Docentes urxen cambios na educación dixital da Xunta: "as familias esperaban outra cousa"

Un momento da xornada sobre dixitalización do ensino, celebrada en Vigo. CC-BY-NC-SA Confederación de Anpas galegas

O debate sobre a dixitalización da escola subiu un chanzo a pasada fin de semana da man da Confederación de Anpas galegas, que reuniu persoal docente e da pedagoxía nunha xornada co obxectivo de deitar luz sobre este asunto e destapar as eivas do proceso

“Moitos centros educativos conseguiron a dotación de medios a través de E-Dixgal e limitáronse a esa tecnoloxización. Pero as familias e a sociedade esperaban outra cousa, outros usos e outras formas de integrar a tecnoloxía”, explica Montse Castro, profesora de Didáctica e Organización Escolar na Universidade da Coruña. A Administración, explica Castro, priorizou a dotación de recursos pero non a propia escola nin o modelo de escola que queremos. "Primeiro debería haber un modelo e un proxecto. Centráronse na estética e nos materiais, e non no modelo educativo”, engade a docente.

O debate sobre a dixitalización da escola subiu un chanzo a pasada fin de semana da man das familias da Federación de Anpas galegas, que reuniron persoal docente e da pedagoxía relacionada coa novas tecnoloxías nunha xornada baixo o título “A dixitalización na escola a análise” co obxectivo de deitar algo de luz sobre este asunto.

"Estas ferramentas dixitais teñen que servir para a creación de coñecemento, non para a absorción dos contidos"

Aínda que a dixitalización do sistema educativo debería ir moito máis alá da adopción da plataforma E-Dixgal, o feito é que este é o principal plan na materia que ten marcha a Administración galega desde hai máis de dez anos, implantado actualmente nos dous últimos cursos de Primaria e para a ESO dos centros que o soliciten. O programa está presente en aproximadamente 630 escolas e institutos, o 60% dos centros públicos de Galicia, malia que podía estar en todos. Tras máis dunha década en funcionamento, aínda non se fixo ningunha avaliación dos seus resultados. Nos últimos tempos, ademais, multiplicáronse as voces de familias que piden directamente a eliminación do E-dixgal tal e como está formulado.

Na práctica moitos centros o que fan é un uso tradicional da plataforma como se de libros de texto se tratase. “É unha cuestión social e ten que haber un debate para pensar e repensar as prácticas docentes”, defende Castro, que participou na xornada celebrada no museo Verbum de Vigo. A profesora defende as posibilidades da tecnoloxía aplicada á escola xa que permite un grande abano de formatos para ler, mirar ou escoitar; posibilita, así mesmo, unha aprendizaxe personalizada, á medida de cada estudante pero ten que estar ao servizo dun proxecto pedagóxico. “Estas ferramentas dixitais teñen que servir para a creación de coñecemento, non para a absorción dos contidos. O alumnado ten que ser o protagonista”, explica a docente, especializada en inclusión educativa e atención á diversidade.

Visións reducionistas

“Se seguimos co ensino memorístico e de repetición, acompañado de deberes e fichas, cal é o sentido do dixital?, cuestiona Jesús Rodríguez, mestre e pedagogo que exerce como profesor da área de Didáctica na Universidade de Santiago. Rodríguez dá por “superado” o debate de “dixitalización si ou non”. “As cuestións dixitais están presentes na nosa vida diaria e a escola non pode ir por outro lado”, defende. O profesor, experto en materiais e recursos didácticos, alerta das “visións reducionistas”, que levan a negar o dixital obviando as grandes posiblidades que ofrece para a aprendizaxe como xa se están a desenvolver en moitos centros, aínda que haxa moitos casos onde a dotación tecnolóxica non derivara nunha metamorfose real cara a unha educación dixital.

Hai anos que se fala do ensino contextualizado, de poñer o alumnado no centro, do intercambio de profesorado ou da elaboración propia dos recursos. Porén, o E-dixgal, ofrece contidos de calidade moi mellorable, segundo os propios docentes alertan, que proveñen dun número moi limitado de editoriais. “A oferta é limitada, pero é que non crearon as condicións de formación nin para os propios docentes nin no ámbito familiar para a súa posta en marcha. Púxose o carro diante dos bois”, detalla Jesús Rodríguez, presidente da Iartem (asociación internacional para investigación dos libros de texto e a educación dixital).

Portada dunha guía de boas prácticas no eido da educación dixital. CC-BY-NC-SA Grupo de Investigacion Stellae

O docente forma parte do grupo de investigadores e investigadoras das Facultades de Educación de Galicia, Valencia e Canarias, que veñen desenvolvendo desde hai unha década dous proxectos de investigación centrados nos procesos da dixitalización no ensino de Primaria e Infantil. Froito deste traballo publicaron algunhas guías de boas prácticas para axudar a familias e docentes.

Rodríguez asegura que se pode “entender” o rexeitamento dalgunhas familias ou docentes do plan de educación dixital implantado actualmente. “Se eu teño uns libros de texto normais e logo libros de texto dixitais moi malos, o normal é que non os queira. O tránsito do tradicional ao dixital é moi exixente”, subliña.

Condicionan o uso na escola, pero o problema do móbil está na vida diaria, na casa. O problema está no social

Jesús Rodríguez tamén amosa a súa preocupación polas medidas de prohibición da Administración, como no caso do teléfono móbil, que obedecen, asegura “a unha visión reducionista” do tema. “Están condicionando o uso na escola, pero o problema do móbil está na vida diaria, na casa. O problema está no social”, di. O pedagogo aposta por enfatizar a integración didáctica deste recurso. “Podemos traballar na análise das imaxes no Instagram, abordar as distintas APP, difundir experiencias de boas prácticas didácticas… Desde logo a aposta debería ser máis formación e menos prohibición"

Desde a Confederacion de Anpas galegas defenden que os recursos deben estar ao servizo dun proxecto formativo e non ao contrario. “O problema non é usar pantallas e dispositivos tecnolóxicos, senón o contido que hai detrás delas e o uso que se fai dos recursos que conteñen. Aprender con tecnoloxía para reproducir vellas prácticas pedagóxicas non supón innovación. Os recursos dixitais poden estar ao servizo da inclusión, a diversidade do alumnado, e a equidade, pero tamén poder servir para reproducir vellos modelos e perpetuar a brecha dixital e entre familias”, explica Esther Martínez, coordinadora da xornada.

Exemplo dun contido de Edixgal © AulaPlaneta

"Cómpre renovar contidos e técnicas, así como mellorar a formación do profesorado e das familias, pero está claro que a educación ten que seguir o ritmo da sociedade”, deféndese desde a Confederación de Anpas galegas

A asociación está a elaborar agora un documento de conclusións para enviarllo á Consellería de Educación e que tome boa nota das reflexións, recomendación e do coñecemento compartido. Hai que ter en conta que houbo unha vintena de centros que xa se borraron do programa dixital da Xunta.

A presidenta da Confederación de Anpas galegas, Isabel Calvete, pola súa banda, defende que tras tanto barullo e críticas sobre a dixitalización, quixeron achegar información veraz sobre o asunto coa bagaxe das persoas expertas para poderen adoptar tamén unha postura ao respecto, logo de que varias Anpas decidisen borrarse do programa dixital da Xunta. “O ensino dixital ten que funcionar, con todas as precaucións e evolucionar. Cómpre renovar contidos e técnicas, así como mellorar a formación do profesorado e das familias, pero está claro que a educación ten que seguir o ritmo da sociedade”, resume a presidenta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.