O ente fiscalizador fai público este xoves un informe que pide unha mellor planificación estratéxica por parte da Xunta
O Consello de Contas, ente independente fiscalizador das administracións públicas galegas, prevé facer público este xoves varios informes, entre eles un sobre as actuacións da Xunta para cumprir os obxectivos de dixitalización da educación previstos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia estatal. O informe, segundo puido saber Praza.gal, constata eivas na formación do profesorado e pide que a Xunta conte cunha planificación estratéxica das súas actuacións na materia "sistematizando actuacións e documentación".
En pleno debate sobre a educación dixital, con centros dándose de baixa do programa E-Dixgal e coa propia Xunta admitindo que é necesario reformular o sistema, o informe do Consello de Contas céntrase na execución dos fondos estatais para a materia, analizando tres actuacións: dotación de dispositivos portátiles e conectividade, instalación de sistemas dixitais interactivos e formación do profesorado.
No eido da formación o informe sinala eivas como que a 31 de decembro pasado, dos 1.169 centros fixados como obxectivo do programa, só se impartira formación ao profesorado en 664, estando "pendente de cumprimento" 505.
Así, entre as recomendacións que formula Contas están que "os plans de formación do profesorado vinculados a financiación específica deben respectar as condicións de cada programa" e que "para cada programa, debe haber un plan de formación e seguimento das accións formativas e da participación efectiva".
Contas pide á Xunta "realizar un estudo sobre a fenda dixital do alumnado en centros públicos para mellorar a planificación de accións tecnolóxicas"
O informe de Contas que se vai facer público este xoves tamén pide melloras na planificación. Así, indica que "a planificación interna das tres actuacións foi axeitada, a pesar de non contar cun documento estratéxico". E reclama á Xunta "elaborar un documento de planificación estratéxica para programas con fondos Next Generation, sistematizando actuacións e documentación".
Contas tamén reclama "realizar un estudo sobre a fenda dixital do alumnado en centros públicos para mellorar a planificación de accións tecnolóxicas", "abordar a fenda dixital considerando as necesidades reais de todos os centros, independentemente da súa participación en programas anteriores" ou que "as necesidades da fenda dixital deben ser priorizadas e supervisadas pola administración educativa".