Román Rodríguez recoñece que están a percibir a preocupación “dalgunhas familias” sobre o programa educativo dixital da Xunta
Unha “ferramenta didáctica de primeirísimo nivel” que conta con todo o “recoñecemento da comunidade educativa”. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, defende así o proxecto de educación dixital da Xunta de Galicia, chamado E-Dixgal, ante as numerosas críticas que nos últimos tempos están a agromar tanto desde o ámbito docente como das familias.
Moitas nais e pais de alumnado galego están a reclamar activamente a eliminación do E-Dixgal co obxectivo de evitar a sobre exposición ás pantallas e as consecuencias que, segundo argumentan, están xa a notar como o empeoramento da comprensión lectora e da escritura así como a perda da capacidade de concentración. Ademais, tamén alertan da falta de control sobre os contidos aos que acceden os cativos a través dos dispositivos da Xunta.
Román Rodríguez recoñece que están a percibir a preocupación “dalgunhas familias” sobre o programa educativo dixital, denominado E-Dixgal, pero asegura que "na inmensa maioría" dos centros hai unha convivencia entre a educación analóxica e a dixital.
Rodríguez entende que existe “un debate moi interesante” sobre como deseñar o sistema de aprendizaxe”. E defende en Galicia a necesidade dun “debate sereno” pero sen “demonizar a tecnoloxía ou as competencias dixitais”, di.
O conselleiro argumenta que non podemos ser un país nin un sistema educativo “pendular” de todo ou nada, ao tempo que detalla as virtudes dun programa que “democratiza o acceso ao coñecemento e á propia tecnoloxía”.
Unha das principais críticas tanto dos profesores como das familias vén pola falta de avaliación dos resultados dun programa implantado hai xa dez cursos
Unha das principais críticas tanto dos profesores como das familias vén pola falta de avaliación dos resultados dun programa implantado hai xa dez cursos. Por este motivo, e ante as consultas reiteradas que están a recibir, desde a Confederación de Anpas galegas están a organizar unha xornada, que será en xaneiro en Vigo, con persoas expertas para se poder postular a favor ou na contra do programa.
Neste curso estudan a través de dispositivo dixital un total de 64.200 alumnos de entre 5º de Primaria e 4º de ESO de 630 centros, 34 deles de nova incorporación con respecto ao pasado curso, segundo os datos da Consellería de Educación.