7 de cada 10 familias amósanse "en total desacordo" ou "en desacordo" coa continuidade do programa e menos do 20% apoian o seu desenvolvemento. O rexeitamento é superior canto máis pequenos son os nenos e nenas
Nos últimos anos vén medrando entre as familias o malestar provocado polo programa de educación dixital Edixgal e son moitas as asociacións de nais e pais que iniciaron mobilizacións para solicitar a súa eliminación no centro de ensino dos seus fillos e fillas. Hai uns meses a Confederación de Anpas Galegas xa cuestionou publicamente a utilidade do programa, que a Xunta defende que nin beneficia nin prexudica o alumnado e a pasada semana presentou un completo informe realizado a partir de catro mil enquisas con familias, 1.600 usuarias de Edixgal.
O estudo amosa o rexeitamento ao Edixgal por parte dunha ampla maioría das familias cuxos fillos e fillas estudan en centros que o aplican, de xeito que 7 de cada 10 se amosan "en total desacordo" ou "en desacordo" coa continuidade do programa e menos do 20% apoian o seu desenvolvemento. O rexeitamento é superior canto máis pequenos son os nenos e nenas e chega ao 73% en 5º e 6º de Primaria, con só un 16% de respostas favorables a Edixgal.
A primeira reacción da Consellería de Educación foi restar valor á enquisa realizada por Anpas Galegas, subliñando o departamento que a mostra non era "representativa"
A primeira reacción da Consellería de Educación foi restar valor á enquisa realizada por Anpas Galegas, sinalando o departamento que a mostra non era "representativa" e que as respostas sumaban só o 3% de todas as familias afectadas polo programa. Educación defende a utilidade de Edixgal, "un modelo híbrido onde o papel e o dixital conviven e se complementan con bos resultados académicos".
O pasado mes de maio a consellaría presentou un estudo interno que defendía que Edixgal non prexudicaba nin a aprendizaxe nin as cualificacións do alumnado. "Tanto investimento, tanta propaganda e tanto esforzo por parte de familias e alumnado para non avanzar nada?", retrucaban pola súa banda as anpas.
Nais e pais critican que "despois de dez anos a Consellería non fora quen de facer un estudo avaliativo serio deste programa" e subliñan que este informe "permite identificar patróns claros na valoración das familias sobre Edixgal"
A Confederación de Anpas xa respondeu ás críticas lanzadas por Educación á representatividade da enquisa, preguntándose "a cantas nais e pais preguntou a consellaría". A entidade recoñece que "a mostra non é estatisticamente representativa, pois non se empregou un procedemento ao azar para a súa selección". Porén, engade, isto non quere dicir "que non teña valor científico e social e permita identificar un problema", sobre todo cando é a única enquisa realizada sobre esta cuestión entre as familias.
Nais e pais critican que "despois de dez anos a Consellería non fora quen de facer un estudo avaliativo serio deste programa" e subliñan que este informe "permite identificar patróns claros na valoración das familias sobre Edixgal". O estudo amosa as críticas das familias áo programa pola distracción que xera no alumnado, polo prexuízo á capacidade de lectura, polo maior gasto que supón e, en xeral, polo efecto negativo que provoca na aprendizaxe. A estas eivas sumaríanse outras, como as sinaladas por A Mesa, que alerta de que a dixitalización nas aulas da ESO reduce aínda máis a presenza do galego ou as advertidas polos propios docentes.
"Hai que repensar o uso dos recursos educativos para poñelos ao servizo da escola que queremos, para o que resulta imprescindible a participación da comunidade educativa", din as Anpas
A presidenta da Confederación de Anpas Galegas, Isabel Calvete pídelle a Román Rodríguez que "deixe de menosprezar o traballo serio e transparente que fan as representantes das familias e póñase a traballar". Reclámalle que "sente a dialogar con quen lle levamos adiantado o paso e que estamos dispostas a unha constante colaboración" e que entensa que "as familias non falamos, como vostede, por intereses sectarios, senón pola mellora do futuro das nosas fillas e fillos". "Hai que repensar o uso dos recursos educativos para poñelos ao servizo da escola que queremos, para o que resulta imprescindible a participación da comunidade educativa", conclúe a Confederación.
O programa Edixgal leva dez anos en marcha (dende o curso 2014-15), unha década de "aprobado en recursos" pero "suspenso en contidos" no que se repartiron polos centros milleiros de ordenadores portátiles que pasaron a ser o cerne da actividade nas aulas e da aprendizaxe do alumnado. Os resultados, alertan docentes e familias, moitas horas de pantalla, contidos por veces exiguos e pouco atractivos impostos desde a Consellaría e o resultado dun empeoramento na comprensión lectora e expresión escrita do alumnado.
Neste curso por vez primeira descendeu o número de centros adheridos a Edixgal, xa que houbo máis baixas (23) que altas (6)
84 centros comezaron a aplicar o programa no curso 2014-15. Nos anos seguintes o número de colexios e institutos adheridos medrou con rapidez, ata acadar un máximo no curso 2023-24, con 630 centros, superando os 60.000 alumnos e alumnas. Porén, este ano foron máis os que se deron de baixa (23) que os que se deron de alta (6), de xeito que por primeira vez descendeu o número de centros participantes.
Son moitos os centros nos que as familias están a pedir a eliminación do programa, aínda que nalgúns casos, a baixa debe agardar un prazo de tres anos.
Os resultados da enquisa: nulos beneficios e moitas eivas
Son moitos os centros nos que as familias están a pedir a eliminación do programa, aínda que nalgúns casos, a baixa debe agardar un prazo de tres anos
A enquisa levada a cabo pola Confederación de Anpas Galegas foi dirixida e coordinada por Esther Martínez Piñeiro, profesora da Area de Métodos de investigación e Diagnóstico en Educación da Universidade de Santiago. O estudo incluía preguntas sobre o funcionamento de Edixgal (respondidas unicamente polas familias de centros nos que o programa se está a aplicar) e, en xeral, sobre o uso de "recursos dixitais" e tecnoloxías nas aulas e sobre a importancia de mellorar as "competencias dixitais" do alumnado e sobre a mellor forma de facelo.
A principal conclusión do estudo, recollida no primeiro gráfico desta información, é o rexeitamento xeral á continuidade do programa, pero a enquisa busca debullar os posibles "beneficios" e "prexuízos" detectados polas familias. Os defensores do programa reivindican que Edixgal mellora a aprendizaxe, a autonomía e a motivación do alumando. Porén, as familias non están a ver iso nos seus fillos e fillas.
O 73% das nais e pais que responderon a enquisa rexeitan que o programa supuxera unha mellora na aprendizaxe e só un 11% concorda con este suposto beneficio do Edixgal. Ademais, un 37% das familias alertan de que os seus fillos e fillas agora "comprenden peor o que len"
O 73% das nais e pais que responderon a enquisa rexeitan que o programa supuxera unha mellora na aprendizaxe e só un 11% concorda con este suposto beneficio do Edixgal. De 1 a 5 outórganlle un valor de 1,85. De igual xeito, tan só un 15% cre que o Edixgal aumentara a "motivación" do alumnado (e un 65% rexéitao por completo)
Pola contra, un 37% das familias alertan de que os seus fillos e fillas agora "comprenden peor o que len" e un 49% advirte de que co Edixgal teñen que facer un esforzo extra para "estar pendentes do que fai no ordenador". Unha porcentaxe significativa (31%) advirte ademais de que supón "un gasto maior ao non contar coas axudas para libros de texto" e tamén de que supón un gasto importante "en impresión de materiais".
O 48% do alumnado emprega Edixgal na aula entre 3 e 5 horas diarias, e un 11% incluso máis deste tempo. Ademais, hai que sumarlle o tempo dedicado ao ordenador nos seus fogares
O uso dos ordenadores nas aulas, alertan as familias, pasa a ser moi intensivo e convértense no centro das actividades e da aprendizaxe. O 48% do alumnado emprega Edixgal na aula entre 3 e 5 horas diarias, e un 11% incluso máis deste tempo.
As actividades que se fan con máis frecuencia na aula son a “lectura de documentos de texto”, “atopar información en liña sobre temas ou acontecementos do mundo real”, e” escribir ou editar texto para un traballo de clase”.
A puntuación global que lle outorgan ao Edixgal é inferior a 4 puntos sobre 10, con valores máis reducidos en 5º e 6º de Primaria e 1º de ESO (entre 3,34 e 3,55) e algo superiores nos cursos máis avanzados, chegando a un máximo de 4,79 puntos en 4º de ESO
A este tempo de uso únese o que rapaces e rapazas lle dedican nos seus fogares, entre 1 e 2 horas (43%), aínda que un 23% emprega Edixgal na casa máis de dúas horas diarias. No outro extremo, un 34% úsao menos dunha hora diaria no seu fogar.
A puntuación global que lle outorgan ao Edixgal é inferior a 4 puntos sobre 10, con valores máis reducidos en 5º e 6º de Primaria e 1º de ESO (entre 3,34 e 3,55) e algo superiores nos cursos máis avanzados, chegando a un máximo de 4,79 puntos en 4º de ESO.
Só o 26,5% das familias cren que Edixgal serviu para mellorar as competencias dixitais do alumnado. As anpas conclúen que se nin sequera achegou melloras nesta cuestión, "cabe preguntarse entón que valor ten para a formación do alumnado"
Un dos aspectos máis soprendentes do estudo presentado pola Confederación de Anpas refírese á cuestión de se a competencia dixital do alumnado mellorou con Edixgal. O 47% familias rexeita que fose así, mentres que só o 26,5% responde que si. "Edixgal non mellora a aprendizaxe do alumnado, así o perciben as familias, e tamén o constata a propia Consellería, nin a súa motivación, pero tampouco parece conducir a mellorar o nivel da súa Competencia Dixital. Cabe preguntarse entón que valor ten para a formación do alumnado", conclúe o informe.
Existe un amplo acordo o en que na escola o alumnado debe desenvolver un conxunto de habilidades, aptitudes e coñecementos relacionados co uso das TICs e nais e pais sinalan especialmente aquelas relacionadas coa seguridade e o emprego responsable das tecnoloxías. A cuestión, indica o informe, é se Edixgal tal e como está concibido "permite ou favorece desenvolver precisamente esta área competencial, porque o feito de usar un libro dixital non ten que conducir necesariamente a facer un uso máis responsable doutros recursos dixitais".
As anpas conclúen que Edixgal -sendo un recurso dixital- vén reproducir "o modelo pedagóxico que xa tiñamos nas aulas, centrado no libro de texto, como elemento sobre o que xira o proceso de ensino". En cambio, apostan por "un cambio de modelo cara outro que sexa máis favorecedor da aprendizaxe colaborativa e interdisciplinar"
En xeral, nais e pais son críticos coa escasa formación e información recibida sobre o funcionamento do programa. Unha alta porcentaxe de nais e pais afirman non ter recibido "ningunha información sobre o programa, nin sobre o uso que se lle vai dar en cada materia, nin o que supón usar Edixgal para a mellora do proceso de ensino-aprendizaxe nin sobre as posibles pautas para acompañalos na casa no uso desta plataforma".
Estes resultados "deixan ver que a implementación dun recurso destas características se levou a cabo sen contar nin tan sequera a nivel informativo coas familias", conclúe o informe, que engade que "non se posibilitou as nais e pais comprender o que levaba consigo o emprego de Edixgal na aula".
As anpas conclúen que Edixgal -sendo un recurso dixital- vén reproducir "o modelo pedagóxico que xa tiñamos nas aulas, centrado no libro de texto, como elemento sobre o que xira o proceso de ensino". En cambio, apostan por "un cambio de modelo cara outro que sexa máis favorecedor da aprendizaxe colaborativa e interdisciplinar, e da creación e do protagonismo do alumnado; con maior individualización e adaptación ao ritmo e circunstancias de cada estudante, que atendera á contorna e a realidade de cada escola".
As familias rexeitan de forma clara que os recursos educativos dixitais deban ser os principais na aula, e reclaman un papel máis directivo ao docente no emprego deste tipo de recursos, especialmente en Infantil e Primaria
As familias rexeitan de forma clara que os recursos educativos dixitais deban ser os principais na aula, sendo igual a proporción das que pensan que se lles debe dar un uso puntual (49,4%) e as que consideran que deben combinarse co emprego doutros en función do contexto (49,3%).
As nais e pais outorgan un papel máis directivo ao docente no emprego deste tipo de recursos en educación Infantil e Primaria, mentres que nas etapas superiores medra a porcentaxe de nais e pais que esperan maior protagonismo do alumnado. Reclaman, polo tanto, un uso máis activo en función do problema que se lle presente, atendendo ao nivel competencial e de autorregulación de cada alumno/a, aspectos que dependen do nivel madurativo pero que tamén poden ser traballados na aula.
A valoración sobre o emprego dos recursos dixitais na aula é globalmente mala
A valoración sobre o emprego dos recursos dixitais na aula é globalmente mala. Considérase que o seu uso non mellora a motivación dos/as menores (só o 23% así o pensa), nin o traballo colaborativo (só o 19% o cre) e non favorecen a aprendizaxe dos contidos (apenas o 19% concorda).