Teleasistencia Avanzada) e que procuren adiar á “institucionalización” (ingreso nunha residencia) até o momento no que xa non sexa viábel manter á persoa usuaria no seu domicilio.
  5. Servizos que prioricen claramente a prestación de servizos formais, realizados por profesionais con experiencia e debidamente formados, antes que a prestación de servizos informais (que ademais tenden a perpetuar a discriminación de xénero), ou as prestacións económicas.
  6. Servizos que conten co número de prazas de residencias que recomenda a OMS (5 prazas por cada 100 persoas de ≥65 anos).
  7. Servizos de Calidade contrastada que os faga atractivos para amplos sectores sociais, alén dos que conten con menos recursos económicos.

É preciso convencer á maioría da sociedade, comezando polas organizacións progresistas, de que cómpre mobilizarse na defensa do público tamén no sector da atención aos maiores e dependentes

Temos que lle esixir á Xunta de Galicia, que as novas residencias que se van construír nas 7 principais cidades galegas grazas a doazón de Amancio Ortega, sexan plenamente públicas; paralelamente, témos que lle exixir tamén, un profundo cambio na orientación das políticas da administración dirixidas aos maiores e dependentes para que fagan da potenciación do público o eixo central da súa actuación. Ademais, é preciso que convenzamos á maioría da sociedade, comezando polas organizacións sociais, sindicais e políticas progresistas, de que cómpre mobilizarse en defensa do público tamén no sector da atención aos maiores e dependentes. 

 1 A atención nas residencias é un dos servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes, máis importantes. E, malia que hoxe esté moi claro que a cerna deses servizos sociais deben ser os servizos de proximidade (sobre todo de Axuda no Fogar, mais tamén de Teleasistencia, Centros de Día, ...) dentro da estratexia de “Envellecer na Casa”, é inegábel que sempre hai e haberá un grupo de persoas que por diversas razóns deben estar “institucionalizados” nunha residencia.
 2 A fonte fundamental de datos é o Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) a 31/06/2019.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.