A Xunta aforrou en persoal de residencias de maiores non cubrindo ausencias por baixas e vacacións

Actividades nunha residencia de maiores do Carballiño © Xunta

Os paquetes de recortes aprobados polo Goberno de Mariano Rajoy en decembro de 2011 e xullo de 2012 impactaron directamente na atención ás persoas que viven en residencias de maiores en Galicia. É unha das conclusións do informe no que o Consello de Contas vén de avaliar o investimento do Goberno galego en "atención residencial a persoas maiores e dependentes", un traballo fiscalizador que abrangue os anos máis intensos da recesión económica e no que fica demostrado que unha das vías de aforro en gastos de persoal foi non cubrir ausencias por vacacións ou baixas.

Contas liga directamente o "importante descenso do volume do gasto de persoal" nas residencias aos paquetes de recortes do Goberno de Rajoy

O documento, que Contas entregou oficialmente este 20 de xullo ao Parlamento, reflicte o "importante descenso do volume de gasto de persoal" en 2011 e 2012, os dos recortes máis intensos. En apenas dous anos pasouse dun orzamento de 56,05 millóns de euros a 42,72, máis de 13 millóns de tesoirada que no ano 2015, no que remata a análise, aínda non foran recuperados. As causas desta diminución de gastos son "diversas", segundo o Consello, que cita entre elas os dous reais decretos de recortes do Goberno de España: o primeiro, lembra, conxelou as retribucións para 2012 e o segundo "estableceu unha serie de medidas de redución" como a "supresión dunha paga extraordinaria, a redución dos días de libre disposición, supresión de días adicionais por antigüidade, limitación do tempo retribuído para realizar funcións sindicais" e "modificación do réxime retributivo" durante as baixas.

O Consello de Contas detecta que a Xunta só cubre baixas médicas do persoal das residencias "cando son de longa duración" e só contrata persoal "en contadas excepcións" ante ausencias por asuntos particulares ou excesos de xornada

A Xunta, lembra Contas, apoiouse nesta medida do Goberno central para "suspender a aplicación do convenio colectivo" deste persoal "no referido á compensación como descanso adicional do 75% do tempo" traballado en domingos e festivos. Pero ademais, resalta, "a redución dos gastos de persoal foi posible pola non cobertura de vacacións, licenzas e permisos", esencialmente ao non realizar "contratacións temporais" para remudar o persoal temporalmente ausente. Malia ás dificultades atopadas polo Consello para obter os datos -"a Consellería non dispón dun sistema informático normalizado para a xestión do persoal das residencias", salienta-, o informe si é quen de identificar varias situacións nas que "o servizo se prestou con menos persoal".

Entre as ausencias non cubertas o Consello apunta ás baixas médicas, que "con carácter xeral só se substitúen cando son de media ou longa duración ou cando se trata de baixas por maternidade, paternidade, lactancia ou risco no embarazo". O mesmo sucede cos "permisos por asuntos particulares e tempo de compensación por exceso de xornada", que só son cubertas en "contadas excepcións". "Tampouco -abonda- se substituíron integramente as vacacións anuais" do persoal "ou os permisos por enfermidade grave dun familiar".

As ausencias non cubertas nun só ano en dez residencias públicas de maiores equivaleron as xornadas anuais de 50 postos de traballo

Mesmo coas devanditas limitacións informáticas o Consello de Contas dá traducido a números estas eivas en dez residencias situadas en Vigo, A Estrada, Barbadás, O Carballiño, Ferrol, Oleiros, dúas en Lugo e outras dúas en Santiago durante o ano 2014. O estudo chega á conclusión de que case un terzo dos días de permisos e vacacións do ATS/DUE e Enfermaría nos centros analizados (7.796 de 21.260) non foron cubertos e o mesmo sucedeu con case unha décima parte dos días por incapacidade temporal (2.226 de 20.256 días). Segundo Contas, este total de 10.022 días de vacacións, permisos e baixas non substituídos nun só ano nestas dez residencias "equivalerían, cando menos, as xornadas anuais de 6,86 ATS/DUE e 39,98 auxiliares de enfermaría/xerocultura ao longo do ano 2014".

Xornadas non cubertas por permisos, vacacións e incapacidades temporais no ano 2014 © Consello de Contas

Daquela, a Administración deixou de contratar case 50 persoas nun só ano que evitarían que o servizo nestas residencias se vise resentido. E isto, sempre segundo o informe, "determinou que o servzio se prestou con menos presenzas de persoal que as previstas nas carteleiras de quendas para a adecuada prestación do servizo". "Tamén -evidencia- contribuíu en boa medida a reducir o volume dos gastos de persoal".

Máis persoal na atención 100% pública a dependentes

Contas advirte de que a menor ratio de persoal nas residencias de xestión privada "pode repercutir na calidade do servizo"

Malia estas carencias o informe do Consello de Contas deixa tamén outra conclusión no que atinxe á atención a persoas dependentes -as residencias de maiores tamén atenden persoas consideradas autónomas, que non precisan de axuda para diversas actividades da súa vida cotiá-. Tras analizar os centros que xuntan case o 60% das prazas 100% públicas de atención residencial a persoas dependentes e contrastalo coas residencias que xestionan entidades privadas "con concesión ou concerto", a conclusión é que as ratios de persoal son maiores cando o servizo é totalmente público.

Así, a ratio de atención directa é de 0,48 traballadores por residente nos centros de xestión directa -practicamente unha persoa para cada dous residentes-, mentres que nos centros de atención privatizada o índice queda no 0,39, o que implica que a tendencia é de unha para cada tres. Ambas cifras, advirte o informe, son en realidade menores pola non cobertura de baixas ou vacacións. En calquera caso, conclúe Contas, "esta diferenza na ratio" entre centros de xestión directa e indirecta "pode repercutir na calidade do servizo" e "tamén na valoración outorgada por residentes e familiares á calidade do servizo asistencial".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.