O presidente insiste en rexeitar o 22% das recomendacións que o ente fiscalizador vén formulando ao Goberno galego porque “non nos parecen axeitadas” e quédase “co 78% que cumprimos”: “Eu creo nas maiorías”, di.
Ao presidente Feijóo non lle parece ben que o Consello de Contas, o órgano independente fiscalizador das administracións galegas, crítico coa xestión dos fondos públicos que fai a Xunta, empregase datos dun informe estatal para cualificar como “residual” o aforro logrado polo Goberno galego coas supresións de entes paralelos que vén publicitando na última década. “De administración paralela en Galicia sabemos máis na Xunta”, retrucoulles este xoves Feijóo aos auditores independentes.
O Consello de Contas leva anos criticando irregularidades de todo tipo na xestión dos recursos públicos por parte do Goberno galego e emitindo recomendacións que a Xunta se resiste a asumir. Por eses incumprimentos foi preguntado este xoves Feijóo na súa rolda de prensa semanal tras o Consello da Xunta e o presidente optou por salientar o que o seu Goberno si cumpre e insistir en que non considera procedente cumprir co resto. Feijóo reduciu a un 22% as “recomendacións que non nos parecen axeitadas” e optou por salientar as correccións que si asume. “Se cumprimos co 78%, seguro que haberá causas nas restantes”, dixo. “Eu creo nas maiorías”, xustificouse.
Durante a elaboración do informe o Goberno galego xa pedira expresamente a Contas que borrase as súas críticas polo que o ente fiscalizador considera un aforro “residual”, algo que os auditores rexeitaron decidindo manter as súas expresións
E a continuación o propio Feijóo puxo o foco no informe específico que este ano elaborou o Consello de Contas sobre os aforros logrados pola supresión de entes paralelos, boa parte deles creados durante os gobernos de Manuel Fraga. Durante a elaboración do informe o Goberno galego xa pedira expresamente a Contas que borrase as súas críticas polo que o ente fiscalizador considera un aforro “residual”, algo que os auditores rexeitaron dedicindo manter as súas expresións. E este xoves o propio Feijóo verbalizou as críticas. “O Consello de Contas fai unha análise dos aforros que ten a administración paralela que extinguimos, pero non fai análise de todas as medidas na administración paralela que mantemos”, dixo, para censurar que o ente fiscalizador empregase como “fonte” para a súa análise, malia que non foi a única, “un informe do Goberno central”. “Ese informe é incompleto”, criticou Feijóo.
O propio Consello de Contas critica que para as súas análises ten que recorrer a ese tipo de datos estatais porque a Xunta aínda non cumpriu coa obriga de crear un rexistro autonómico de entes paralelos
Porén, o propio Consello de Contas critica que para as súas análises ten que recorrer a ese tipo de datos estatais porque a Xunta aínda non cumpriu coa obriga de crear un rexistro autonómico de entes paralelos. Por outra banda, a análise de Contas non é só cuantitativa sobre o número de entes suprimidos senón que afonda tamén no funcionamento interno criticando cuestións como que a Xunta rescatase persoal de entidades suprimidas manténdolles soldos superiores aos do funcionariado, o que cualifica como inxusto e ineficiente.
Pola contra, o presidente si deu validez a outras conclusións do Consello de Contas beneficiosas para el. “Eu agradézolle moito ao Consello de Contas o seu informe porque di cousas importantes, certifica que cumprimos cos obxectivos de déficit, coa débeda pública”, dixo, para considerar que o ente fiscalizador “acredita que temos boa xestión”.