O ente fiscalizador salienta que o Goberno galego reduciu as tramitacións urxentes, que lle permiten restrinxir a competencia entre empresas, pero censura que non cumpre tan ben as súas recomendacións no caso dos modificados de obras
“Non poderá fraccionarse un contrato coa finalidade de diminuír a contía do mesmo e eludir así os requisitos de publicidade ou os relativos ao procedemento de adxudicación que corresponda”. Iso é o que establece o artigo 99.2 da lei de contratos públicos. Porén, a Xunta, segundo vén de constatar o Consello de Contas, segue a fraccionar contratos que despois adxudica a dedo.
O Consello de Contas entregou este venres no Parlamento os seus últimos informes de fiscalización das administracións públicas galegas, novamente pasado o mediodía e nunha ponte ás portas da última fin de semana de xullo, como vén ocorrendo nos últimos anos, o que reduce a visibilidade mediática duns documentos que adoitan poñer en dúbida a boa xestión da que vén gabándose o Goberno de Feijóo. Tras anos reiterando que a Xunta non está a cumprir as recomendacións que se lle formulan para mellorar o control dos cartos públicos en múltiples ámbitos, Contas centrou desta volta un dos seus estudos en analizar o cumprimento por parte do Goberno galego en 2016 das reclamacións en materia de contratación que lle realizara cinco anos antes.
Contas leva anos reiterando que a Xunta non está a cumprir as recomendacións que se lle formulan para mellorar o control dos cartos públicos en múltiples ámbitos
Segundo Contas, as recomendacións que están a ter un menor nivel de cumprimento por parte do Goberno galego son as que reclamaban “evitar a proliferación de modificados ou o fraccionamento contractual”, cun índice de seguimento que nese último caso reduce ao 20%. Pola contra, a Xunta si está a cumprir en mellor grao no incremento dos procedementos de contratación por concurso público aberto ou a limitación das tramitacións urxentes que lle permiten restrinxir prazos e requisitos e con eles a posible competencia. O fraccionamento contractual consiste en que a administración divida un contrato que polo seu elevado importe tería que adxudicar a través dun concurso público aberto á competencia para poder no seu lugar entregar a dedo os contratos fraccionados resultantes con importes por baixo do límite legal que permite a adxudicación discrecional.
A Consellería de Medio Ambiente e a Axencia de Infraestruturas fragmentaron contratos malia que previamente llo negaran ao Consello de Contas
Para realizar a súa análise o ente fiscalizador analizou unha mostra de contratos realizados en 2016 polas consellerías de Medio Ambiente, Infraestruturas, Mar e Medio Rural, así como pola Axencia Galega de Infraestruturas, ás que previamente preguntara pola súa actuación nesa materia. Segundo Contas, Medio Ambiente, Infraestruturas e a Axencia de Infraestruturas contestáronlle que non fraccionaran ningún contrato, pero a verificación posterior realizada por Contas constatou fraccionamentos en todos os departamentos analizados agás a Consellería de Infraestruturas, da que á súa vez depende a Axencia Galega de Infraestruturas.
En concreto, Contas di que “na Axencia Galega de Infraestruturas detectouse a existencia de fraccionamento en expedientes que representan o 5% da contratación menor realizada”. Esa porcentaxe de fraccionamento de contratos é segundo Contas dun 2% na Consellería do Mar e dun 1,04% na de Medio Ambiente, na que atribúe o incumprimento en concreto á Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo. Contas tamén sinala o fraccionamento de nove contratos en Medio Rural pero non cuantifica a porcentaxe que iso supón.