O Goberno galego cumpre agora a obriga que se deu a si mesmo en 2010 de crear un rexistro da súa administración paralela, na que Contas vén detectando todo tipo de irregularidades
En 2010 o daquela presidente Feijóo aprobou unha lei coa que prometía poñer orde e aforro na administración paralela da Xunta, os "chiringuitos", como os denominaba para criticar ao Goberno previo de PSdeG e BNG malia que a gran maioría foran creados durante os gobernos de Manuel Fraga. Aquela norma establecía entre outras cuestións que a Xunta tiña que crear un "rexistro de entidades do sector público" no que debían inscribirse e depositar as súas contas para facilitar a súa fiscalización. Unha obriga que a Xunta vén de cumprir aínda agora, tres lustros despois, coa aprobación este luns dun decreto polo que se regula ese rexistro.
Pero ese incumprimento é só unha das diversas irregularidades que o Consello de Contas vén detectando na xestión dos entes paralelos da Xunta durante os últimos 15 anos. Unha administración paralela que en 2022, último ano analizado por Contas, sumou un orzamento de 2.261 millóns, o 17% dos orzamentos totais da Xunta, cunha senda crecente nos últimos anos "pola xeneralización do modelo de axencia" especialmente nas áreas das infraestruturas, os servizos sociais e a innovación.
Feijóo suprimiu un cento de entes, boa parte deles ideados por Fraga, pero tamén creou medio cento recolocando competencias e persoal, o que levou ao Consello de Contas a concluír que o aforro fora "residual", expresión que a Xunta pediu sen éxito que suprimise
Tras a súa chegada á Xunta Feijóo efectivamente suprimiu 99 entes paralelos, pero ao mesmo tempo creou outros 50 ata 2016, o que unido á recolocación de persoal e competencias levou ao Consello de Contas a cualificar en varias ocasións de "residual" o aforro logrado. Así o dixo o ente fiscalizador en 2016 e o reiterou en anos seguintes, rexeitando varias peticións expresas da Xunta de que retirase esa e outras conclusión negativas sobre a xestión dos entes paralelos, que Feijóo valoraba en termos históricos.
O Tribunal de Cuentas estatal chegou analizar as supresións e creacións de entes paralelos por parte de todas as comunidades autónomas e concluíu que entre 2010 e 2016, cando Feijóo se gababa de suprimir un cento deles, a Xunta fora a que máis creara, 50, o 26,9% de todas as creadas en todo o Estado.
Canto ás entidades suprimidas, os xerentes de boa parte delas, as fundacións comarcais creadas por Fraga, varios deles cargos do PP, foron recolocados en postos creados expresamente para eles en oficinas de emprego. No caso doutros traballadores a recolocar, a Xunta foi demorando durante anos os procesos de traslado, o que fixo que siga a gastar máis nalgúns soldos dese persoal -entre eles altos cargos do Goberno- que se rematase de integralos no resto da administración. Ao tempo, o orzamento para soldos de altos cargos dos propios entes paralelos seguiu aumentando.
En xaneiro o ente fiscalizador criticou o fraccionamento de contratos en varios entes públicos para así podelos adxudicar discrecionalmente
Pero a discrecionalidade no gasto non vén afectando só aos soldos senón tamén ás contratacións que realizan os entes paralelos. Así o revelou o pasado xaneiro outro informe do Consello de Contas que criticou o fraccionamento de contratos para así podelos adxudicar a dedo sen concursos públicos. Un procedemento non permitido pola lei que emprega "particularmente" a Axencia de Turismo de Galicia, pero tamén o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Augas de Galicia e o Instituto de Estudos do Territorio.
Contas tamén puxo cifras ao volume de contratos menores que sen seren fragmentados artificialmente permiten igualmente a súa adxudicación de xeito discrecional, sen concurso público. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha das entidades que máis recorre a ese tipo de contratos en relación co global das súas contratacións, máis do 90%. Por detrás, o Igape, o Xacobeo ou a Academia Galega de Seguridade Pública adxudican a través de contratos menores entre o 70% e o 90% da súa contratación total, mentres que a CRTVG ou o Instituto de Estudos do Territorio sitúan esa modalidade entre o 50% e o 70% das súas adxudicacións.
Nunha das varias ocasións en que Contas fixo públicas as súas análises críticas coa xestión da administración paralela por parte dos gobernos de Feijóo, o propio presidente optou por cargar contra o ente fiscalizador. En 2019 a Feijóo non lle pareceu ben que Contas tivese que recorrer a datos dun informe estatal para poder analizar os entes da Xunta ante a opacidade desta. "De administración paralela en Galicia sabemos máis na Xunta", foi a súa valoración.