O Consello de Contas constata que a administración paralela nin sequera facilita unha canle para denunciar incumprimentos de cláusulas sociais por parte das súas empresas adxudicatarias
Hai anos que as administracións públicas veñen incorporando ás súas subcontratas todo tipo de cláusulas sociais ou laborais para primar as empresas que incorporen melloras neses eidos, como medidas en materia de igualdade, conciliación ou seguridade laboral que vaian máis alá do esixido pola lei. Porén, unha vez adxudicados eses contratos, os entes paralelos da Xunta non están a vixiar se as empresas cumpren con eses compromisos e nin sequera contan con canles para recibir posibles denuncias de incumprimentos. Así o revela agora unha auditoría elaborada polo Consello de Contas, o ente independente encargado da fiscalización das administracións galegas.

Contas analizou unha mostraxe de 215 expedientes de contratación tramitados por 29 entidades instrumentais distintas da Xunta. Todos eles incorporaron cláusulas sociais e no 68% estas formaban parte dos criterios de adxudicación dos contratos, sendo no 64% dos casos esixencias en materia de conciliación ou igualdade. Porén, no 29% dos contratos non se concretaron as medidas e no 32% bastaba cunha simple "declaración ou compromiso da empresa sen achegar documentación acreditativa".
No 32% dos contratos analizados por Contas os compromisos de conciliación dos adxudicatarios dábanse por probados cunha simple declaración da empresa "sen achegar documentación acreditativa"
Pero os entes paralelos da Xunta non só son laxos á hora de fixar esixencias senón fundamentalmente á hora de supervisalas. "Nos 213 contratos analizados non consta reacción algunha fronte a incumprimentos de compromisos sociais", di Contas, que sinala que "o 83% das entidades non supervisou o cumprimento dos compromisos sociais asumidos pola empresa contratista". O ente fiscalizador matiza que "soamente cinco entidades (Axencia de Infraestruturas, Portos de Galicia, Augas de Galicia, Sociedade Pública e Investimentos e Xestur) acreditaron o control do cumprimento dos criterios sociais de adxudicación, en concreto das medidas de conciliación ofertadas pola empresa".

E non é só que os entes paralelos da Xunta non vixíen se as súas subcontratas cumpren os seus compromisos senón que tampouco facilita que poidan ser denunciados os incumprimentos. "Ningunha das entidades analizadas dispón dunha canle específica para comunicar os incumprimentos dos compromisos sociais", censura Contas.
Este mesmo martes o BNG defendeu no Parlamento, co apoio do PSdeG, unha iniciativa para incorporar cláusulas sociais e de igualdade na contratación pública da Xunta. O PP rexeitouna co argumento de que xa se está a facer. Porén, Contas revela que ninguén vixía o seu cumprimento nos entes paralelos.
Por outra banda, a falta de control sobre as cláusulas sociais son outra máis das múltiples eivas que veñen rexistrando os entes paralelos da Xunta.